DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2010 Páx. 19.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 22 de novembro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica o artigo 17º.1 do anexo I da Orde do 28 de abril de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a incentivación da demanda comercial e desenvolvemento equilibrado dos eixes comerciais, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN220A-presentación electrónica).

Pola Orde do 28 de abril de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 85, do 6 de maio, establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a incentivación da demanda comercial e desenvolvemento equilibrado dos eixes comerciais, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2010.

No artigo 2º das súas bases reguladoras, precísase que na aplicación orzamentaria 08.03.751 A.781.1 o importe económico previsto para o financiamento das devanditas subvencións é de 1.500.000 euros, e no número 1 sinálase que o importe inicial entenderase máximo sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria. Para o obxecto de poder amparar un maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións.

No artigo 17º.1 da devandita orde establécese que, para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a documentación sinalada nel, tendo de prazo para presentala ata o 30 de outubro de 2010. Este artigo foi modificado pola Orde do 26 de outubro de 2010 (DOG do 29 de outubro) no sentido de ampliar o prazo de presentación da documentación xustifiactiva ata o 30 de novembro de 2010.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das solicitudes de concesión das devanditas subvencións, motivado polo longo proceso de avaliación, co fin de viabilizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido precepto.

Por todo o que antecede,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na orde desta consellería do 28 de abril de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 85, do 6 de maio, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a incentivación da demanda comercial e desenvolvemento equilibrado dos eixes comerciais, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria.

2. O incremento da dotación será de 704.497,96 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.751A 781.1, Asociacionismo comercial e integracións estratéxicas.

Unha vez efectuado este incremento, o importe total da dotación orzamentaria ascende a 2.204.497,96 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo segundo.-Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 17º.1 do anexo I das bases reguladoras da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 17 de decembro de 2010:

(...)».

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo primeiro desta orde non afecta o prazo da presentación de solicitudes establecido na Orde do 28 de abril de 2010.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria