DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 10 de novembro de 2010 Páx. 18.415

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 3 de novembro de 2010 pola que se regula o outorgamento da autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, a consideración como instalación de baixas emisións e a solicitude de exclusión de instalacións de pequeno tamaño para o período 2013-2020.

O cambio climático constitúe un dos desafíos máis importantes ao que o ser humano terá que enfrontarse nos vindeiros anos. O recoñecemento a nivel global desta problemática deu lugar á aprobación dun instrumento de acción, o Protocolo de Kioto, que entrou en vigor o 16 de febreiro de 2005.

A Unión Europea, adiantándose ao período de compromiso de Kioto, definiu unha estratexia coa finalidade de diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro das súas fronteiras. Entre as iniciativas postas en marcha para o cumprimento dos seus obxectivos, a UE aprobou a Directiva 2003/87/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de outubro de 2003, pola que se establece un réxime para o comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro na comunidade e pola que se modifica a Directiva 96/61/CE. A incorporación ao ordenamento xurídico español desta directiva realizouse a través da Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime de comercio de dereitos de emisión, na cal se establece a competencia das comunidades autónomas para o outorgamento da autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro que deben posuír todas as instalacións nas que se desenvolvan actividades enumeradas no anexo I da lei e superen os limiares que esta establece.

O réxime de comercio de dereitos de emisión iniciouse o 1 de xaneiro de 2005. A partir desta data as instalacións sometidas a este estiveron obrigadas a implantar un sistema de seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro e a entregar, con carácter anual, un número de dereitos de emisión equivalente ao dato de emisións verificadas. Da experiencia adquirida desde a posta en marcha do sistema, concluíuse que era necesario dispoñer dun réxime de comercio de dereitos de emisión máis harmonizado e cun ámbito de aplicación máis amplo para dar cabida a novos gases e sectores.

A implementación destas cuestións realizouse a través da aprobación da Directiva 2009/29/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de abril de 2009 pola que se modifica a Directiva 2003/87/CE para perfeccionar e ampliar o réxime comunitario de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro. A incorporación desta directiva ao ordenamento xurídico español realizouse principalmente a través da Lei 13/2010, do 5 de xullo, pola que se modifica a Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases efecto invernadoiro, para perfeccionar e ampliar o réxime de xeral de comercio de dereitos de emisión e incluír a aviación neste, aínda que tamén algunhas obrigas previas de notificación exixibles aos titulares de plantas industriais que se incorporan ao comercio de dereitos de emisión a partir de 2013 foron traspostas de xeito anticipado mediante a disposición adicional segunda da Lei 5/2009, do 29 de xuño.

A partir do 1 de xaneiro de 2013, iníciase un novo período de comercio que se estenderá ata o 31 de decembro de 2020. O ámbito de aplicación do réxime cambia de forma significativa debido á inclusión de novas actividades (produción de aluminio, cobre, zinc, metais non férreos en xeral, secadura e calcinamento de xeso, a produción de ácido nítrico, ácido adípico, glioxal e ácido glioxálico, amoníaco, compostos orgánicos de base, hidróxeno e carbonato sódico e a captura, transporte e almacenamento de CO2) e gases (os perfluorocarburos (PFC) na produción de aluminio, e o óxido nitroso (N2O) na fabricación dalgúns produtos na industria química) e a modificación dalgunhas das actividades que xa formaban parte do ámbito de aplicación no período 2008-2012 (adopción dun enfoque máis amplo da actividade de combustión, e modificación dos limiares para a actividade de fabricación de produtos cerámicos).

Para que todas as instalacións que estean afectadas polo ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 5 de xullo, pola que se modifica a Lei 1/2005, poidan incorporarse ao réxime de comercio de dereitos de emisión a partir do 1 de xaneiro de 2013, cabe regular o procedemento de outorgamento da autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro establecendo un tratamento distinto en función de se a instalación está xa en posesión da autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro para o período 2008-2012 ou non.

Nesta orde regúlanse tamén os trámites que se seguirán para a consideración como instalación de baixas emisións daquelas instalacións que o soliciten e cumpran co indicado no punto 16 do anexo I da decisión da Comisión, do 18 de xullo de 2007, pola que se establecen directrices para o seguimento e a notificación das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Así mesmo, establécese o procedemento para que as instalacións que poidan ser consideradas como pequenos emisores poidan solicitar a exclusión do réxime de comercio de dereitos sempre e cando cumpran cunha serie de requisitos entre os que se atopa a implantación de medidas equivalentes de redución de emisións e a implantación dun sistema de seguimento e notificación das emisións.

En virtude do anterior, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

I. Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto regular o proceso de outorgamento da autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro, a consideración como instalación de baixas emisións e a solicitude de exclusión de instalacións de pequeno tamaño para o período 2013-2020.

2. Están comprendidas no ámbito de aplicación desta orde todas as instalacións que, operando no espazo territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan algunha das actividades incluídas no anexo I da Lei 13/2010, do 5 de xullo, pola que se modifica a Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro para perfeccionar e ampliar o réxime xeral de comercio de dereitos de emisión e incluír a aviación neste, agás a actividade da aviación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para efectos do disposto nesta orde entenderase por:

a) Instalación incluída no réxime a partir de 2013: toda instalación que se incorpora por primeira vez ao réxime de comercio de dereitos de emisión o 1 de xaneiro de 2013 e lle sexa outorgada a autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro antes do 30 de xuño de 2011.

b) Instalación existente: toda instalación que posúa autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro para o período 2008-2012 e que non experimente ningún cambio na cobertura da súa autorización ao pasar ao período de comercio 2013-2020.

c) Instalación existente ampliada: toda instalación que posúa autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro para o período 2008-2012 e que vexa modificada a cobertura da súa autorización ao pasar ao período de comercio 2013-2020.

d) Novo entrante: toda instalación que lle sexa concedida a autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro por primeira vez despois do 30 de xuño de 2011 ou toda instalación que, sendo posuidora dunha autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, sexa obxecto dunha ampliación significativa despois do 30 de xuño de 2011, á cal se lle conceda unha nova autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro ou renovación desta.

II. Procedemento para o outorgamento da autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Artigo 3º.-Obriga dos titulares.

Todas as instalacións afectadas polo ámbito de aplicación desta orde deberán contar coa autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro concedida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 4º.-Solicitude de autorización.

1. Deberán solicitar a autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro para o período 2013-2020 todas as instalacións afectadas polo ámbito de aplicación desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e presentaranse preferentemente no rexistro da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación da solicitude para as instalacións consideradas segundo o artigo 2 desta orde como instalacións incluídas no réxime a partir de 2013, instalacións existentes e instalacións existentes ampliadas será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2010. No caso dos novos entrantes a solicitude presentarase, en calquera caso, antes da entrada en funcionamento da instalación.

Artigo 5º.-Documentación requirida.

1. Para a solicitude de autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, o titular dunha instalación considerada segundo o artigo 2 desta orde como instalación existente deberá presentar o formato de solicitude contido no anexo desta orde cuberto.

2. No caso dunha instalación considerada segundo o artigo 2 desta orde como instalación incluída no réxime a partir de 2013, novo entrante ou instalación existente ampliada, o titular deberá presentar o formato de solicitude contido no anexo desta orde cuberto xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditación de ser titular da instalación.

b) Unha proposta de plan de seguimento que cumpra cos requisitos exixidos no punto 4º.3 do anexo da decisión da Comisión, do 18 de xullo de 2007, pola que se establecen directrices para o seguimento e a notificación das emisións de gases de efecto invernadoiro (Decisión/2007/589/CE) ou ben na normativa comunitaria e normativa de desenvolvemento que sexa establecida en substitución da anterior.

c) No caso de novos entrantes, indicarase a data prevista de entrada en funcionamento.

Artigo 6º.-Emenda da solicitude.

Examinada a solicitude, se faltase algún dos documentos previstos por esta norma notificaráselle ao solicitante para que, segundo prevé o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emende as deficiencias observadas no prazo de 10 días, contados desde o día seguinte ao da notificación realizada. No caso contrario, terase por desistido da súa petición e procederase ao arquivo do expediente.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ditará no prazo máximo de tres meses resolución que poña fin ao procedemento e notificaralla ao interesado. Transcorrido o citado prazo sen terse notificado resolución expresa, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo. Non obstante, a instalación poderá seguir funcionando de xeito provisional, sempre que teña establecido un sistema de seguimento de emisións conforme o disposto na Lei 13/2010, mentres a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolva de forma expresa.

2. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de produción dos efectos do silencio. Sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente, transcorrido o prazo de tres meses sen ter notificado resolución expresa entenderase desestimado. Non obstante, cando o recurso de alzada se interpuxese contra a desestimación por silencio administrativo dunha solicitude polo transcurso do prazo, entenderase estimado este se, chegado o prazo de resolución, o órgano administrativo competente non ditase resolución expresa sobre este.

Artigo 8º.-Contido da autorización.

1. A autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro terá o contido seguinte:

a) Nome e enderezo do titular da instalación.

b) Identificación e domicilio da instalación.

c) Unha descrición básica das actividades e emisións da instalación.

d) As obrigas de subministración de información de acordo coa normativa comunitaria aplicable e, se é o caso, coa normativa de desenvolvemento.

e) As obrigas sobre o uso de sistemas automatizados e formatos de intercambio de datos para harmonizar a comunicación sobre o plan de seguimento, o informe anual sobre as emisións e as actividades de verificación entre o titular, o verificador e as autoridades competentes.

f) A obriga de entregar, nos catro meses seguintes ao final de cada ano natural, dereitos de emisión en cantidade equivalente ás emisións totais verificadas da instalación durante o ano anterior.

g) A obriga de abrir unha conta de haberes de titular no rexistro de dereitos de emisión.

h) A data prevista de entrada en funcionamento, se fose necesario.

i) A obriga de facilitar a información que lle sexa requerida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental coa finalidade de defender os intereses das instalacións galegas nos procesos de negociación sobre cambio climático a nivel nacional e internacional.

j) O plan de seguimento presentado polo titular de acordo co indicado no artigo 5 desta orde será incluído na autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro como anexo, unha vez que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental comprobe que o documento cumpre cos requisitos establecidos na normativa comunitaria e na normativa de desenvolvemento vixente no momento da concesión da autorización.

2. A autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro, se así o solicita o titular, poderá cubrir unha ou máis instalacións, sempre que estás estean situadas nun mesmo lugar, garden relación de índole técnica e conten co mesmo titular.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental revisará, cando menos cada 5 anos, a autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro e introducirá as modificacións oportunas.

Artigo 9º.-Modificación da autorización e do plan de seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro.

1. O titular deberá informar a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre calquera proxecto de cambio no carácter, o funcionamento, o tamaño da instalación, ou daqueles que supoñan ampliación ou redución significativa da súa capacidade, así como de todo cambio que afecte a identidade, o domicilio do titular e a información contida na documentación presentada de acordo ao artigo 5 desta orde.

2. Nestes supostos deberase presentar o formato de solicitude contido no anexo desta orde cuberto, acompañado da documentación prevista no artigo 5 desta orde que presente algunha modificación respecto á que serviu de base para a autorización de emisión. Esta solicitude tramitarase conforme o previsto nos artigos 4º a 7º desta orde.

3. No caso do plan de seguimento, o titular someterá todo plan de seguimento actualizado á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a súa aprobación. Unha vez revisadas as actualizacións propostas, poderase aprobar a actualización do plan de seguimento sen modificar a autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro da instalación.

Artigo 10º.-Extinción da autorización.

As autorizacións de emisión de gases de efecto invernadoiro quedarán extinguidas nos supostos de:

a) Peche da instalación.

b) Falta de posta en funcionamento da instalación, transcorridos tres meses desde a data de inicio de actividade prevista na autorización, salvo causa xustificada declarada polo órgano competente para outorgar a autorización.

c) Nos supostos de sanción conforme o previsto na Lei 1/2005, do 9 de marzo.

d) Suspensión da actividade da instalación durante un prazo superior a un ano.

III. Instalacións de baixas emisións (IBE).

Artigo 11º.-Instalacións de baixas emisións (IBE).

A instalación de baixas emisións concíbese como a instalación cuxas emisións medias notificadas e verificadas sexan inferiores a 25.000 toneladas de CO2 ao ano durante o período de comercio 2008-2012. Se os datos sobre emisións notificados deixaron de ser aplicables por cambios nas condicións de funcionamento ou na propia instalación, ou se non hai un historial de emisións verificadas, o titular da instalación presentará á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental un informe no que se realice unha previsión prudente das emisións dos seguintes cinco anos con menos de 25.000 toneladas anuais de CO2 fósil.

Artigo 12º.-Solicitude para a consideración da instalación como instalación de baixas emisións (IBE).

Todas as instalacións que estando afectadas polo ámbito de aplicación desta orde pretendan a súa consideración como instalación de baixas emisións deberán presentar ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, conxuntamente coa solicitude de autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro regulada nos artigos 4º e 5º desta orde, un informe onde se explique de xeito claro e conciso que se cumpre algunha das condicións especificadas no artigo 11 desta orde.

Artigo 13º.-Resolución de consideración como IBE.

1. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolverá conxuntamente coa autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro no prazo máximo de 3 meses. Transcorrido o citado prazo sen terse notificado resolución expresa, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente.

2. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de produción dos efectos do silencio. Sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente, transcorrido o prazo de tres meses sen ter notificado resolución expresa entenderase desestimado. Non obstante, cando o recurso de alzada se interpuxese contra a desestimación por silencio administrativo dunha solicitude polo transcurso do prazo, entenderase estimado este se, chegado o prazo de resolución, o órgano administrativo competente non ditase resolución expresa sobre este.

Artigo 14º.-Plan de seguimento de gases de efecto invernadoiro das instalacións consideradas como instalacións de baixas emisións (IBE).

As instalacións que teñan a consideración de instalacións de baixas emisións poderán presentar, para efectos do establecido no artigo 5º desta orde, un plan de seguimento simplificado de acordo co indicado no apartado 16 do anexo I da decisión da Comisión, do 18 de xullo de 2007 ou, no caso de ser substituída a citada decisión, nas directrices que a nova regulación sobre seguimento e notificación das emisións dispoña.

IV. Solicitude de exclusión de instalacións de pequeno tamaño.

Artigo 15º.-Solicitude de exclusión de instalacións de pequeno tamaño.

1. O titular dunha instalación considerada de acordo coa disposición adicional cuarta da Lei 13/2010, do 5 de xullo, como instalación de pequeno tamaño, poderá solicitar a exclusión do sistema de comercio de dereitos de emisión presentando o formato de solicitude contido no anexo desta orde cuberto xunto coa documentación requirida na citada disposición adicional cuarta da Lei 13/2010, do 5 de xullo, e na normativa de desenvolvemento.

2. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e presentaranse preferentemente no rexistro da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación da solicitude será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de febreiro de 2011.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "21600D001P007.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA