DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 04 de novembro de 2010 Páx. 18.081

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 181/2010, do 21 de outubro, polo que se crea a Comisión Galega de Coidados Paliativos.

Os artigos 27.23º, 28.8º e 33 do Estatuto de autonomía de Galicia outórganlle á comunidade autónoma competencias para o desenvolvemento lexislativo en materia de sanidade e asistencia sanitaria, así como para organizar e administrar todos os servizos relacionados coa materia antes expresada. Ademais, o Decreto 310/2009, do 28 de maio, establece que lle corresponden á Consellería de Sanidade o exercicio das competencias no ámbito sanitario.

A posta en marcha de programas de coidados paliativos nos plans de saúde, como indicador da calidade da atención e do interese do sistema sanitario polo benestar dos seus cidadáns, é unha das principais estratexias do Sistema Nacional de Saúde.

En Galicia este interese evidénciase na creación dun marco para desenvolver de xeito homoxéneo e equitativo os coidados paliativos. Crear dispositivos de coidados paliativos supón un esforzo organizativo para a coordinación entre todos os medios e dispositivos do sistema sanitario.

Por todo isto, o Servizo Galego de Saúde considera unha prioridade a creación dunha Comisión Galega de Coidados Paliativos que facilite o desenvolvemento e implantación das directrices de coidados paliativos.

Na súa virtude, de conformidade co previsto no artigo 37 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e ámbito de actuación.

1. Créase a Comisión Galega de Coidados Paliativos como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, dependente do Servizo Galego de Saúde, e adscrito á Dirección de Asistencia Sanitaria deste.

2. O seu ámbito de actuación será a Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º.-Funcións.

1. A Comisión Galega de Coidados Paliativos terá como funcións:

a) Asesorar a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde en materia de coidados paliativos.

b) Emitir informes e realizar estudos sobre as cuestións de coidados paliativos que a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde consideren de interese para a comunidade sanitaria galega.

c) Ser o órgano de referencia en materia de coidados paliativos para as áreas de saúde.

d) Colaborar na xestión da Plataforma de coidados paliativos do Servizo Galego de Saúde, así como na elaboración de guías e protocolos de coidados paliativos.

e) Promover que a asistencia, formación e investigación en coidados paliativos se desenvolvan de acordo co establecido no Plan galego de coidados paliativos.

f) Contribuír a que a información sobre os coidados paliativos chegue tanto aos cidadáns coma aos profesionais.

g) Calquera outra que lle sexa encomendada ou solicitada pola Consellería de Sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde.

2. A comisión elaborará e aprobará o seu regulamento de organización e funcionamento, sen prexuízo da aplicación supletoria do previsto nos artigos 22 a 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No desenvolvemento das súas funcións, a comisión integrará a perspectiva de xénero para o que terá en conta as diferenzas que na análise, avaliación e intervención en materia de coidados intensivos, se poida dar en función do sexo.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Comisión Galega de Coidados Paliativos estará composta por:

-Presidente/a: director/a de Asistencia Sanitaria ou persoa en quen delegue.

-Vicepresidente/a: subdirector/a xeral de Planificación e Ordenación Asistencial ou persoa na que delegue.

-Secretario/a: unha persoa funcionaria ou estatutaria da Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

-Dez vogais.

2. As persoas que ocupen as vogalías serán designadas respectando a seguinte composición:

-Tres persoas licenciadas en medicina e cirurxía con dedicación aos coidados paliativos.

-Unha persoa licenciada en farmacia.

-Dúas persoas diplomadas en enfermaría con dedicación aos coidados paliativos.

-Un/unha traballador/a social.

-Un/unha psicólogo/a clínico.

-Un/unha asesor/a espiritual.

-A persoa designada para o exercicio da función de coordinación do Plan galego de coidados paliativos.

Na designación das persoas que ocupen as vogalías procurarase o respecto do principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na composición do órgano colexiado.

Artigo 4º.-A Presidencia.

1. O/a presidente/a da Comisión Galega de Coidados Paliativos será o/a director/a de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

Nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo/a vicepresidente/a.

2. Funcións do/a presidente/a:

a) Exercer a representación institucional e a coordinación da Comisión Galega de Coidados Paliativos.

b) Acordar as convocatorias das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día.

c) Convocar e presidir as sesións da comisión, moderar os debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir as votacións no caso de empate.

d) Velar polo cumprimento das leis e do Regulamento da Comisión Galega de Coidados Paliativos, resolvendo as dúbidas que poidan xurdir na aplicación deste.

e) Dispoñer o necesario para a execución e cumprimento dos acordos da comisión.

f) Cursar as peticións de información dos membros da Comisión Galega de Coidados Paliativos á Administración sanitaria, cando sexa necesaria para a elaboración dos ditames, informes ou estudos obxecto da actividade daquela.

g) Aprobar o calendario de reunións.

h) Visar as actas e certificacións dos acordos.

i) Cursar as invitacións a expertos colaboradores, cando a súa presenza sexa solicitada pola comisión ou polos grupos de traballo.

j) Expedir, coa súa sinatura, os informes, ditames e propostas da Comisión Galega de Coidados Paliativos, así como aqueles escritos oficiais que se xeren pola remisión destes.

k) Presentar á comisión, para a súa aprobación, un informe anual da actividade.

l) Adoptar as resolucións que exixa o correcto funcionamento da Comisión Galega de Coidados Paliativos.

m) Outras funcións que lle sexan legal ou regulamentariamente encomendadas.

n) Todas as demais que lle asigne o artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Vicepresidente/a.

1. O/a vicepresidente/a da Comisión Galega de Coidados Paliativos será o/a subdirector/a xeral de Planificación e Ordenación Asistencial ou persoa na que delegue.

Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, o/a vicepresidente/a será substituído/a por un/unha dos/as vogais designado/a polo/a presidente/a.

2. Funcións do/a vicepresidente/a:

a) Substituír o/a presidente/a nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

b) Formar parte de calquera dos grupos de traballo que sexan creados, cando for designado para o efecto.

c) Realizar as xestións e exercer as funcións que lle encomende o/a presidente/a ou lle sexan delegadas por calquera órgano da comisión.

Artigo 6º.-Os/as vogais.

Os/as dez vogais da Comisión Galega de Coidados Paliativos serán nomeados/as e cesados/as pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde. O nomeamento será por un período de tres anos, prorrogable por un período igual.

Artigo 7º.-Dereitos e obrigas.

Todos os membros que integran a Comisión Galega de Coidados Paliativos terán os seguintes dereitos e obrigas:

a) Asistir ás sesións da comisión e dos grupos de traballo dos que formen parte, logo de convocatoria, e participar nos seus traballos.

b) Obter información e documentación que precisen para o desenvolvemento das tarefas encomendadas.

c) Exercer o seu dereito de voto e manifestar o sentido e fundamento deste así como formular votos particulares.

d) Adecuar a súa conduta ao regulamento interno e ás directrices e instrucións ditadas ou recibidas no seu desenvolvemento.

e) Gardar a debida reserva en relación coas actuacións da Comisión Galega de Coidados Paliativos, e cos datos e informacións aos que teñan acceso por mor da súa condición de membros.

f) Actuar con lealdade e responsabilidade respecto do interese xeral e da representación que desempeñan, desenvolvendo fielmente as tarefas encomendadas.

Artigo 8º.-Secretario/a.

1. O cargo de secretario/a será desenvolvido por unha persoa funcionaria ou estatutaria que preste servizos na Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, e será proposto polo/a director/a de Asistencia Sanitaria e nomeado ou cesado pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, as súas funcións serán exercidas por outra persoa funcionaria ou estatutaria, designada polo/a presidente/a.

2. Funcións do/a secretario/a:

a) O secretario/a será o/a responsable da Secretaría da Comisión.

b) Asistir, con voz pero sen voto, ás sesións da Comisión Galega de Coidados Paliativos.

c) Efectuar convocatoria e redactar a orde do día das sesións da comisión seguindo as instrucións do/a seu/súa presidente/a, así como as citacións aos membros daquela.

d) Recibir os actos de comunicación entre a comisión e os seus membros, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento e estean relacionados co despacho ordinario dos asuntos.

e) Redactar, co visto e prace do/a presidente/a, as actas das sesións da comisión; así como emitir as certificacións dos acordos adoptados, consultas, ditames ou informes emitidos de conformidade co acordado pola comisión.

f) Levar e custodiar as actas, resolucións, informes, ditames, propostas e documentación da Comisión Galega de Coidados Paliativos.

g) Outras funcións que lle sexan encomendadas ou delegadas polo/a presidente/a, a comisión ou os grupos de traballo que se constitúan.

h) Arquivar toda a documentación da Comisión Galega de Coidados Paliativos.

i) Elaborar unha memoria anual que recolla todas as actividades desenvolvidas pola Comisión Galega de Coidados Paliativos que deberá ser entregada á Dirección de Asistencia Sanitaria, logo da súa aprobación pola comisión.

j) Calquera outra que lle sexa encomendada polo/a presidente/a da comisión.

Artigo 9º.-Funcionamento.

1. A periodicidade das reunións ordinarias da comisión terá, como mínimo, carácter cuadrimestral. Tamén poderá reunirse con carácter extraordinario cando o dispoña a presidencia ou o soliciten as dúas terceiras partes dos membros da comisión.

2. A comisión poderá acordar a creación de grupos de traballo para o estudo de temas concretos. No acordo de constitución farase constar o/a responsable, a composición, as funcións e as finalidades do grupo.

3. Así mesmo, a comisión poderá nomear persoas consultoras ou asesoras externas que colaborarán na súa condición de expertas en áreas específicas de coñecemento. Na súa participación nas reunións da comisión ou grupos de traballo as persoas expertas disporán de voz pero non de voto.

Artigo 10º.-Acordos.

Para a adopción de acordos no seo da Comisión Galega de Coidados Paliativos, ou nos grupos de traballo que se creen, será necesario o voto favorable da maioría dos seus membros, e axustarase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Única.-Crédito orzamentario.

A constitución e posta en funcionamento da Comisión Galega de Coidados Paliativos non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade ou ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións regulamentarias de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase a conselleira de Sanidade para adoptar as medidas necesarias para a aplicación e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade