DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2010 Páx. 19.635

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2010 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo de presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) como órgano encargado de realizar a valoración previa da actividade docente, investigadora e de xestión necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Por Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, publícase o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio do 30 de xaneiro de 2001 para a creación do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2009). A disposición transitoria terceira do citado convenio establece que, mentres a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación a que fai referencia o artigo 23º dos estatutos, seguiranse aplicando os establecidos polas normas en vigor no que non contradigan o establecido pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, na súa

redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

En consonancia co anterior, a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento polos cargos de xestión levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 16 de outubro de 2006 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión (DOG do 26 de outubro).

Con respecto ao establecido no artigo 8º.1 da devandita orde, por acordo da CGIACA, do 18 de outubro de 2010, concretáronse os cargos que poderán asimilarse aos sinalados na citada Orde do 16 de outubro de 2006, que se incorporan a esta resolución como anexo I.

De conformidade coa citada normativa, o Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia convocará, mediante resolución, a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a asignación destes complementos retributivos.

Por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, polos que se delegan na súa presidencia a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira.-Obxecto.

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión establecido no artigo 2º.4 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Segunda.-Destinatarios.

De conformidade co disposto no artigo 1º do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, poderá solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor en activo das universidades públicas que compoñen o Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Terceira.-Requisitos.

De conformidade co citado artigo 1º do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, o artigo 6º.4 da mesma disposición, así como co disposto polo artigo 2º.2 da Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión, para obter a valoración positiva será preciso:

1. Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: reitor de universidade, vicerreitor ou secretario xeral da universidade, decano ou director de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamento, director de instituto universitario, en calquera das institucións universitarias ou de educación superior públicas galegas, estatais ou europeas; e aqueles cargos directamente relacionados coa xestión académica ou da investigación equiparados, para efectos exclusivos deste complemento, pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación recollidos no anexo I desta resolución.

2. Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delito ou falta no desempeño das funcións propias deste.

Computaranse os períodos de tempo de ocupación dos correspondentes cargos desde a entrada en vigor da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, ata o 31 de decembro de 2009, sempre e cando nesta última data xa se tivese producido o cesamento efectivo.

Cuarta.-Formalización das solicitudes.

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a instancia e a relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2009 nos modelos dispoñibles na aplicación informática (anexos II e III), á cal se poderá acceder a través da páxina web:

www.acsug.es

2. Non se valorarán os méritos que non fosen incorporados telematicamente.

Quinta.-Presentación das solicitudes.

1. Unha vez cubertos os impresos (anexos II e III) telematicamente, deberán imprimirse e presentarse nos lugares sinalados no número 5.2, debidamente asinados, xunto coa documentación que se relaciona a seguir, sempre que esta non fose remitida telematicamente:

*Fotocopia do documento acreditativo da identidade do solicitante (DNI ou equivalente).

*Documentación acreditativa dos cargos desempeñados:

-Cargos desempeñados nas universidades pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia: neste suposto non será precisa a presentación de documentación acreditativa dos citados cargos. A ACSUG, logo de autorización expresa dos solicitantes nas respectivas instancias, solicitará directamente a devandita información ás correspondentes universidades.

-Cargos desempeñados no resto de institucións: deberá presentarse a documentación xustificativa: certificado oficial emitido pola secretaria xeral da correspondente universidade ou órgano equivalente, ou no seu caso, fotocopia dos boletíns ou diarios oficiais en que consten respectivamente o nomeamento e o cesamento.

2. As solicitudes dirixiranse á presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e poderán presentarse en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como nos rexistros de calquera das universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia.

Sexta.-Prazo.

O prazo para presentar as instancias de solicitude para asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.-Admisión a trámite e emenda das solicitudes.

1. A ACSUG comprobará que as solicitudes presentadas no prazo cumpran cos requisitos establecidos pola Orde do 16 de outubro de 2006 e demais normativa de aplicación necesarios, para admitilas a trámite.

2. Será imprescindible presentar a seguinte documentación:

-Modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo II.

-Fotocopia do documento acreditativo da identidade do solicitante (DNI ou equivalente) -en papel ou telematicamente-.

-Relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2009 (anexo III).

3. Cando as solicitudes presentadas no prazo non acompañen os documentos esixidos no parágrafo anterior, ou non reúnan os requisitos exixidos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que proceda á súa emenda de conformidade co disposto no citado artigo. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desiste da súa petición.

4. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, as correspondentes avaliacións faranse con base na documentación acreditativa dos cargos desempeñados que achegase o interesado ata ese momento e ás certificacións posteriores emitidas polas universidades do Sistema Universitario de Galicia por solicitude da ACSUG.

Oitava.-Procedemento.

1. O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión.

2. No suposto de que algún dos cargos desempeñados e alegados polos solicitantes non estea incluído no anexo I desta resolución, a CGIACA será a encargada de decidir sobre a súa inclusión e valoración.

3. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA previos á asignación singular e individual dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades serán notificados a cada solicitante persoal e directamente, sen prexuízo do disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 13 de abril). Estes acordos esgotan a vía administrativa e poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

4. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades para que procedan, se é o caso, por medio dos seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Novena.-Efectos económicos.

Cando, de conformidade co disposto na base anterior, se proceda á asignación dos referidos complementos polas universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do 1 de xaneiro de 2010.

Décima.-Protección de datos de carácter persoal.

Nesta convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Lamas de Abade, s/n. CIFP Compostela 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Décimo primeira.-Entrada en vigor.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2010.

María Patrocinio Morrondo Pelayo

Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

Ver referencia pdf "22800D010P035.PDF"