DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 25 de novembro de 2010 Páx. 19.550

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 10/2010, do 11 de novembro, de modificación da Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.

Preámbulo.

A Lei 2/2004, do 21 de abril, creou o Servizo de Gardacostas de Galicia, configurado como un servizo público que, dentro das competencias atribuídas á Consellería do Mar, debe cumprir coas funcións de inspección e vixilancia pesqueira e coas de control do medio mariño, prevención e loita contra a contaminación mariña e salvamento marítimo, así como con aqueloutras que se lle poidan encomendar, atendendo, deste xeito, dunha forma eficaz as demandas do sector pesqueiro e marisqueiro nesta materia.

Deste xeito, a Lei 2/2004 creou tres escalas dentro do Servizo de Gardacostas: a escala técnica, a executiva e a de axentes, declarando a extinguir o anterior Servizo de Protección de Recursos e as escalas del dependentes, que viñan desenvolvendo as tradicionais funcións de inspección e vixilancia pesqueira.

Coa presente modificación preténdese a creación dunha nova escala, a escala operativa, coa finalidade de delimitar máis claramente as funcións que ten que desempeñar o distinto persoal integrante do Servizo de Gardacostas, máxime cando dentro destas funcións se atopan as relativas ao desempeño do mando das embarcacións pertencentes á Consellería do Mar, complemento indispensable para realizar as tarefas de inspección e vixilancia pesqueiras, así como as de salvamento marítimo, prevención e loita contra a contaminación mariña. Xunto a isto, con esta modificación adáptanse as titulacións profesionais que se precisan para exercer o mando en determinados buques adscritos ou pertencentes á consellaría á normativa establecida polo Real decreto 973/2009, do 12 de xuño, polo que se regulan as titulacións profesionais da mariña mercante.

Por outra parte, mediante a presente modificación suprímense os límites de idade requiridos para o persoal de novo ingreso nas novas escalas do Servizo de Gardacostas que establecía a disposición adicional terceira da Lei 2/2004, ao considerarse que non deben constituír un obstáculo para o acceso ao Servizo, xa que as funcións que este ten encomendadas poden ser realizadas por persoas que superen tales límites, sen diminuír a eficacia ou calidade do servizo público que se debe desenvolver.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación da Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.

Artigo único.-Modificación da Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.

A Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, modifícase nos seguintes termos:

Un. O punto 3 do artigo 1º queda redactado do seguinte modo:

«3. O Servizo de Gardacostas de Galicia contará coas seguintes escalas de funcionarios:

a) Escala técnica.

b) Escala executiva.

c) Escala operativa.

d) Escala de axentes».

Dous. Engádese un artigo 6º bis coa seguinte redacción:

«Artigo 6º bis. Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 22º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, dentro do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, créase a escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, coas especialidades de patróns/oas e mecánicos/as.

2. Para o acceso a esta escala esixirase estar en posesión do título de bacharelato ou técnico superior e do título profesional de patrón de pesca de altura ou patrón maior de cabotaxe ou patrón de altura ou equivalente ou superior, para a especialidade de patróns/oas, e do título profesional de mecánico naval maior ou mecánico maior naval ou equivalente ou superior, para a especialidade de mecánicos/as, sen prexuízo dos demais requisitos que poida establecer a oportuna convocatoria.

3. O seu sistema de acceso será o de promoción interna desde a escala de axentes ou o de oposición libre».

Tres. A disposición adicional terceira queda sen contido.

Disposición transitoria

Única.-Integración do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Na escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, subgrupo C1, poderá integrarse o persoal funcionario actualmente pertencente á escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, do mesmo subgrupo, que á entrada en vigor da presente modificación lexislativa teña a titulación profesional esixida. A opción individual á dita integración deberá efectuarse mediante o procedemento e no prazo que regulamentariamente se determinen.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de novembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente