DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 22 de outubro de 2010 Páx. 17.569

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 174/2010, do 1 de outubro, polo que se desenvolve o réxime xurídico e se regula o procedemento para o outorgamento das concesións da illa de Ons.

A Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons, dispón que as illas de Ons e Onza son bens de dominio público, de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, e posibilita o seu uso e goce por quen a habitan ou utilizan nela bens inmobles, sempre que os devanditos usos sexan compatibles co establecido na propia lei e nos correspondentes plans directores de ordenación dos recursos naturais e de uso e xestión das devanditas illas.

Cómpre lembrar que a referida lei contemplou o réxime xurídico que permitira ás persoas insulares de Ons acceder ao uso e goce deses inmobles que fosen habitados ou usados por elas ou os seus antepasados ou antepasadas, incluso previamente á expropiación dese espazo por parte do Estado.

Os usos que permite a antedita lei poden ser de carácter público e, excepcionalmente, privado, sobre a base de dous principios básicos: o pleno respecto e salvagarda das illas de Ons e Onza como elementos primordiais que integran o patrimonio natural de Galicia, e a regularización e o pleno respecto aos dereitos históricos das persoas posuidoras de inmobles nas illas.

A devandita lei faculta o Consello da Xunta para o seu desenvolvemento regulamentario, o que se fai por medio deste decreto, que se dita tendo en conta o ámbito normativo estatal e autonómico que lle é de aplicación.

O decreto regula o obxecto da norma, establece como título habilitante para a utilización privativa e singular dos inmobles existentes na illa o da concesión, que se entende que non exonera a persoa titular da obtención dos correspondentes permisos e autorizacións exixidos pola normativa territorial ou sectorial que sexan de aplicación, destacándose que tal concesión terá sempre carácter discrecional e que estará supeditada ao interese xeral e á preservación, conservación e utilización de forma sustentable da illa, a súa paisaxe, e os bens, construcións e flora e fauna nela existentes.

Tamén se regulan pormenorizadamente as concesións, e determínase quen pode obter a condición de concesionario ou concesionaria e a documentación necesaria para acreditar a vinculación histórica coa illa, sobre a base de facilitar a devandita acreditación. Regúlanse supostos excepcionais de indivisión así como o prazo das concesións, respecto do cal o lexislador autonómico tivo que axustarse ás prescricións contidas no artigo 93.3º da Lei estatal 33/2003, de patrimonio das administracións públicas, dado o seu carácter de normativa básica. Seguidamente estatúese un modelo simplificado de procedemento de concesión, con audiencia das persoas interesadas, e determínanse, partindo sempre dos xa existentes, os usos posibles e o réxime xurídico de utilización dos bens que integran a concesión. Finalmente regúlanse de forma pormenorizada as obras de conservación, reforma e renovación dos bens existentes na concesión, e faise unha referencia ás súas causas de extinción.

O decreto conta cunha previsión da normativa supletoria de aplicación nas cuestións non reguladas e cunha disposición transitoria relativa aos establecementos existentes que realizan actividades de restauración, hostalaría ou vinculadas á alimentación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural, no uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto desenvolver o réxime xurídico do uso privativo e singular dos bens inmobles existentes nas illas de Ons e Onza, conforme o establecido na Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons, así como regular o procedemento de outorgamento das ditas concesións.

Artigo 2º.-Título habilitante: concesión.

1. Calquera uso privativo e anormal de bens inmobles existentes na illa de Ons á entrada en vigor da Lei 5/2001, do 28 de xuño, requirirá, en todo caso, a obtención do correspondente título concesional, outorgado pola consellería competente en materia de conservación da natureza.

2. O outorgamento das concesións a que fai referencia o número anterior enténdese sen prexuízo da necesidade de obter as licenzas, permisos ou autorizacións que o referido uso privativo implique, das administracións competentes.

Artigo 3º.-Discrecionalidade do outorgamento da concesión.

O outorgamento das concesións para o uso de edificacións ou construcións que constitúan bens inmobles existentes nas illas á entrada en vigor da Lei 5/2001, do 28 de xuño, terá para a Administración, en todo caso, carácter discrecional, quedando supeditado ao interese xeral e á preservación, conservación e utilización sustentable da flora, a fauna, a xea, a paisaxe e as construcións tradicionais que integran, poboan, conforman e se sitúa nas illas.

Artigo 4º.-Dos concesionarios.

1. Poderán ser concesionarias aquelas persoas que, no momento da entrada en vigor da Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons, tivesen unha vinculación histórica coa illa de Ons pola presenza continuada na illa de distintas xeracións e así o acrediten.

2. Para os efectos de acreditar a vinculación histórica a que fai referencia o punto anterior, as persoas solicitantes da concesión deberán achegar algún dos seguintes documentos:

-Títulos, públicos ou privados que, de calquera modo, acrediten a titularidade do uso dos bens obxecto da concesión.

-Recibos de servizos de subministracións, ou servizos prestados por administracións públicas, que teñan, polo menos, dez anos de antigüidade, á data de entrada en vigor da Lei 5/2001, do 28 de xuño.

-Títulos públicos ou documentos privados particionais, que fosen protocolizados, acreditativos de sucesión hereditaria.

-Calquera outro medio de proba admitido en dereito que a Administración considere suficiente para os efectos de acreditar a vinculación histórica coa illa de Ons.

Artigo 5º.-Dos concesionarios en supostos de indivisión.

1. No caso de que os bens estiveren sendo posuídos por unha comunidade hereditaria ou por un conxunto de persoas en réxime de indivisión, a concesión poderase outorgar a favor desas entidades.

Nas condicións xerais ou particulares por que se rexan estas concesións establecerase a obriga de designar unha persoa que teña poderes e facultades suficientes para o exercicio dos dereitos e o cumprimento das obrigas fronte á dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

No caso de renuncia, falecemento, cesamento ou vacancia nesa representación, deberá notificarse á dirección xeral competente en materia de conservación da natureza a designación dun novo representante no prazo de tres meses contados desde que se produciu a situación que deu lugar á ausencia deste. Se a dita designación non se producir, seguiranse as actuacións ou comunicacións con calquera das persoas que compoñan a comunidade indivisa.

2. Os actos de administración ou disposición que afecten bens que integran unha sociedade de gananciais rexeranse polo disposto no artigo 1375 e ss., do Código civil. No suposto de separación xudicial ou disolución da sociedade de gananciais por divorcio, deberao notificar, no prazo máximo de tres meses, á Administración o cónxuxe titular da concesión. En caso de non se producir tal notificación, e acreditada pola Administración a separación xudicial ou disolución da sociedade de gananciais, a Administración procederá ao requirimento aos primitivos integrantes da sociedade de gananciais e, se transcorrido un mes, non realizan a comunicación precitada, producirase automaticamente a caducidade da concesión.

Artigo 6º.-Do procedemento de concesión.

1. As persoas que segundo os termos deste decreto se consideren con dereito a obter unha concesión, deberán solicitalo no prazo máximo dun ano desde a súa entrada en vigor á consellería competente en materia de conservación da natureza.

2. A solicitude deberá realizarse de acordo con modelo formalizado que se achega ao presente decreto como anexo, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

-Documentos que acrediten a identificación da persoa solicitante, con indicación do seu DNI, e domicilio, salvo que autorice a consellería de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade e de residencia no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

-Títulos a que se fixo referencia no artigo 4º, número 2 deste decreto.

-Plano a escala 1:50 do terreo onde se sitúa o inmoble cuxa concesión se solicita, e a escala 1:100 cando a parcela obxecto de concesión se destine a un uso agrario.

-Fotografía do inmoble obtida a través do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas a que se pode acceder a través da seguinte páxina web: http://mediorural.xunta.es/

-Referencia catastral da parcela.

-Reportaxe fotográfica da edificación cuxa concesión se solicite.

3. Recibida a documentación pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, incoarase o oportuno expediente e abrirase un prazo de dous meses no cal pode solicitar da persoa interesada canta documentación complementaria considere pertinente ou, se é o caso, as aclaracións que considere convenientes respecto á xa presentada.

4. Vista a documentación presentada, os informes e documentación que estea á disposición da Administración, procederase a formular proposta de resolución, da cal se dará traslado á persoa interesada, para que formule, polo prazo de vinte días, cantas alegacións considere oportunas.

5. Transcorrido o prazo sinalado no número anterior e examinadas, se for o caso, as alegacións deducidas por quen fixo a solicitude, resolverá o outorgamento ou denegación da concesión solicitada a persoa titular da dirección xeral da consellería competente, por proposta da persoa directora-conservadora do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A devandita resolución será susceptible de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza, conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O prazo máximo para ditar resolución é de seis meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Do prazo das concesións e da súa prórroga.

O prazo máximo de duración das concesións a que se refire o presente decreto será de 75 anos, contado desde a data do seu outorgamento, sen que poida concederse prórroga do tempo de duración delas.

Artigo 8º.-Dos usos dos bens que integran a concesión.

1. A concesión solicitada outorgarase, exclusivamente, só para os usos que a seguir se relacionan:

a) Uso vinculado á residencia ou vivenda do titular da concesión ou da unidade familiar de que forme parte.

b) Uso comercial, vinculado exclusivamente á hostalaría, á restauración ou á alimentación, conforme o establecido na normativa sectorial que lle sexa de aplicación.

c) Uso agrario tradicional.

2. Para os efectos do previsto neste artigo, considérase «unidade familiar» a integrada pola persoa titular da concesión, o seu cónxuxe ou persoa con que manteña análoga relación de convivencia, descendentes e ascendentes que con ela convivan.

Artigo 9º.-Do réxime xurídico da utilización dos bens obxecto de concesión.

1. En ningún caso se poderán transmitir inter vivos as concesións reguladas neste decreto.

2. A transmisión mortis causa das concesións só poderá ter lugar a favor de fillos ou fillas e descendentes de fillos ou fillas premortos, que non fosen xustamente desherdados ou indignos da persoa titular da concesión, e a favor do cónxuxe viúvo non separado legalmente ou de feito daquel, nos termos establecidos pola Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

3. Outorgada unha concesión, a novación do devandito uso, exclusivamente para os usos permitidos a que fai referencia o artigo anterior, exixirá en todo caso autorización previa, mediante resolución expresa da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, que poderá concedela ou denegala con carácter discrecional, ponderando debidamente a incidencia das novas actividades autorizadas sobre o equilibrio ecolóxico das illas.

Artigo 10º.-Da conservación, reforma, renovación, reparación e rehabilitación dos bens obxecto de concesión.

1. As obras de conservación, reforma e renovación dos inmobles obxecto da concesión suxeitaranse ao réxime sinalado na Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons, e ao previsto neste decreto.

2. As obras de conservación, reforma e renovación, ordenadas pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza por razóns de seguranza, salubridade, ornato público e habitabilidade que non se iniciaren no prazo de seis meses desde que a persoa concesionaria for requirida para tal fin, ou que non concluíren no prazo de doce meses desde o inicio das obras, determinarán a caducidade da concesión mediante declaración expresa, logo de audiencia do seu titular.

3. Todas as obras de conservación, reforma e renovación dos inmobles obxecto da concesión requirirán autorización previa da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo das autorizacións exixibles por outra normativa sectorial. O inicio ou execución das obras sen a autorización da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza supoñerá a incoación dun expediente de caducidade con audiencia das persoas interesadas.

4. As obras que supoñan ampliación ou incremento de volume, edificabilidade ou altura dos inmobles obxecto da concesión, poderán excepcionalmente realizarse, nos supostos en que sexan requiridas pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza por razón de seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade, ou o exixa a normativa sectorial de aplicación. A realización de tales obras sen o previo requirimiento da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza ou da súa autorización nos casos en que as ditas obras veñan exixidas pola normativa sectorial de aplicación, supoñerá a caducidade da concesión despois da incoación dun expediente con audiencia das persoas interesadas.

Artigo 11º.-Da taxa pola utilización privativa do dominio público.

1. As concesións concedidas ao abeiro do disposto na Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons e deste decreto quedan suxeitas ao pagamento dunha taxa anual pola utilización privativa dos inmobles existentes na illa de Ons.

2. Respecto ao suxeitos pasivos, o devengo e as tarifas e a aplicación da antedita taxa, observarase o disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 12º.-Da extinción da concesión.

Son causas de extinción da concesión as sinaladas no artigo 10 da Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons.

Disposición adicional

Única.-Normativa de aplicación supletoria.

No non previsto neste decreto será de aplicación a Lei 33/2003, do 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas, no que resulte básica, a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

Única.-Réxime transitorio de autorizacións.

Os establecementos a que fai referencia a letra b), do número 1 do artigo 8º deste decreto existentes á entrada en vigor da Lei 5/2001, do 28 de xuño, dispoñerán dun prazo de dous anos desde o outorgamento da concesión para os efectos de obter ou presentar os permisos, licenzas ou documentación necesaria para o desenvolvemento da súa actividade, de conformidade coa normativa sectorial correspondente. As cláusulas xerais ou particulares por que se rexan estas concesións determinarán que, transcorrido o dito prazo sen que se dispoña da dita documentación, se iniciará o procedemento de caducidade da concesión con audiencia das persoas interesadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento e execución do previsto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Solicitude de concesión na illa de Ons

Don/dona..., con DNI nº..., domiciliado en..., estima que reúne os requisitos establecidos na Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons, e no decreto que a desenvolve, como mellor procede en dereito, comparece e EXPÓN:

Primeiro.-Que a persoa asinante estima que reúne os requisitos exixidos pola normativa vixente para o outorgamento dunha concesión de uso e goce de dereitos na illa de Ons.

Segundo.-Que a referida concesión se pretende en relación coa seguinte parcela:

Nº..., (descrición)...........................................para o seguinte uso conforme o artigo 8º.1 deste decreto:.....................................................

Terceiro.-Que para os efectos de obter a concesión referenciada, presenta a seguinte documentación:

1º Copia autenticada da titulación en que fundamente a súa pretensión. No suposto de que achegue varios documentos, deberán de indexarse, numerándose cada documento presentado con indicación do seu contido (documento I... título, documento II... título do documento...).

2º Plano a escala 1:50 do terreo onde se sitúa o inmoble cuxa concesión se solicita, e a escala 1:100 cando a parcela obxecto de concesión se destine a un uso agrario.

3º Fotografía do SIXPAC do terreo/edificación cuxa concesión se solicita.

4º Referencia catastral da parcela e esbozo catastral.

5º Reportaxe fotográfica da edificación cuxa concesión se solicite.

6º Calquera outro documento de calquera tipo (arquivos históricos, parroquiais, etc.), que considere que poida xustificar a solicitude.

7º Breve resumo do historial xurídico do terreo/inmoble cuxa concesión solicita, indicando a data de inicio dos seus pretendidos dereitos sobre ela.

Cuarto.-Que autorizo a consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos meus datos de identidade e residencia no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

w SI w NON (neste caso presentar documentación).

Quinto.-Teño coñecemento de que, en cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nesta solicitude se incorporarán a un ficheiro, para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste procedemento. Coñezo que podo exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, mediante un escrito dirixido a esa consellería como responsable do ficheiro (o enderezo figura ao pé desta solicitude).

Con base no exposto:

SOLICITO: que se teña por presentada a solicitude de concesión a que se fixo referencia no corpo deste escrito, coa súa copia e documentos anexos, e logo dos trámites oportunos, sírvase admitila e procédase a outorgar a concesión solicitada.

..., ... de... de dous mil dez.

Dirección Xeral de Conservación da Natureza

Consellería do Medio Rural