A Orde do 27 de outubro de 2010 pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario establece no seu artigo 2º que, mediante resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, se habilitará un prazo para a presentación das solicitudes de nomeamento de persoal emérito polas corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario; se sinalará o momento en que as xerencias de xestión integrada, directores/as xerentes de atención especializada ou de atención primaria deberán iniciar os procedementos para o nomeamento de persoal emérito e, por último, se especificará o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito.
En desenvolvemento da devandita previsión,
RESOLVO:
Primeiro.-As xerencias de xestión integrada, xerentes de atención especializada ou de atención primaria deberán iniciar, se é o caso, os procedementos para o nomeamento de persoal emérito na data de entrada en vigor desta resolución.
Segundo.-As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar as solicitudes de nomeamento de persoal emérito no prazo de 10 días contados desde a entrada en vigor desta resolución, ante as xerencias de xestión integrada, directores/as xerentes de atención especializada ou de atención primaria, que se correspondan co posto de traballo que desempeñaba antes da súa xubilación a persoa cuxo nomeamento se solicita.
Terceiro.-Determinar que o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución será de tres.
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2010.
Rocío Mosquera Álvarez
Xerente do Servizo Galego de Saúde