DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2010 Páx. 19.607

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 23 de novembro de 2010 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos traballadores de empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda, que comezará o vindeiro día 27 de novembro de 2010 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O artigo 28º.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2º do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da comunidade autónoma. O artigo 3º deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

A Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, dispón, no seu artigo 10º, que corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente (no sucesivo, Sogama) a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no Plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, engade no seu parágrafo segundo que toda a xestión de Sogama se realizará de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos na dita lei, para o que deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos, polo que respecta a Sogama e a este conflito, iníciase coa recepción dos residuos de máis de 270 concellos, atendendo a unha poboación superior a 2 millóns de persoas, o que supón unha media diaria de arredor de 2.500 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama por medio de camións e/ou trens, neste último caso, procedentes de Ourense e Vigo.

Non se debe descoñecer que o anuncio dos paros convocados polos traballadores das denominadas empresas auxiliares de Sogama afecta precisamente os traballadores das empresas subcontratistas de Sogama, empresas que realizan os procesos concretos de xestión dos residuos e que supoñen un cadro de persoal duns 400 traballadores afectados.

Polo tanto, os paros van dirixidos precisamente ás empresas que como subcontratistas de Sogama operan nas instalacións de transformación e xestión de residuos no municipio de Cerceda (complexo ambiental de Cerceda, CMC e vertedoiro de Areosa), imposibilitando directamente a prestación do servizo público referido nesta orde, e que está expresamente previsto nas leis 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, onde se cualifica a xestión de residuos como servizo ineludible á comunidade (no mesmo sentido a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Contencioso-Administrativo, sección primeria nº 1538/2002, rec. 380/2002, sendo relator Mª Dolores Galindo Gil, do 9 de outubro de 2002).

O proceso que se realiza nas instalacións de Sogama debe desenvolverse en ciclo continuo e, polo tanto, a súa interrupción é grave en calquera das súas fases. Non obstante, a dita interrupción resulta vital na fase final que se desenvolve no CMC e o seu vertedoiro de apoio en Areosa, toda vez que constitúen o punto central a que chegan diariamente os residuos e a súa paralización, aínda que sexa por un día, produciría o colapso do sistema. Ademais, no CMC localízanse instalacións como as plantas termoeléctrica e de coxeración, onde se produce a xeración de electricidade por valorización dos residuos urbanos, unha vez tratados nas fases previas. Por iso, as paradas descontroladas e a súa desatención por falta de operarios cualificados, supoñen un serio risco para a seguridade dos traballadores do complexo e para a integridade das instalacións.

No tocante ao comunicado de folga e que afecta a todos os traballadores das empresas contratistas e subcontratistas de Sogama nas instalacións do municipio de Cerceda, esta é de carácter indefinido e durante a totalidade da xornada laboral de cada quenda de traballo, polo que, de non decretarse os servizos mínimos, quedaría inmediatamente paralizada a xestión dos residuos desde o primeiro día.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles, non podendo garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalacións, mediante o sinalamento de servizos esenciais para a comunidade, que se fixan e xustifican nesta orde, tendo en conta a ausencia de acordo co comité de folga, dada a falta de identificación da súa composición. Débese sinalar que os servizos mínimos fixados son proporcionados, que se fixan en arredor do 36% do cadro de persoal afectado pola folga, tendo ademais en conta que o groso dos servizos se presta a tres ou dúas quendas e que ten que manterse aínda co mínimo imprescindible de persoal, en atención á

proposta de folga realizado.

Con base no anterior e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da comunidade autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta os traballadores das empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda que se iniciará o vindeiro día 27 de novembro e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación:

Ver referencia pdf "22800D001P007.PDF"

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos realizaraa a dirección das empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda.

Artigo 3º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas