DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 09 de novembro de 2010 Páx. 18.350

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 183/2010, do 4 de novembro, polo que se regulan as entidades identificadoras para a prestación de servizos de identificación do gando bovino, ovino e cabrún e o seu rexistro oficial.

As obrigas en materia de identificación animal das especies bovina, ovina e cabrúa, definidas respectivamente no Real decreto 1980/1998 e no Real decreto 947/2005, determinaron na última década a implantación en Galicia dun sistema organizativo garantista que, tomando en consideración as peculiaridades da estrutura pecuaria galega, se sustentou na colaboración de persoas veterinarias autorizadas para tal fin, conseguindo deste xeito un alto grao de eficacia, aínda que cun custe económico moi elevado.

A evolución da gandaría galega nos últimos anos, caracterizada por unha forte redución no número de explotacións e un incremento dos censos medios por explotación, xunto co desenvolvemento das novas tecnoloxías da información, permiten a formulación de novos sistemas organizativos da identificación bovina, ovina e cabrúa, capaces de manter as ratios de eficacia actuais cuns niveis de eficiencia máis adecuados.

A posta en función da oficina agraria virtual representa un importante activo na interacción entre a Administración e as persoas administradas. Este instrumento, en combinación co Servizo de Atención Telefónica á Cidadanía que ofrece a Xunta de Galicia, serve de vehículo na optimización do sistema de identificación bovina, ovina e cabrúa, que deste xeito, e sen prexuízo de que se poidan realizar a totalidade das xestións na oficina agraria comarcal correspondente, se planea sobre tres alternativas principais:

a) As persoas interesadas recollen nas oficinas comarcais un número de brincos auriculares calculado en función dos nacementos esperados na súa explotación durante un período de tempo determinado. A medida que se producen os nacementos, o propio gandeiro ou gandeira aplica os brincos e comunica os datos do animal mais o número de identificación a través da oficina agraria virtual. No caso do gando bovino, de xeito automático, a aplicación informática xerará a impresión do documento de identificación (DIB) que se remitirá por correo ao gandeiro/a.

b) A mesma opción, coa particularidade de que a comunicación dos datos do animal identificado a través da oficina agraria virtual se produce coa mediación do teléfono 012.

c) A persoa titular da explotación vincula voluntariamente a súa explotación cunha entidade identificadora, ben directamente na oficina agraria virtual, ben a través do teléfono 012. Neste caso, as entidades identificadoras actúan como depositarias dos brincos dos gandeiros cos que teñen un vínculo e, tras o nacemento dun animal, acoden á explotación correspondente a implantar o brinco, para posteriormente declarar o nacemento na oficina agraria virtual, que, no caso do gando bovino, xerará un DIB a remitir por correo ordinario á persoa titular da explotación.

A conxunción ordenada das tres canles permite ofrecer un dispositivo eficaz e eficiente que cobre a totalidade do territorio de Galicia. Unha vez que os dispositivos tecnolóxicos se atopan operativos, cómpre regular a figura das entidades identificadoras para a prestación de servizos de identificación do gando e a súa inscrición no correspondente rexistro.

A normativa comunitaria relacionada co sistema de identificación obriga as autoridades nacionais competentes a asegurar que todas as persoas encargadas da identificación e o rexistro reciban instrucións e directrices sobre as disposicións pertinentes do anexo do Real decreto 947/2005 e a formación axeitada. Por este motivo exíxese ás entidades identificadoras contar con persoal coa formación e experiencia suficiente e na cantidade necesaria para cumprir coas súas funcións.

Este decreto aplica a Directiva 2006/123, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 do decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior. Esta norma comunitaria ten o obxectivo de facilitar o exercicio da liberdade de establecemento dos prestadores e a libre circulación dos servizos, mantendo, ao mesmo tempo, un nivel elevado de calidade neste. Como consecuencia desta imponse a presentación dunha declaración responsable para o inicio da prestación de servizos de identificación do gando bovino, ovino e cabrún, por parte das entidades identificadoras de acordo co artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 30 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 30.I.3, do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas bases e a ordenación da actividade económica xeral e nos termos do disposto no artigo 149.I.13 da Constitución, ten competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría.

En consecuencia, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catro de novembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer as condicións que teñen que cumprir as entidades identificadoras para prestar os servizos de identificación do gando bovino, ovino e cabrún, definir as súas funcións e crear o seu rexistro oficial.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

a) Entidade identificadora: persoa física ou xurídica, pública ou privada, societaria ou unipersoal, que cumpre os requisitos que exixe a consellería competente en materia de gandaría, para a tenza e aplicación de dispositivos oficiais de identificación de animais das especies bovina, ovina e cabrúa, e que cumpre as condicións que se establecen neste decreto, a demanda da persoa propietaria dos animais.

b) Oficina agraria virtual: aplicación informática de acceso en rede, dispoñible na páxina web da consellería competente en materia de gandaría, que permite a realización on line de determinados trámites administrativos e consultas.

Capítulo II

Entidades identificadoras de gando bovino, ovino e cabrún

Artigo 3º.-Requisitos das entidades identificadoras.

1. As entidades que pretendan a tenza e aplicación de dispositivos oficiais de identificación de animais das especies bovina, ovina e cabrúa deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ter personalidade xurídica propia.

b) Dispor de medios técnicos suficientes para a realización das funcións de identificación e en concreto:

-Aplicadores semiautomáticos de brincos auriculares (tenaces).

-Medios informáticos adecuados para realizar a conexión vía web coa oficina agraria virtual.

-No caso de entidades que realicen a identificación do gando ovino e cabrún, equipos e dispositivos de lectura correspondente á norma UNE-ISO 11785:2005 e aptos para a lectura de transpondedores HDX e FDX-B, sendo a distancia mínima de lectura de 12 centímetros.

c) Contar con persoal coa formación e experiencia suficiente e na cantidade necesaria para cumprir coas súas funcións, segundo o número de explotacións ás que se preste o correspondente servizo e o ámbito territorial de prestación de servizos de identificación do gando.

d) Designar unha persoa responsable da recepción dos dispositivos de identificación. Cada vez que se produza un cambio neste, os datos do novo representante deberán ser comunicados á dirección xeral competente en materia de gandaría.

f) Adestrar previamente o persoal en materias básicas relacionadas co benestar animal, técnicas de manexo pecuario, particularidades operativas da aplicación dos dispositivos de identificación e cumprimento das restantes funcións relacionadas coa identificación e rexistro dos animais bovinos, ovinos e cabrúns.

Artigo 4º.-Funcións das entidades identificadoras.

1. As entidades identificadoras custodiarán un número de dispositivos oficiais de identificación proporcional ao censo de reprodutoras das explotacións ás que estean vinculadas. A persoa responsable designada pola entidade identificadora solicitará na oficina agraria comarcal correspondente ás súas zonas de actuación, logo de acreditar a súa identidade, a entrega do número de dispositivos de identificación que lles corresponda, que quedará convenientemente rexistrada.

2. En ningún caso se entregarán novos dispositivos mentres se manteñan en custodia un número superior ao 15% dos facilitados na entrega anterior.

3. As entidades identificadoras deberán levar un rexistro, de forma manual ou informatizada, que inclúa todos os datos dos animais identificados. O dito rexistro estará á disposición dos servizos veterinarios oficiais da consellería competente en materia de gandaría, e deberá ser presentado a solicitude destes. O rexistro conservarase un mínimo de tres anos tras a identificación dos animais.

4. As entidades identificadoras, por petición do titular da explotación á que presten os seus servizos, poderán realizar a través da oficina agraria virtual a comunicación de movementos (entradas e saídas) establecida no artigo 5 do Real decreto 728/2007, do 13 de xuño, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Movementos de Gando e o Rexistro Xeral de Identificación Individual de Animais, cos datos sinalados no seu anexo VI.

5. As obrigas de subministración de información á base de datos dos animais bovinos nados na explotación, ou dos movementos de entrada e saída de animais bovinos nesta, segundo o establecido no artigo 13 do Real decreto 1980/1998, e de movementos de entrada e saída dos ovinos e cabrúns, así como os datos dos ovinos e cabrúns identificados electronicamente, segundo establecen os artigos 12 e 13 do Real decreto 947/2005, consideraranse cumpridas por parte dos titulares das explotacións cando a entidade identificadora comunique os correspondente datos destes sucesos a través da oficina agraria virtual.

Artigo 5º.-Identificación do gando.

1. As entidades ás que se refire este decreto identificarán animais única e exclusivamente en explotacións bovinas, ovinas e cabrúas correctamente rexistradas segundo o establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

2. O persoal das entidades identificadoras aplicará aos animais os dispositivos de identificación por demanda da persoa titular da explotación, e comunicará os datos correspondentes a aqueles a través da oficina agraria virtual, nun prazo máximo de 24 horas tras a súa aplicación. As entidades gardarán e devolverán na oficina agraria comarcal correspondente ás súas zona de actuación os dispositivos defectuosos ou alterados durante a súa aplicación. Así mesmo, os responsables das entidades comunicarán de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da mencionada oficina a perda ou roubo de calquera medio de identificación, para os efectos da súa anulación na oportuna base de datos.

3. O persoal das entidades actuantes anotará, en todos os casos, no libro de rexistro da explotación o código de identificación asignado a cada animal identificado e a data de identificación, e colocará no espazo correspondente un selo identificador da entidade identificadora. Así mesmo, comprobará que, para cada animal identificado, figuran correctamente anotados no libro de rexistro por parte do titular da explotación a data de nacemento, o sexo, a raza e, no caso dos bovinos, o código de identificación da nai.

4. As entidades actuantes recollerán todos os datos dos animais bovinos e/ou ovinos e cabrúns identificados para a súa comunicación a través da oficina agraria virtual. Os datos que se van subministrar serán os recollidos no Rexistro Xeral de Identificación Individual de Animais establecido no artigo 4 do Real decreto 728/2007, do 13 de xuño, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Movementos de Gando e o Rexistro Xeral de Identificación Individual de Animais, figurando os correspondentes aos bovinos no seu anexo III, e os correspondentes aos ovinos e cabrúns no seu anexo IV.

Artigo 6º.-Responsabilidades.

1. En todos os casos o titular da explotación ou o posuidor dos animais será responsable do cumprimento dos prazos de identificación establecidos no artigo 6 do Real decreto 1980/1998, para o gando bovino, e no artigo 4 do Real decreto 947/2005, para o gando ovino e cabrún, así como dos prazos correspondentes ás comunicacións á base de datos da consellería competente en materia de gandaría. Para estes efectos, o responsable dos animais deberá solicitar á entidade os servizos de identificación ou de comunicación á base de datos coa antelación suficiente para asegurar o cumprimento dos ditos prazos.

2. No caso de perda ou deterioración dalgunha das marcas identificadoras dos animais, a entidade identificadora, por instancia do titular da explotación, poderá solicitar á empresa subministradora outra marca co mesmo código de identificación que a que se substitúe, procedendo posteriormente á súa colocación. A solicitude das ditas marcas deberá realizarse, en todos os casos, a través da oficina agraria virtual, e quedará rexistrada na base de datos da consellería competente en materia de gandaría. Así mesmo, as entidades rexistrarán na dita oficina agraria virtual a colocación das mencionadas marcas identificadoras, coa indicación da data de colocación.

Artigo 7º.-Comunicación da vinculación.

Cada titular de explotación interesado en subscribir o servizo dunha entidade identificadora deberá manifestar expresamente o seu vínculo, habilitándoa para tal fin na oficina agraria virtual, ben directamente, ben a través do número de atención ao cidadán, 012. Cada gandeiro/a só poderá estar vinculado a unha entidade. A habilitación pode ser retirada en calquera momento polo titular da explotación.

Capítulo III

Rexistro Galego de Entidades Identificadoras de Gando Bovino, Ovino e/ou Cabrún

Artigo 8º.-Creación do rexistro.

Créase o Rexistro de Entidades Identificadoras de Gando Bovino, Ovino e/ou Cabrún na Comunidade Autónoma de Galicia, para a custodia e aplicación de dispositivos oficiais para a súa identificación, como un rexistro público informativo adscrito á consellería competente en materia de gandaría e xestionado pola dirección xeral competente nesa materia.

Artigo 9º.-Organización do rexistro.

No dito rexistro figurarán, para cada entidade, cando menos, os seguintes datos:

a) Nome da entidade.

b) CIF/DNI.

c) Domicilio social.

d) Teléfono.

e) Enderezo electrónico.

f) Responsable da recepción e custodia dos elementos de identificación (nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto).

g) Ámbito territorial de actuación (mínimo concello).

h) Ámbito de especie (bovino e/ou ovino e cabrún).

i) Datas de inscrición, suspensións temporais ou limitacións para o exercicio da actividade.

Artigo 10º.-Tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.

O tratamento automatizado dos datos de carácter persoal que se conteñan no Rexistro de Entidades Identificadoras de Gando, realizarase de acordo co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais disposicións complementarias.

Artigo 11º.-Publicidade das entidades identificadoras.

A relación de entidades identificadoras e os datos de contacto con estas serán de acceso público na páxina web da consellería competente en gandaría e presentaranse nun formato de arquivo dispoñible para a súa descarga e utilización. Só o arquivo que figure na páxina web terá carácter oficial.

Capítulo IV

Prestación dos servizos correspondentes polas entidades identificadoras e inscrición no rexistro

Artigo 12º.-Declaración responsable.

1. Para a prestación de servizos correspondentes como entidade identificadora de gando requirirase que se presente en calquera dos rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou por vía electrónica neste enderezo mediorural.xunta.es/areas/gandaria/servizos_oav, atendendo ao disposto no artigo 71 bis da mesma lei, ante a dirección xeral competente en materia de gandaría, unha declaración responsable de cumprir os requisitos establecidos no artigo 3 deste decreto, conforme o modelo do anexo I deste decreto, xuntando a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento identificativo da identidade da persoa solicitante (DNI) e, de ser o caso, acreditación da súa representatividade ou autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

b) No caso de que a entidade que preste os servizos de identificación sexa unha persoa física, copia do seu DNI ou autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009 que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia. Cando a persoa titular se constitúa como persoa xurídica, copia do CIF e copia da acta de constitución.

c) Identificación da persoa responsable da recepción e custodia dos elementos de identificación, copia do DNI ou autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia e teléfono de contacto.

d) Declaración de contar cos medios técnicos necesarios para exercer as funcións que corresponden á entidade, así como, no caso de que a entidade que preste os servizos de identificación sexa unha persoa xurídica, declaración de posuír o persoal técnico necesario para o exercicio da actividade.

e) Relación dos concellos ou ámbito territorial para o que se presta o servizo e nos que a entidade exercerá as súas funcións.

2. A presentación da declaración responsable supón a habilitación para exercer a actividade desde o día da súa presentación, sen prexuízo de que a dirección xeral competente en materia de gandaría efectuará, en calquera momento, a comprobación do contido da declaración responsable.

Artigo 13º.-Inscrición de oficio.

A presentación da declaración responsable suporá a inscrición de oficio no Rexistro Galego de Entidades Identificadoras de Gando Bovino, Ovino e/ou Cabrún, sen prexuízo das consecuencias derivadas do disposto no artigo seguinte.

Artigo 14º.-Inexactitudes, falsidades ou omisións na declaración responsable e limitación na prestación de servizos pola entidade identificadora.

1. Conforme o establecido no artigo 71.bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se xunte á declaración responsable, ou a non presentación ante a dirección xeral competente en materia de gandaría da declaración responsable, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís a que houber lugar ou da imposición das sancións que de conformidade coa Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal correspondan.

2. A dirección xeral competente en materia de gandaría, poderá proceder, mediante resolución ditada tras a audiencia da persoa interesada, a declarar a imposibilidade do exercicio da actividade por parte das entidades identificadoras, nos seguintes supostos:

a) Existencia de incumprimentos das condicións necesarias para a autorización inicial da entidade, especificadas no artigo 3º deste decreto.

b) Existencia reiterada de incumprimentos das funcións e demais obrigas recollidas nos artigos 4º, 5º e 6º deste decreto, en especial do prazo de comunicación a través da oficina agraria virtual, da recollida dos datos dos animais identificados ou das anotacións nos libros de rexistro.

c) Falsidade constatada nos datos declarados na declaración responsable presentada.

d) Falla de comunicación constatada de modificación de datos do rexistro.

e) Falsidade constatada na comunicación de datos de animais identificados.

f) Constatación de realización de actuacións en explotacións non rexistradas segundo a normativa vixente, ou en explotacións para as que non se conta coa correspondente habilitación.

g) Constatación de uso irregular ou fraudulento de medios de identificación.

h) Cando se produza peche, quebra ou concurso de acredores na entidade, sen que a persoa titular tramitara a correspondente baixa.

3. Transcorridos seis meses desde a data da incoación do procedemento de limitación na prestacións dos servizos sen que fose ditada resolución, producirase a caducidade. Nestes casos, a resolución que declare a caducidade ordenará o arquivo das actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A resolución administrativa que impida o exercicio da actividade poderá ser impugnada en alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de gandaría, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. A dita resolución poderá acordar a imposibilidade de reiniciar a actividade no prazo que a dirección xeral competente en materia de gandaría determine.

5. Cando a dita resolución adquira firmeza procederase a instar a actualización inmediata do arquivo dispoñible na correspondente páxina web na que figuran as entidades identificadoras e á correspondente baixa e cancelación da inscrición no rexistro.

Artigo 15º.-Modificación das condicións da entidade identificadoras e renuncia do dereito ao exercicio da actividade.

1. Calquera modificación dos requisitos da entidade identificadoras establecidas no artigo 3º e, en concreto, a variación na persoa responsable da recepción dos dispositivos de identificación ou no ámbito de actuación no que se presta o servizo, deberá ser comunicada previamente, para que produza efectos, á dirección xeral competente en materia de gandaría. A falta de presentación dará lugar ás mesmas consecuencias establecidas no artigo 14º deste decreto.

2. As entidades identificadoras poderán renunciar en calquera momento ao dereito ao exercicio da actividade de identificación, tras a comunicación á dirección xeral competente en materia de gandaría. A dita renuncia suporá a baixa automática no rexistro.

Artigo 16º.-Anotacións no rexistro.

As inscricións, modificacións e cancelacións no rexistro de entidades identificadoras para a custodia e aplicación de dispositivos oficiais de identificación bovina, ovina e cabrúa na Comunidade Autónoma de Galicia realizaraas de oficio a dirección xeral competente en materia de gandaría e serán comunicadas ás persoas interesadas, unha vez que sexa presentada correctamente a declaración responsable ou que sexan firmes en vía administrativa as correspondentes resolucións de renuncias, suspensións temporais ou limitacións para o exercicio da actividade.

Capítulo V

Controis e sancións

Artigo 17º.-Controis.

1. A consellería competente en materia de gandaría, a través dos servizos veterinarios oficiais das oficinas agrarias comarcais, poderá realizar inspeccións para verificar o cumprimento por parte das entidades identificadoras dos requisitos establecidos neste decreto.

2. O resultado de toda inspección deberá reflectirse nun acta que indique, con detalle, as conclusións do control, calquera anomalía detectada, o motivo da realización do control e as persoas presentes nel.

3. As entidades identificadoras estarán obrigadas a subministrar a información que demanden os servizos veterinarios oficiais en relación coas actuacións obxecto de control.

Artigo 18º.-Réxime sancionador.

Os incumprimentos por parte das entidades identificadoras das disposicións establecidas neste decreto, en relación coa custodia dos dispositivos oficiais de identificación e a tenza dun rexistro dos datos dos animais identificados, serán sancionados conforme o réxime sancionador establecido na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

Disposición adicional

Única.-A prestación do servizo por parte das entidades identificadoras non entraña relación contractual laboral destas entidades nin dos seus empregados coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de gandaría para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto, e concretamente para a realización de modificacións nos seus anexos.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de novembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "21500D001P006.PDF"