DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2010 Páx. 19.633

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación.

O 5 de novembro de 2010 foi confirmada polo laboratorio nacional de referencia a presenza do organismo nocivo Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (en diante B. xylophilus), organismo de corentena causante de importantes perdas nas masas de piñeiros e outras especies sensibles, nunha masa de piñeiros do concello das Neves e tendo en conta os seguintes antecedentes:

Primeiro.-Durante o ano 2010 estase executando na Comunidade Autónoma de Galicia o Plan de acción nacional para o control do nematodo da madeira do piñeiro cuxa última revisión é de data do 25 de maio de 2010, en cumprimento da Decisión 2006/133/CE da Comisión, do 13 de febreiro de 2006, pola que se exixe aos estados membros que adopten con carácter temporal, medidas contra a propagación de B. xylophilus (e lexislación que a modifica) e establece as medidas que hai que adoptar para previr a introdución en territorio libre desta perigosa praga.

Segunda.-A presenza desta praga nunca ata o de agora se detectara en territorio da Comunidade Autónoma de Galicia pero cumpría a vixilancia para a erradicación dos posibles focos que previsiblemente procedentes de Portugal (onde a praga está estendida) puidesen producirse con fin de protexer as nosas masas de especies sensibles e non causar, así mesmo, graves prexuízos á industria galega da madeira.

Terceiro.-Como froito desas prospeccións nunha malla de 2 km×2 km nunha franxa de 20 km coa fronteira con Portugal que prevé o plan de control, detectouse o nematodo nunha mostra procedente duns piñeiros sitos nas coordenadas N 42º 08’ 08,7” e W 8º 26’ 38,3’’, no concello das Neves (Pontevedra), esta circunstancia é comunicada polo laboratorio da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA), dependente da Deputación Provincial de Pontevedra.

Cuarto.-Con data do 5 de novembro de 2010 foi confirmado este positivo polo laboratorio nacional de referencia para este tipo de pragas.

Quinto.-En cumprimento da normativa, a presenza desta praga foi comunicada o pasado 9 de novembro de 2010 ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM).

Sexto.-De acordo co artigo 3º do Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais o produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito ata países terceiros, o nematodo da madeira do piñeiro ten estatus legal de organismo nocivo cuxa propagación debe prohibirse en todos os estados membros da UE, se se presentan en determinados vexetais.

Polo anterior, cómpre declarar contaminado o foco referenciado e establecer diferentes zonas arredor del, nas cales se realizarán as actuacións precisas para a erradicación do nematodo, así como as prospeccións sistemáticas co fin de determinar o alcance da enfermidade e a adopción de todas as medidas fitosanitarias previstas no anexo da Decisión 2006/133/CE, actuacións que se realizarán atendendo ás seguintes consideracións legais e técnicas:

1. É competente para ditar esta resolución o director xeral de Produción Agropecuaria en virtude do disposto no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agrícola, que determina as competencias desta dirección xeral en materia de protección e control da sanidade vexetal.

2. O Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, sobre medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito cara a países terceiros (BOE nº 19, do 22 de xaneiro) atribúe ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, a execución das actividades relativas ás inspeccións en orixe, rexistro de produtores, pasaporte fitosanitario e controis fitosanitarios.

3. A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE nº 279, do 21 de novembro), establece nos seus artigos 18º e 50º as medidas fitosanitarias que as autoridades poden adoptar para o control e erradicación dos axentes patóxenos.

4. Cómpre acatar as medidas da Decisión 2006/133/CE da Comisión, do 13 de febreiro de 2006, coas súas posteriores modificacións, pola que se exixe aos estados membros que adopten, con carácter temporal, medidas complementarias contra a propagación de B. xylophilus:

En virtude dos feitos indicados e da lexislación en vigor,

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar a presenza da praga de corentena B. xylophilus no foco referenciado nas coordenadas N 42º 08’ 08,7” e W 8º 26’ 38,3”, do concello das Neves( Pontevedra).

Segundo.-Establecer dúas áreas, zona A chamada zona de erradicación, que afectará unha área de 1.500 m de raio arredor do foco onde se realizarán labores de erradicación de todas as especies sensibles, afectadas ou non polo nematodo. Zona B, chamada zona demarcada, establecida nun raio de 20 km arredor das coordenadas do punto positivo, na cal se realizará un labor de eliminación de árbores mortas que puidesen ser susceptibles de ser atractivas para o insecto vector Monochamus spp dificultando dese xeito a súa propagación pola eliminación dos seus nichos biolóxicos.

Terceiro.-Paralelamente ás actuacións específicas que se van realizar nas zonas A e B definidas no punto anterior, realizarase unha mostraxe intensiva establecendo distintas mallas de actuación:

-Nun raio entre 1.5 km e 3 km, a malla de mostraxe para detección da praga será de 500×500 m.

-Nun raio entre 3 e 5 km, a malla de mostraxe será de 1×1 km.

-Nun raio entre 5 e 20 km, a malla de mostraxe para detección da praga será de 2 km×2 km.

As actuacións citadas nos puntos segundo e terceiro repetiranse para cada punto positivo que xurda da malla oficial de 2×2 km realizada dentro do Plan de prevención do nematodo, pola Consellería do Medio Rural para o ano 2010.

Cuarto.-Comezarase coa destrución in situ das árbores afectadas, mediante calquera procedemento que elimine o risco de extensión da praga, priorizando aquelas que se atopen na parte máis exterior do que se considere o epicentro do brote. Así mesmo, farase unha prospección intensiva no perímetro inmediato das árbores afectadas non sintomáticas na procura de individuos afectados asintomáticos.

Quinto.-Inmobilizar cautelarmente os movementos de madeira sensible de industrias da madeira radicadas na zona de erradicación e demarcada para asegurar que o movemento desta madeira cara aos mercados non supón un risco de extensión da praga para o cal se tomarán as mostras necesarias. Desta circunstancia informarase, independentemente da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, ás industrias da madeira, que desenvolvan a súa actividade dentro do perímetro da zona de erradicación e demarcada.

Sexto.-Prohibir as cortas de madeira de especies sensibles na área de erradicación e demarcada ata que determinen as autoridades as medidas sanitarias para a eliminación ou transformación da madeira para a total erradicación do brote e asegurar a adopción das medidas que a Decisión comunitaria 2003/133/CE, do 13 de febreiro, determina para o movemento de vexetais e produtos vexetais dentro da zona de erradicación polo organismo nocivo B. xylophilus.

Sétimo.-Prohíbese a saída da zona de erradicación e demarcada de plantas, madeira, embalaxes e residuos de madeira de especies sensibles, sen os controis oficiais que habiliten que están libres da praga ou que se adoptaron as medidas para a súa inactivación. Serán informadas as industrias de calquera actividade, independentemente da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, sitas dentro do perímetro da zona demarcada, das medidas que se van adoptar para a contención do brote en canto ao uso de embalaxes que poidan supoñer un risco de extensión da praga, recomendándose o emprego de madeira tratada mediante procedementos térmicos e de embalaxes sometidas á Norma internacional de medidas fitosanitarias nº 15 (NINF 15).

Oitavo.-A Consellería do Medio Rural en coordinación co MARM elaborará un plan de acción para a erradicación do brote que preverá todas as medidas necesarias para a erradicación do brote co menor prexuízo posible aos intereses económicos dos silvicultores e dos valores ambientais e paisaxísticos.

Noveno.-Os concellos e superficies afectadas polas medidas de contención son as que se determinan no anexo que se xunta a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2010.

José Álvarez Robledo

Director xeral de Produción Agropecuaria

ANEXO

Concellos incluídos na zona demarcada de 20 km

Mos, Ponteareas, As Neves, Salvaterra de Miño, Arbo, A Cañiza, Mondariz-Balneario, Mondariz, Salceda de Caselas, O Porriño,Covelo, Crecente,Fornelos de Montes, Pazos de Borbén,Redondela, Tui, Melón e Vigo.