DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2010 Páx. 19.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 19 de novembro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria da subvención convocada ao abeiro da Orde do 22 de xullo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a concellos de Galicia para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010. (IN223A-presentación electrónica).

A Orde do 22 de xullo de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 145, do 30 de xullo, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (IN223A-presentación electrónica).

No artigo 1º.3 da orde e 2º.1 do anexo I-bases reguladoras precísase que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 08.03.751-A.761.3, Transferencias de capital. Corporacións locais. Ordenación de espazos comerciais municipais, por un importe total de 7.424.000 euros, distribuídos en dúas anualidades, ano 2010: 3.324.000 euros, ano 2011: 4.100.000 euros.

Tamén se sinala que poderán incrementarse as contías previstas, publicándose no Diario Oficial de Galicia o aludido incremento, no caso da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, sempre que os fondos para este incremento procedan dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, así como da existencia de remanentes doutras convocatorias financiados con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Posteriormente, a Orde do 25 de outubro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 207, do 27 de outubro, ampliou a dotación orzamentaria inicialmente prevista para a anualidade de 2011 nunha contía de 1.091.000 euros.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria previsto para a anualidade de 2011 ascende a 5.191.000 euros.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicialmente prevista para a anualidade de 2010 resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Financiamento.

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista para a anualidade 2010 na orde desta consellería do 22 de xullo de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 145, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a concellos de Galicia, para a adecuación e modernización de establecementos comerciais, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (código de procedemento IN223A-presentación electrónica).

2. O incremento da dotación para a anualidade de 2010 será de 240.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.751-A.761.3, Transferencias de capital. Corporacións locais. Ordenación de espazos comerciais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria previsto para a anualidade de 2010 ascende a 3.564.000 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria