DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 04 de novembro de 2010 Páx. 18.080

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2010, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se crean as distincións ao mérito deportivo de Galicia.

Conforme o seu Estatuto de Autonomía, artigo 27.22, a Comunidade Autónoma galega ten no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a axeitada utilización do lecer, competencia para cuxo desenvolvemento se publican a Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a posibilidade de efectuar convocatorias de ámbito autonómico para outorgar premios, distincións ou axudas á realización de actividades promotoras do deporte encamiñadas a mellorar a presenza do deporte galego nas distintas competicións ou manifestacións deportivas: artigo 11.1 letra b).

En exercicio desta atribución competencial, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia resolve instituír as distincións ao mérito deportivo de Galicia, que recoñecerán o labor ou traxectoria exemplar, xa sexa persoal ou colectiva, no ámbito deportivo e da educación física de persoas ou institucións que contribuísen, ou estean contribuíndo ao crecemento do deporte na nosa comunidade autónoma.

Polo exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación

dispoño:

Artigo 1º.-Obxecto.

1.1. Por esta resolución créase a distinción ao mérito deportivo de Galicia.

1.2. As distincións serán concedidas en recoñecemento do labor ou traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, ás persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que estean contribuíndo, ou constribuísen ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e da educación física da nosa comunidade autónoma.

1.3. As distincións poderán concederse a título póstumo.

Artigo 2º.-Concesión e efectos.

2.1. Os galardóns serán outorgados, anualmente e en número non limitado, por resolución do presidente da Xunta de Galicia, logo de proposta motivada do xurado cualificador.

2.2. A resolución de concesión será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

2.3. A concesión do galardón ten efectos honoríficos, non leva aparellada contraprestación económica ningunha. As distincións serán entregadas de forma solemne nun acto público en que se fará entrega aos galardoados dun trofeo acreditativo da distinción obtida.

Artigo 3º.-Xurado.

O xurado cualificador encargado de realizar a proposta motivada de concesión das distincións estará presidido polo titular da Secretaría Xeral para o Deporte, quen designará os vogais de entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito do deporte, da actividade física e da comunicación. Actuará como secretario un funcionario designado polo secretario xeral para o Deporte de entre os que se atopan ao servizo desta secretaría xeral, quen carecerá de voz e voto nas reunións do xurado.

A actividade do xurado non será retribuída.

Artigo 4º.-Revogación.

Nos casos de condutas contrarias ao deporte galego ou á Comunidade Autónoma de Galicia, e logo de audiencia ao interesado, o galardón poderá ser obxecto de revogación.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2010.

Por desconcentración (Decreto 325/2009)

José Ramón Lete Lasa

Secretario xeral para o Deporte