DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 25 de outubro de 2010 Páx. 17.642

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2010, da Dirección Xeral de Infraestruturas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 7 de setembro de 2010, relativa ao proxecto da autovía AG-59, treito A Ramallosa-A Estrada. Clave GA/08/022.00.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 7 de setembro de 2010, relativa ao proxecto da autovía AG-59, treito: A Ramallosa-Estrada. Clave GA/08/022.00, promovido pola Dirección Xeral de Infraestruturas.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2010.

Ethel Vázquez Mourelle

Directora xeral de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no 7 de setembro de 2010, relativa ao proxecto da autovía AG-59. Treito: A Ramallosa-A Estrada (GA/08/022.00), nos concellos de Teo, Vedra e A Estrada, promovido pola Dirección Xeral de Infraestruturas (clave 2009/0132)

Antecedentes.

O proxecto Estudo informativo e estudo de impacto ambiental da autovía AG-59, treito: A Ramallosa-A Estrada, nos concellos de Teo, Vedra e A Estrada, clave GA/08//022.00, foi aprobado pola Dirección Xeral de Infraestruturas na súa Resolución do 6 de outubro de 2009.

Dentro do referido procedemento de autorización administrativa sométese o proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental, dado que está incluído no grupo 6.a.1 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e do ambiente e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental presentado polo promotor no marco do citado trámite de avaliación ambiental.

Mediante Resolución do 6 de outubro de 2009, da Dirección Xeral de Infraestruturas, (publicada no DOG nº 200, do 13 de outubro), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do Estudo informativo e estudo de impacto ambiental da autovía Ag-59, treito: A Ramallosa-A Estrada, nos concellos de Teo, Vedra e A Estrada, clave GA/08//022.00.

Durante este período foron presentadas alegacións por parte das asociacións, empresas e particulares, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 4 de agosto de 2010 ten entrada expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Infraestruturas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados da información pública, os anuncios e os certificados de exposición ao público e as copias das alegacións presentadas e copia dos informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Saúde Pública e Planificación, Demarcación de Estradas do Estado, da Deputación da Coruña e dos concellos de A Estrada e Teo.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de existir contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, sen que poidan comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ás obras definidas no documento: Estudo informativo e estudo de impacto ambiental da autovía AG-59, treito: A Ramallosa-A Estrada, nos concellos de Teo, Vedra e A Estrada, clave GA/08//022.00, na configuración relativa á alternativa A, recollida no conxunto de planos nº 6 alternativa elixida, de outubro de 2009; coas seguintes modificacións resultantes do proceso de consultas e información pública, que deberán ser tidas en conta na redacción do proxecto de trazado e construtivo:

-Para conseguir eliminar ou minimizar a afección sobre o Castro de Vilacriste (GA36017189) entre os p.k. 3 + 500-4 +100 axustarase o trazado 50 m cara ao leste, e entre os p.k. 4 + 100-5 +800 desprazarase cara ao oeste 260 m.

-Para conseguir eliminar ou minimizar a afección sobre o lugar de Castro de Abaixo, entre os p.k. 8 + 400-10 +000 axustarase o trazado 65 m cara ao leste.

-Para asegurar unha adecuada conectividade da vía, desde o p.k. 10 + 500 ata o final, elíxese a alternativa B, que conecta coa variante da Estrada do Ministerio de Fomento, e actualmente está xa en fase de expropiacións de terreos; en lugar da alternativa A inicialmente proposta que conectaba coa variante de Portela, en fase de estudo informativo.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, e co fin de minimizar a emisión de po, ademais da rega de superficies e outras medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similares. Así mesmo, procederase, no caso de ser necesario, ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Protección dos niveis sonoros.

2.1. Adaptarase o estudo acústico presentando co estudo de impacto ambiental á traza definitiva; definirase con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras necesarias para minimizar a afección sonora co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e nas súas posteriores modificacións, e na ordenanza municipal contra a contaminación acústica dos concellos afectados ou, na súa falta, a aplicación do Decreto 320/2002, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as ordenanzas tipo sobre a protección contra a contaminación acústica (DOG nº 230, do 28 de novembro).

Ademais, dada a existencia de entidades de poboación e edificacións habitadas no contorno da traza, co obxecto de minimizar as afeccións sobre elas, na planificación dos traballos incluirase, para a súa aplicación dun xeito estrito, as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais graúdos.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico; por tanto, procederase ao balizamento ou sinalización adecuada dos tramos dos diferentes cursos de auga afectados polas obras, e limitarase o seu acceso soamente aos casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso deses cursos de auga.

3.2. Evitarase modificar as canles ou zonas de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura, dispoñendo tantos pasos de auga como valgadas existan. Por outro lado, estes drenaxes transversais dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa nas épocas de máxima precipitación. As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e, así, conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que todas as especies que caian poidan saír.

3.3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (encachamantos de pedra, pequenos diques, etc.) nos puntos de vertedura ao ambiente desta rede. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.

3.4. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorremento, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.

3.5. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.

3.6. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

3.7. Tomaranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía construíndo cunetas receptoras e balsas de decantación dimensionadas para absorberen a auga de escorremento con sólidos en suspensión antes de chegar aos leitos, facendo o mantemento da maquinaria en lugares adecuados, dimensionando as obras de drenaxe de acordo coa lexislación en materia de augas, protección da vexetación de ribeira, revexetación do terreo descuberto, etc.

3.8. Os movementos de terras próximos ás canles contarán con balsas de decantación para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de seren afectadas polos labores da execución da obra cumprirán, en todo momento (mesmo na época de estiaxe), o preceptuado no artigo 80º sobre calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

3.9. Todas as áreas contiguas aos eixes hídricos deben considerarse como zonas de non afección, cumprindo en todo momento o establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación con isto, todos os traballos que poidan afectar os cursos fluviais deberán ser executados en período de estiaxe para minimizar o impacto sobre os seus ecosistemas.

3.10. Todas as augas que saian das zonas de instalacións de obra derivaranse e someteranse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos.

3.11. O cruzamento dos cursos de auga deberá realizarse preferentemente mediante estruturas que, presentando a capacidade hidráulica precisa para o desauguamento de enchentes extraordinarias, non alteren o leito fluvial. Os estribos e zapatas deberán estar situados a unha distancia mínima desde a beira do curso. As citadas estruturas deberán presentar trazado perpendicular á dirección do fluxo, sen que a súa construción poida representar alteracións nela.

3.12. Deberase obter a preceptiva autorización do organismo de bacía, neste caso, Augas de Galicia; para a execución das obras en zonas de dominio público hidráulico ou de policía, as construcións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoñan un obstáculo para a corrente en réxime de enchente ou que poidan ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico.

3.13. En xeral, para o cálculo e deseño das obras de fábrica proxectadas, e debido á realización de obras en dominio público hidráulico, deberase considerar a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo), o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril (modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio), e as normas incluídas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa.

3.14. O trazado podería afectar a permeabilidade territorial dalgunhas zonas e algunhas fontes e/ou captacións de auga existente. Neste senso, terá en conta:

-Que se deberán manter os servizos e servidumes de camiño que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

-Que se establecerán as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes, canto ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas e, en concreto, deberase considerar a reposición da fonte e lavadoiro existente ao final da traza.

3.15. Durante a fase de remocións de terras necesarias para aterraplenar as vías, terase especial coidado de que non haxa achegas de materiais á rede de escorremento.

4. Protección do solo.

4.1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. As balizas e os sinais deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, e serán retirados cando estas finalicen.

Tamén se procederá a balizar ou, se for o caso, a sinalizar de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se for tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.

4.2. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, e procederase á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, se for o caso.

4.3. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etc.), e primarase o uso dos espazos ocupados pola traza, fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigonaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura á rede de escorremento. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

4.4. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa a vixente a respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empreguen para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

4.5. Non estando prevista a colocación de instalacións de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de instalación ou instalacións externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha instalación propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.6. A xestión da terra vexetal que empregue na restauración das zonas degradadas, retirada antes do movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando de que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas adecuadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con fornecemento de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.

4.7. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, e débese facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4.8. Na documentación avaliada faise referencia á existencia dun volume de sobrantes dos movementos de terras. A respecto disto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan na zona ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no ambiente. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.

4.9. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, en todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación con especies autóctonas o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión.

Asemade, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

4.10. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes deses residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na orden circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de

prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3).

5. Xestión de residuos e verteduras.

5.1. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

5.2. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, primándose a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura.

Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está a levar a cabo esta secretaría xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.), sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a un xestor autorizado.

5.3. Ao finalizaren as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos da obra.

5.4. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Evitarase a afección aos hábitats naturais de interese comunitario catalogados como tales segundo a Directiva 92/43/CEE, así como sobre calquera outro valor natural protexido, especialmente nos hábitats identificados como prioritarios.

6.2. Deberan presentarse perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, para a súa valoración e informe, os seguintes estudos:

-Estudo de permeabilidade da infraestrutura para a fauna, localizando os corredores ecolóxicos atravesados pola estrutura e lugar onde deben situarse os pasos de fauna. Atenderase, na medida do posible, ao establecido no libro Ministerio de Medio Ambiente. 2006. Prescripciones técnicas para el diseño de pasos de fauna y vallados perimetrales. Documentos para la reducción de la fragmentación de hábitats causada por infraestructuras de transporte, nº 1. O.A. Parques Nacionais. Ministerio de Medio Ambiente. Madrid. Incluirá os tratamentos de adaptación necesarios para todas as estruturas previstas para o paso da fauna, incluíndo as obras de drenaxe transversal e lonxitudinal. Débese indicar, así mesmo, que os tratamentos de adaptación de tipo vexetal deberán integrarse no proxecto de restauración e integración visual das obras e que os protocolos de seguimento e control das adaptacións deberán integrarse no programa de vixilancia ambiental a que se redactaren para a súa aplicación en

fase de obra e explotación da infraestrutura. Todas as actuacións neste marco deberán dispor de dotación orzamentaria suficiente como para que se considere unha medida directamente executable.

Neste estudo, e para evitar a fragmentación dos hábitats, considerarase a realización dos pasos de fauna nos puntos que funcionen como corredores ecolóxicos como son os cursos fluviais e as drenaxes transversais, entre outros.

Considerase a presenza de especies de caza maior na zona (preferentemente Sus scrofa), analizando as súas zonas de paso preferente, co obxecto de permeabilizar o trazado nos devanditos ámbitos e co fin de reducir a siniestralidade do novo sistema viario por esta causa.

Igualmente, considerarase a necesidade de evitar a intrusión lumínica na proposta de permeabilización da vía ao paso da fauna.

-Proposta de medidas preventivas, de control e corrección da potencial incidencia das obras sobre a calidade das augas e medios fluviais; así como dos adecuados protocolos de seguimento e control das aguas. Deberán constar co nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente como para que se considere unha medida directamente executable.

Neste marco, o deseño das estruturas de cruzamento sobre os ríos Santa Lucía, Ulla e Vea terán en conta a altura media do arboredo de ribeira nas zonas, así como a súa composición florística e estado de conservación, todo iso co obxecto de evitar afeccións sobre el.

-En atención a minimizar a posibilidade de impacto do proxecto sobre especies da flora e fauna de interese especial presentes no territorio, realizarase unha prospección respecto da presenza e/ou uso do territorio afectado polo trazado das seguintes especies: Narcissus cyclamineus, Milvus milvus, Rhinolophus spp e Myotis myotis. Incluirá, se así proceder, o deseño das oportunas e específicas medidas preventivas, de control protectoras e correctoras; así como os adecuados protocolos de verificación e control de impactos e medidas correctoras; estes últimos débense integrar no programa de vixilancia ambiental que se redacte para a súa aplicación en fase de obra e explotación da infraestrutura. Tamén incluirá as dotacións orzamentarias oportunas.

6.3. Dado que o trazado da vía afectará diversos cursos fluviais, algúns deles con presenza do hábitat prioritario 91EO* bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior, e tendo en conta o interese piscícola e ecolóxico dos ríos e regos afectados, hai que resaltar que as estruturas máis respectuosas co medio nos puntos de intersección entre canles fluviais e infraestruturas lineares, son os viadutos e pontes, xa que respectan o leito natural dos ríos e regos. Por este motivo, deberanse utilizar estas estruturas para que non se afecte o leito do curso fluvial nin os desprazamentos da fauna asociada nas épocas de estiaxe debido á escasa lámina circulante ou á elevada velocidade (é o caso das estruturas tipo marco ou tubo). Ademais, para protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial, deberanse colocar os estribos das pontes ou piares a máis de 5 metros de cada lado da canle, para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia, así como permitir o

paso dos pescadores.

6.4. No deseño das pantallas acústicas incorporarase todas as medidas correctoras e protectoras necesarias para evitar que se produzan colisións da avifauna contra elas.

6.5. Na programación das obras, os traballos que poidan prexudicar a fauna na súa época de cría, faranse fóra desta época. Se non posible, iniciaranse antes do período máis sensible, evitando así que a afección se produza sobre animais en reprodución.

6.6. Preverase a construción de ramplas de escape das drenaxes perimetrais e foxos que permitan a saída de animais que poidan caer dentro.

6.7. Realizarase unha delimitación especial dos espazos de contorno do río Ulla e os seus afluente tributarios, co obxecto de acadar a máxima protección do espazo Rede Natura 2000. Ademais, informarase o Servizo Provincial de Conservación da Natureza e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza do inicio das obras e da fase de implantación.

6.8. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, e realizaranse exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

6.9. Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar derramamentos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

6.10. No suposto de que, por causas imprevistas, se producisen danos nos ecosistemas, en especial nos fluviais, tomaranse as medidas precisas para paliar os impactos, comunicándoo previamente ao servizo provincial de conservación da natureza correspondente.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Todos os elementos patrimoniais identificados e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluída a propia traza. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

7.2. Deberan presentarse perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para a súa valoración e informe, os seguintes estudos:

-Realización de estudo específico de avaliación do impacto da alternativa seleccionada sobre o patrimonio cultural. Este estudo, realizado con metodoloxía de carácter intensivo, recollerá os resultados dunha prospección arqueolóxica da totalidade da superficie ocupada e un ámbito de 200 m a cada lado, tomado desde o límite exterior da zona de ocupación. Valoraranse tamén os ámbitos das áreas de instalacións auxiliares, préstamos, amoreamentos, parques de maquinaria, etc. Este proceso de prospección arqueolóxica, de carácter intensivo, deberá prestar especial atención ao contorno das mámoas de Matalobos e da Rega.

-O dito traballo será realizado por técnicos arqueólogos, para o cal deberá presentarse un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-En función dos resultados da prospección anterior, estableceranse as medidas protectoras e correctoras que se consideren oportunas.

-Proposta de actuacións, para realizar en fase de obra, relativas a sondaxes arqueolóxicas, rozas controladas e/ou escavacións; no ámbito das mámoas de Matalobos e da Rega ou de calquera outro ben do patrimonio cultural que xurda no curso dos traballos anteriores de prospección arqueolóxica para o que se consideren adecuadas este tipo de actuacións.

-No contorno dos elementos etnográficos dos muíños de Mendolla e muíño da Teixeira deberanse estudar en detalle e concretar as medidas correctoras oportunas para unha mellor salvagarda dos bens.

-Análise de afeccións visuais desde os elementos da arquitectura relixiosa que se encontran no ámbito de estudo (igrexa parroquial de Baloira, capela de Riba de Vea e capela dos Remedios), así como doutros da arquitectura civil de relevante presenza no territorio, co obxecto de seren considerados na proposta de medidas correctoras.

7.3. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no cal se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. Este plan deberá considerar a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio da obras.

Con base nos resultados da actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, de ser necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras. En virtude da citada Lei 8/1995, os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto.

7.4. Todas as actuacións deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7.5. No caso de se detectar calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, porase en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, quen, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

7.6. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera modificación do proxecto, cambio na localización ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar o patrimonio cultural, está circunstancia deberá comunicarse á dirección xeral o máis axiña posible.

8. Integración paisaxística e restauración.

8.1. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendedura de mantas de fibras naturais, etc.).

8.2. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.

8.3. Procurarase a integración estética no ambiente das obras que executen, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levarase a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

Neste senso, redactarase un proxecto de integración paisaxística en que se desenvolvan detalladamente os labores de revexetación descritos no estudo de impacto ambiental do Estudo informativo da autovía AG-59. Treito: A Ramallosa-A Estrada. Tomo 2. Outubro de 2009. Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas que revexetar (noiros en desmonte e terrapléns, ribeiras dos leitos fluviais afectados, contorno das embocaduras dos pasos da fauna, instalacións e vías auxiliares, etc). Considerarase o indicado neste marco polo estudo de fauna a que se refire a condición 6.2 desta DIA.

Así mesmo, no que respecta ás especies que se empreguen na revexetación, atenderase ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa dos incendios forestais de Galicia, no referente á limitación e uso de especies. Incluiranse arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no que se refire á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, sempre que esta se vexa afectada, e co fin de protexer o ecosistema e de mellorar a integración paisaxística da actuación.

8.4. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto a que se fai referencia no punto 8.3, vixiando a evolución da revexetación e procedendo á reposición das calvas e/ou marras que poidan aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

9.1 Aspectos xerais.

O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas para cada unha das fases de proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como o base o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s dela.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control. Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por un organismo de control autorizado ou unha entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico desa entidade.

-Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados conforme os resultados obtidos.

-No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O programa de medidas protectoras e actuacións ambientais adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo, tendo en conta as seguintes condicións:

-Definición contractual das medidas e actuacións.

Todas as medidas correctoras protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable.

-Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra.

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

As medidas de integración deben programarse igual que o resto das actuacións.

-Orzamento.

Todas as medidas de integración ambiental irán orzadas, da mesma forma que o conxunto do proxecto.

-Criterios para o seguimento das medidas.

Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondente.

9.2 Aspectos específicos

Ademais do indicado no número 9.1, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

-Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando a metodoloxía, a periodicidade e os límites que se imporán aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros analizables son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, turbidez, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

-Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, no cal deben constar os puntos de mostraxe, a metodoloxía, a periodicidade e os límites que se impoñan, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

-Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de maneira que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

En todos os casos se situarán os puntos de control propostos nun plano á escala 1:5.000 ou con maior detalle.

9.3 Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, a quen lle corresponde o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -se for o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.

9.3.1 Informes que se presentarán na fase de obras:

a) Trimestralmente:

-Cronograma actualizado das obras.

-Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

-Resultados do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

-Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

-Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

-Informe, se for o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.

-Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

9.3.2 Informes que se presentarán na fase de explotación:

A Dirección Xeral de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 9 desta DIA e elaborará anualmente un informe do seguimento ambiental que inclúa:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, e a hora e localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

-Resultados do plan seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

-Resultados do plan seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna, verificando a súa correcta funcionalidade

-Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

-A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

10. Outras condicións.

10.1. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que deriven dos informes que emitan polas direccións xerais de Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural respecto da documentación resultante das condicións dos números 6 e 7 desta DIA.

Justo de Benito Basanta; xecretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo do proxecto e das características ambientais

Trazado.

O trazado, que discorre polos concellos de Teo e A Estrada, foi presentado con tres alternativas, e escóllense, finalmente, a alternativa A, que daba una mellor solución tanto ambiental como construtiva.

Alternativa A.

Ten unha lonxitude de 11,44 km e discorre de norte a sur paralela á AC-841 e á PO-841.

A orixe é no enlace da Ramallosa do treito anterior da AG-59, nas proximidades da localidade de Lucí, en Teo. O trazado vira cara o sur bordeando polo oeste o castro de Lucí e a localidade de Pite para evitar cruzar a AC-841 e posicionarse paralela a esta. Continúa cara a Vilar pasando polo oeste o castro de Santa María. Chegando a Vilar, atópase o primeiro dos enlaces con coa AC-241. A partir de aquí comeza unha sucesión de curvas ata acadar a estrada PO-841 no Rollo.

Nestes 4 km salva o Ulla cun viaduto de 140 m de lonxitude, e pasa para o concello da Estrada. Bordea polo oeste a localidade de Vilacriste e A Cerqueira polo leste para seguir por unha zona de prados e cultivos entre Torre de Vilar e A Panadeira, chegando finalmente ao Rollo.

Cruzada a PO-841, no monte Nogueira sitúase o segundo enlace, atrás do cal cal continúa bordeando Baloira, onde se proxecta un viaduto para salvar o leito do rego Enciñeiro.

Proxéctase o último viaduto de reducida lonxitude bordeando Vixín polo oeste a través dunha curva de 1.000 m de raio ata acadar Sandelle, pasando próxima á mesma polo leste. Posteriormente, e despois de tres aliñacións curvas, discorre por atrás do Valiño e atrás de Devesa para finalizar na variante de Portela (N-640), entroncando con esta e coa PO-7004 a través dun enlace.

Polo que respecta ao trazado en alzado, este vese condicionado pola topografía do terreo debido á existencia de diversas valgadas formadas polo río Ulla e os seus afluentes, o río Santa Lucía e o río Vea.

Como puntos máis característicos do trazado cómpre sinalar os enlaces que permiten facer as conexións coas estradas existentes, así como a estrutura singular do río Ulla.

Alternativa B.

Ten a súa orixe na Ramallosa, onde entronca co treito anterior da AG-59. Discorre de norte a sur e máis ao leste en relación á alternativa A, resultando unha lonxitude total de 13,65 km.

A partir do enlace, vira 90º cara o leste bordeando o castro de Lucí e a localidade de Pite. Despois de Pite, sálvase o río Santa Lucía mediante un viaduto de curta lonxitude para, posteriormente, bordear Vilariño polo norte, afastándose da comarcal AC-841. Vira en dirección sueste avanzando cara a Trobe e Vilarpiñeiro, salvando o río Pereira a través dun viaduto. Crúzase a AC-241 entre Vilariño e Vilarpiñeiro, punto onde se prevé o primeiro enlace do treito.

Cruzada a estrada, rectifícase a dirección cara ao sur ata o río Ulla nunha zona arbórea, salvando de novo o río Pereira, despois de entrar no concello de Vedra uns 25 m, e deixando pola dereita o núcleo de Agromaior.

Continúa o trazado despois do Ulla, deixando atrás o concello de Teo para discorrer polo concello da Estrada. Este percorrido de 3 km bordea Sieiro e Barro polo oeste nunha zona de prados e cultivos, prevéndose un viaduto en Barro, e polo leste e detrás de Castro, Tracesto, Vista Alegre e a igrexa de Santa Cristina de Vea, sobre unha zona arbórea.

Deixando atrás Vea, desvíase cara ao suroeste en dirección ao polígono industrial de Toedo, punto de cruzamento coa estrada comarcal PO-841 onde está previsto o segundo enlace.

Continúa cara ao sur ata o final do tramo, bordeando pola esquerda e polo leste Lixín, Sandelle, pasa por tras do Valiño ata acadar e cruzar a PO-7004, deixando pola esquerda santa Baia, Pontepiñeira, Moldes e o colexio de Nosa Señora de Lourdes para rematar na variante da Estrada.

O alzado presenta un perfil lonxitudinal con encostas e pendentes suaves. As diversas valgadas que condicionan a rasante, están formadas polos ríos Sta Lucía, Pereira e Ulla.

Alternativa C.

Como nos trazados anteriores, o inicio está na Ramallosa, nas proximidades de Lucí. Esta alternativa discorre de noroeste a sueste cunha lonxitude total de 12,29 km.

O trazado coincide coa xeometría da alternativa A, ata acadar o río Ulla, polo seu percorrido polo concello de Teo, onde bordea o castro de Lucí e Pite, deixa pola esquerda o castro de Santa María e acada o núcleo de Vilar, onde se prevé o enlace coa estrada AC-241.

A partir de aquí discorre polo concello da Estrada ata o final do treito. Vira máis cara ao leste en dirección a Barro afastándose da PO-841 e sitúase paralela ao río Ulla bordeando polo norte a localidade de Cora; prevese un viaduto importante no val de Barro.

Entre Barro e Vista Alegre o trazado case coincide coa alternativa B, bordeando polo leste os núcleos de Tracesto, a Torrevedra e a igrexa de Santa Cristina de Vea.

Unha vez cruzado Vista Alegre, continúa en dirección sueste ata a localidade de Aguións, cruza entre Traspedra e Toedo e salva en viaduto o regato de Toedo.

Ao non cruzar pola PO-841 e integrar o treito obxecto de estudo coa rede autonómica, é indispensable executar un ramal de conexión de quilómetro e medio coa estrada citada á altura do polígono de Toedo, proxectándose un enlace sobre o p.k. 9+300 e entroncando coa estrada PO-841 na rotonda existente de acceso ao polígono.

Finaliza o treito na variante da Estrada á altura do semienlace previsto coa PO-213.

Analogamente á alternativa A e B, o trazado en alzado deseñouse baixo os mesmo criterios, resultando oito aliñamentos cunha lonxitude total de inclinación entre 4 e 5% de 6.284 m. Os ríos que condicionan o relevo das valgadas son o Santa Lucía, o Ulla, regos afluentes deste e o regato de Toedo.

Como puntos máis característicos do trazado compre sinalar os enlaces que permitan facer as conexións coas estradas existentes, así como a estrutura singular do río Ulla.

Descrición do ambiente.

O ámbito de estudo vese dividido por diversos tipos de paisaxe, como son:

Ríos e ribeiras.

A zona de estudo atópase dentro da bacía fluvial do río Ulla e intercepta o curso do río Ulla e de varios afluentes. As alternativas propostas cruzan varios leitos o río Ulla, o río Santa Lucía, o río Tea e o río Pereiro.

En xeral, os leitos presentan un bo estado de conservación con vexetación de ribeira ben conservada, formando o bosque de galería característico dos ríos.

Mosaico rural, prados e cultivos.

Trátase de pequenos núcleos rurais de poboación diseminados por todo o territorio, que se mesturan cos prados, cultivos e plantacións de millo circundantes. En xeral, a distribución dos campos atópase preto das vivendas, as cales se atopan rodeadas por un mosaico de prados e cultivos.

Repoboacións forestais.

Na zona de estudo pódense ver zonas onde se levaron a cabo monocultivos de especies forestais como o eucalipto e o piñeiro. Estas plantacións, en xeral, lévanse a cabo en terreos afastados das vivendas e con grande superficie.

Bosque autóctono.

Formando pequenos bosquetes illados aparecen especies arbóreas de diverso porte con son os carballos (Quercus robur) ou os castiñeiros (Castenea sativa) misturados con especies arbustivas como a xesta. Estes bosquetes autóctonos aparecen rodeados por especies de piñeiros (Pinus pinaster) e eucaliptos (Eucaliptos sp).

Espazos naturais e hábitats.

No ámbito de estudo localízase o lugar de interese comunitario (LIC), denominado Sistema Fluvial Ulla-Deza.

ANEXO II

Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas

no estudo de impacto ambiental

Protección contra a emisión de po e gases.

Co fin de minimizar a emisión de po durante a fase de obras, especialmente durante a fase de movemento de terras, realizaranse regas periódicas con camións cuba, sobre todo na época de baixa pluviometría, tanto na zona de actuación como na zona de amoreamento de materiais. Estas medidas intensificaranse nas proximidades dos núcleos de poboación como: A Ramallosa, Pite, Renda e Traspedra, Vilariño, Campos, Agoso.

Evitarase a concentración excesiva de maquinaria e, no caso de ser necesario o transporte de material de pulverulento, tanto na zona de obras como nas estradas circundantes, as caixas dos camións cubriranse con lonas para evitar a xeración de po ou derramamentos de materiais.

Respecto á contaminación da atmosfera pola emisión de gases de combustión, vixiarase que a maquinaria cumpra coa normativa vixente respecto ás emisións de gases. Así mesmo, controlaranse os prazos de revisión das máquinas (ITV). Antes do comezo das obras, todos os vehículos e maquinaria que se empreguen garantirán, mediante as revisións pertinentes, os seguintes aspectos: correcto axuste dos motores, adecuación da potencia da maquinaria ao traballo que se vai desenvolver, emprego de catalizadores, estado correcto de tubos de escape.

Durante os descansos e as paradas prolongadas da actividade, apagaranse as máquinas, minimizando así a emisión de gases e material en partículas á atmosfera.

Medidas protectoras contra a contaminación acústica.

Utilizaranse compresores e perforadoras de baixo nivel sónico, materiais resistentes para amortecer o ruído e outras medidas que se especifican no estudo de impacto ambiental.

Medidas protectoras contra a xeración de vibracións.

As voaduras poden provocar danos no terreo e nas edificacións, así como afeccións ás comunidades faunísticas presentes, ademais de aos núcleos de poboación.

Con obxecto de previr a xeración de vibracións que poidan ocasionar danos sobre os edificios próximos, deberá realizarse un estudo de vibracións previo á execución, estudo que deberá incorporarse ao correspondente proxecto constructivo. O correspondente estudo de vibracións desenvolverase seguindo o establecido na Norma UNE 22-381-93 sobre o control de vibracións producidas por voaduras.

Co obxecto de minimizar o impacto producido pola xeración de vibracións como consecuencia das voaduras, seguiranse como norma xeral as recomendacións expostas no punto anterior con respecto ás voaduras.

Medidas específicas sobre a protección do río Ulla.

Ademais das medidas xerais descritas na declaración de impacto ambiental e no estudo de impacto ambiental, tomaranse outras medidas encamiñadas á protección da calidade das augas dos canles interceptadas que desembocan, ademais, no río Ulla.

O deseño da estrutrura considerará a contorna e prestará especial atención á súa integración nel de forma que sexa aceptado pola xeneralidade.

Así mesmo, para evitar o arrastre de sólidos cara á canle, nas proximidades colocaranse barreiras de retención formadas por canizados vexetais ou pacas de palla. Así mesmo, instalaranse balsas de decantación permanente.

Protección dos solos.

Control das superficies de ocupación.

Ao comezo das obras procederase a delimitar o terreo afectado (balizamento) polas obras, de forma que minimicen a afección do proxecto sobre o territorio restrinxido.

Xestión de residuos.

A xestión de residuos deberá desenvolverse conforme a lexislación vixente en materia de residuos, Lei 10/1998. Antes do inicio das obras, a empresa adxudicataria deberá presentar ao director de obra un plan de xestión dos residuos que se xerarán na obra.

Protección da vexetación.

Ao inicio da obra planificaranse os movementos da maquinaria e vehículos da obra, limitándose estes aos camiños existentes ou aos de nova creación estrictamente necesarios.

Tomaranse medidas para evitar a xeración de incendios, mediante a prohibición expresa de levar a cabo queimas tanto de vexetación rozada como de calquera material procedente da obra.

Levarase a cabo un proxecto de restauración vexetal e integración paisaxística daquelas zonas que estean desprovistas de vexetación, co fin de minimizar o impacto, e protexer así o chan da erosión derivada de factores meteorolóxicos.

No caso de ser necesaria a ocupación dos terreos en que se atopen presentes especies arbóreas autóctonas relevantes como o carballo ou o castiñeiro, primará a replantación dos exemplares que sexa necesario mover.

Protección da fauna.

Deberanse planificar os calendarios do proceso construtivo, prestando especial atención ao momento de realizar voaduras, coidando de que os ditos traballos se fagan fóra dos períodos de reprodución e cría e de calquera época sensible das especies presentes.

Protección da paisaxe.

Con carácter xeral, para a localización de instalacións auxiliares, viarios de acceso, etc., clasificarase o territorio en tres categorías:

-Zonas excluídas: comprende as zonas cualificadas de moi alto valor paisaxístico.

-Zonas restrinxidas: corresponde ás áreas cualificadas de alto valor paisaxístico.

-Zonas admisibles: son áreas cualificadas de valor paisaxístico medio.

Co fin de conseguir a maior integración ambiental, establécense unha serie de criterios que deberán ser tidos en conta a este respecto en fases posteriores do proxecto para a localización destas instalacións:

-Preservación de áreas con elevada calidade natural.

-Utilización de áreas ambientalmente degradadas na actualidade, para evitar novos impactos sobre o medio.

-Evitar áreas afectadas polos riscos naturais e prevención de influencias sobre a drenaxe de bacías naturais.

-Reducida bacía visual e baixa calidade paisaxística da zona.

-Afastados de zonas de xacigos seguros e posibles.

-Forá dos posibles puntos de paso de fauna de vertebrados.

-Facilidade de restauración morfolóxica e revexetación da zona afectada polas obras ou instalacións auxiliares que permita unha integración no entorno.

Protección do medio socioeconómico.

As posibles medidas protectoras céntranse no seu efecto inhibidor sobre a actividade económica e a afección directa ou indirecta polo efecto barreira sobre a permeabilidade territorial.

Emprego de man de obra local: deberase favorecer, no posible, o emprego de man de obra local na fase de execución do proxecto.

Mantemento da permeabilidade territorial: hai que ter especial coidado na fase de execución das obras, onde adoita ser frecuente a interrupción do sistema viario rural cos parques de maquinaria ou o movemento de terras, e dificúltase o seu tráfico normal co paso de maquinaria pesada. Nestes casos adoptaranse as seguintes medidas: sinalaranse convenientemente os itinerarios alternativos ata o fin da obra, cando se repoña o sistema viario orixinal, co obxecto de minimizar o efecto xerado polo tránsito de maquinaria, transporte de material sobrante, etc. Procederase a regar as vías de rodadura, especialmente nas zonas próximas ás áreas cultivadas e ás edificacións habitadas.