DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 02 de novembro de 2010 Páx. 17.951

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

INSTITUTO GALEGO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2010 pola que se crea a Comisión para a integración da igualdade e se nomean os seus membros.

O artigo 3 d) da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) (DOG nº 221, do 15 de novembro), sinala como un dos seus fins realizar o seguimento, a coordinación e promover a colaboración de accións en materia de prevención de riscos laborais dos diferentes departamentos da Administración autonómica.

O Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Issga, (DOG nº 124, do 27 de xuño), impón ao instituto no seu artigo 8.2º a creación da Comisión para a integración da igualdade, como unha comisión permanente de carácter asesor nos aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos, correspondéndolle á Subdirección Xeral Técnica e de Planificación a coordinación e a xestión da dita comisión. Sinala tamén que a comisión estará presidida pola persoa titular da citada subdirección e, dela, ademais de representantes da autoridade laboral, poderán formar parte representantes das unidades de igualdade dos departamentos da Xunta de Galicia.

Tamén a disposición adicional segunda do Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se crea o Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e as Relacións Laborais, e a integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais (DOG nº 167, do 29 de agosto), e para os efectos da integración activa do principio de igualdade de trato entre mulleres e homes nos obxectivos e nas actuacións das competencias autonómicas en materia de prevención de riscos, dispón a posible creación da Comisión permanente para a Integración da Igualdade nas Políticas Autonómicas de prevención de riscos laborais, nos termos que se establezan no desenvolvemento da Lei 14/2007, do 30 de outubro.

O 4 de maio de 2010 a Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), como un dos órganos de dirección do organismo, acorda iniciar os trámites para a constitución da comisión permanente de carácter asesor nos aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais, coa proposta das persoas designadas pola Administración na súa calidade de presidencia, vogais e secretaría.

A secretaría da Comisión de Goberno, con datas 11 de maio e 9 de xuño de 2010, solicita a designación formal dos técnicos que formarán parte da dita comisión permanente, tres en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e un en representación de cada organización sindical, que teñen presenza no seo da Comisión de Goberno. A CEG e as organizacións sindicais elevaron á Comisión de Goberno do Issga as súas propostas para a designación dos vogais da Comisión para a integración da igualdade. O 30 de setembro de 2010 a Comisión de Goberno da o visto bo á composición da Comisión para a integración da igualdade.

Co obxecto de procurar o funcionamento da Comisión para a integración da igualdade, que ten por obxectivo asesorar e orientar nos aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais e, en especial, o impulso de actuacións como propoñer as directrices sobre a avaliación do risco para a saúde da traballadora embarazada, que dera a luz recentemente ou en período de lactación, asesorar as actuacións especiais en materia de prevención de riscos sobre sectores laborais feminizados que realice a Administración pública autonómica ou atender as peticións de asesoramento que reciba, facilitando os criterios e as alternativas para unha correcta aplicación da prevención de riscos laborais, de acordo coas propostas realizadas e facendo uso das atribucións do artigo 6 da Lei 14/2007, do 30 de outubro,

RESOLVO:

Primeiro.-Acordar a creación da comisión permanente de carácter asesor nos aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais, prevista no artigo 8.2º, do Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

Segundo.-A comisión estará formada por:

a) O presidente ou presidenta da comisión, que será a persoa titular da Subdirección Xeral Técnica e de Planificación do Issga.

b) Tres vogais en representación da Administración, que serán:

-A persoa titular da xefatura do Servizo de Igualdade Laboral da Secretaría Xeral da Consellería con competencias en materia de traballo.

-A persoa titular da Xefatura do Equipo Técnico de Medicina Laboral do centro do Issga na Coruña.

-A persoa titular da Xefatura da Sección de Recoñecementos e Análise do centro do Issga en Lugo.

c) Como vogais, por proposta das súas correspondentes organizacións sindicais, integran a comisión as persoas que se relacionan a seguir:

-Pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia: Mar López Fariña.

-Polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras: Susana Martínez Sande.

-Pola Confederación Intersindical Galega: Paula González Grueiro.

d) Como vogais, por proposta da organización empresarial, as persoas que se relacionan a seguir:

Pola Confederación de Empresarios de Galicia:

-Ana Oróns Mata.

-Ana García Caeiro.

-María José Garrido Herrera.

O secretario ou secretaria da comisión, que será a persoa titular da Sección de Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada do Issga.

Terceiro.-Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2010.

Adela Quinzá-Torroja García

Directora do Instituto Galego de Seguridade

e Saúde Laboral