DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 22 de outubro de 2010 Páx. 17.559

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 173/2010, do 14 de outubro, polo que se modifica o Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e se regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto nos artigos 27.19º, 32 e 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobou a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

A importancia cultural e económica do sector audiovisual galego e a súa consideración de sector estratéxico na propia Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, motivou a expresa previsión de que diferentes actuacións e medidas neste ámbito se leven a cabo mediante unha acción conxunta das diferentes administracións e institucións implicadas.

En particular, e para a potenciación institucional das accións tendentes ao desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia, sinala a citada lei que a consellería competente promoverá a constitución entre as administracións e entidades interesadas do Consorcio Audiovisual de Galicia como entidade de dereito público de carácter interadministrativo.

Conforme tales previsións legais aprobouse o Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición do Consorcio Audiovisual de Galicia e se aproban os seus estatutos, os cales figuran como anexo ao citado decreto.

O Decreto 294/2002, do 17 de outubro, foi modificado polo Decreto 38/2006, do 2 de marzo, e polo Decreto 41/2010, do 25 de febreiro, coa finalidade de adecuar a composición do consorcio á estrutura orgánica vixente nese momento.

Igualmente, aprobada polo órgano de goberno do Consorcio Audiovisual de Galicia a modificación dos seus estatutos, procedeuse por Resolución do 15 de xuño de 2006, da Secretaría Xeral de Comunicación, a dar publicidade á modificación de tales estatutos.

Por medio deste decreto desenvólvese unha nova modificación parcial do Decreto 294/2002, do 17 de outubro, que afecta a composición do Consorcio Audiovisual de Galicia, así como determinados artigos dos seus estatutos despois do acordo do seu Consello de Dirección adoptado por maioría de dous terzos.

Así mesmo, e co fin de facilitar a aplicación dos estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia, optouse por anexar á presente disposición o texto completo dos estatutos do consorcio en que se insiren xunto aos artigos que se modifican neste decreto os demais artigos que non foron obxecto de nova redacción.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

O Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia queda modificado nos seguintes termos:

Un.-O artigo 1.2º na súa alínea e) queda redactado como segue:

«A Secretaría recaerá en persoal funcionario da Consellería de Cultura e Turismo ou dos seus entes dependentes».

Dous.-O artigo 1.1º do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«Constitúese o Consorcio Audiovisual de Galicia, integrado pola Xunta de Galicia, representada pola Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Facenda, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Traballo e Benestar, pola Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e polas deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra».

Tres.-O artigo 2.2º alínea a) do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«O impulso e o fomento da creación, do desenvolvemento, da produción e a promoción do sector audiovisual galego».

Catro.-Engádese ao artigo 4º do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» un punto 3 coa seguinte redacción:

«O consorcio terá a consideración de medio propio instrumental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores do sector público autonómico e das demais administracións representadas no consorcio no concernente á realización das actividades propias dos seus obxectivos e funcións que estas lle encarguen, estando obrigada a realizalas.

As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual e serán para todos os efectos de carácter interno, dependente e subordinado, e articulándose a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, requirindo para tales efectos, e logo de resolución do órgano que a efectúe, da preceptiva encomenda, onde se identificarán os termos e condicións en que se deberá realizar a dita encomenda».

Cinco.-O artigo 6º do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«O Consorcio Audiovisual de Galicia terá os órganos de goberno e administración seguintes:

a) O Consello de Dirección.

b) A Presidencia.

c) A Vicepresidencia.

d) A Dirección-xerencia».

Seis.-O artigo 7.1º do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«O Consello de Dirección, órgano superior de decisión e administración do Consorcio Audiovisual de Galicia, estará integrado por un número de membros non inferior a dezasete; a súa determinación corresponderalle en cada momento ao Consello de Dirección por acordo adoptado por maioría absoluta.

En todo caso, está integrado por:

a) A Presidencia, que recaerá na persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

b) A Vicepresidencia, que recaerá na persoa titular da Secretaría Xeral de Medios.

c) Nove vogais en representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se designarán da forma seguinte: dúas persoas pola Consellería de Cultura e Turismo, unha das cales será a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais, dúas persoas pola Secretaría Xeral de Medios, unha das cales será a persoa titular da Dirección do Centro Galego de Artes da Imaxe, unha pola Consellería de Facenda, unha pola Consellería de Economía e Industria, dúas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha das cales será a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e unha pola Consellería de Traballo e Benestar;

d) Catro vogais en representación das deputacións provinciais galegas, que designarán unha persoa por cada deputación;

e) En representación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), a persoa titular da súa Dirección.

f) A Secretaría, que recaerá en persoal funcionario da Consellería de Cultura e Turismo ou dos seus entes dependentes, que terá voz e voto.

No caso de que se integren outras entidades ou institucións, terán dereito a designar vogais no Consello de Dirección en representación delas, nos termos establecidos no artigo 1.2º e no 7.5º».

Sete.-O artigo 8.1º letra d) do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«Aprobar o cadro de persoal e establecer as condicións xerais en materia de contratación de persoal do consorcio, modificacións e réxime xeral das súas retribucións».

Oito.-O artigo 8.2º do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«O Consello de Dirección poderá encomendar as súas funcións, a excepción das previstas nas alíneas a), b) e c) do punto anterior, e daquelas que requiran para a súa aprobación maioría cualificada, de acordo co artigo 11º destes estatutos».

Nove.-O artigo 9º do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«1. Corresponde á Presidencia do Consello de Dirección:

a) Exercer a representación institucional, xudicial e administrativa do consorcio e, en consecuencia, comparecer en xuízo e en toda clase de procedementos, exercendo ao respecto as accións xudiciais e administrativas en defensa do consorcio, e conferindo para tal efecto os poderes oportunos.

b) Convocar as sesións do Consello de Dirección, establecer a súa orde do día, sinalando o lugar, o día e a hora de celebración, facéndolles chegar aos seus membros a orde do día, e presidir e dirixir as deliberacións do dito Consello de Dirección.

c) Nomear persoal asesor para proxectos de interese no campo da cinematografía e audiovisual, dos cales se informará o Consello de Dirección.

d) Outorgar toda clase de actos, contratos ou negocios xurídicos, cos pactos, cláusulas ou condicións que coide oportuno.

e) Subscribir convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas dos cales se informará o Consello de Dirección. En todo caso, someteranse á aprobación deste último, sen prexuízo da ulterior aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, cando supoñan un compromiso de gasto superior a cento cincuenta mil euros (150.000 euros) ou aqueles a través dos cales se asuman compromisos plurianuais.

f) A ordenación dos pagamentos, de acordo coas atribucións que lle sexan asignadas polo Consello de Dirección.

g) Abrir, seguir e pechar a nome do consorcio nas caixas de aforros, postais e outros establecementos bancarios ou similares, contas correntes e de crédito, dispoñendo contra elas e podendo, en consecuencia, ingresar e retirar fondos.

h) A administración do patrimonio e dos bens do consorcio, segundo as atribucións que lle sexan asignadas polo Consello de Dirección.

i) A formulación de iniciativas e propostas ao Consello de Dirección.

j) Velar polo cumprimento e desenvolvemento dos acordos do Consello de Dirección.

k) Propoñerlle ao Consello de Dirección a estrutura organizativa do consorcio e as súas modificacións.

l) As que lle encomende expresamente o Consello de Dirección ou calquera outra que regulamentariamente lle sexa atribuída.

2. A Presidencia poderá encomendar as funcións sinaladas nas alíneas a), d), e), f) e g) á Vicepresidencia do Consello de Dirección e as sinaladas nas alíneas a), d), f) e g), á Dirección xerencia, coas limitacións que, se é o caso, se consideren oportunas en cada caso».

Dez.-Engádese o artigo 9º bis ao anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» que recolle as funcións da Vicepresidencia, e que queda redactado como segue:

«Corresponde á Vicepresidencia do Consello de Dirección:

a) Substituír o/a Presidente/a do Consello de Dirección en caso de ausencia.

b) Velar polo cumprimento e desenvolvemento dos acordos do Consello de Dirección.

c) A formulación de iniciativas e propostas para elevar ao Consello de Dirección.

d) Aquelas outras que lle sexan encomendadas expresamente polo Consello de Dirección ou pola súa Presidencia».

Once.-O artigo 12.1º alínea i) do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«Todas aquelas que lle sexan encomendadas pola Presidencia ou Vicepresidencia».

Doce.-O artigo 13º do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«1. O Consorcio Audiovisual de Galicia organizará as súas actividades mediante a constitución de diferentes departamentos e servizos, nos termos que para o efecto determinen os órganos de goberno, de acordo coas necesidades da institución.

2. O Consorcio Audiovisual de Galicia poderá constituír unha comisión asesora e comisións sectoriais en que estean integradas as asociacións representativas do sector audiovisual galego».

Trece.-O artigo 15.1º alínea b) do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«Persoal que, de acordo coa normativa vixente, poida adscribir a Administración autonómica ou local de Galicia e as demais entidades públicas consorciadas, calquera que sexa o réxime da súa relación laboral ou funcionarial».

Catorce.-O artigo 17.1º letra a) do anexo «Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia» queda redactado como segue:

«Achegas realizadas polas entidades consorciadas: a Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Facenda, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Traballo e Benestar, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contribuirán anualmente ao financiamento do Consorcio Audiovisual para afrontar os gastos correntes, investimentos e o desenvolvemento e promoción da actividade do consorcio».

Disposición adicional

Única.-Mediante anexo a este decreto insírese o texto completo dos estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia en que se inclúen os artigos que se modifican neste decreto para facilitar a súa aplicación.

Disposición derrogatoria

Queda sen efecto a Resolución do 15 de xuño de 2006, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se lle dá publicidade á modificación dos estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia, nº 128, do 4 de xullo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Medios para a execución e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-O consorcio: constitución.

1. Constitúese o Consorcio Audiovisual de Galicia integrado pola Xunta de Galicia, representada pola Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Facenda, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Traballo e Benestar, pola Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e polas deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

2. Este consorcio estará aberto, logo do acordo por maioría dos seus membros, á integración de novas entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que estean interesadas nos obxectivos e as finalidades de interese público que sexan concorrentes cos de aquel.

Artigo 2º.-Obxectivos e finalidades.

1. O obxectivo do Consorcio Audiovisual de Galicia constitúeo a potenciación institucional das accións tendentes ao desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia.

2. Son finalidades específicas do consorcio, sen prexuízo das competencias que teñan atribuídas en materia audiovisual cada unha das partes integrantes do consorcio:

a) O impulso e o fomento da creación, do desenvolvemento, da produción e a promoción do sector audiovisual galego.

b) Promover e potenciar a actividade profesional e a creación de emprego no sector audiovisual.

c) Impulsar a produción propia e a coprodución, así como a súa distribución por calquera dos sistemas e canles da difusión audiovisual, favorecendo o desenvolvemento do sector audiovisual galego.

d) Promover a investigación, a formación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector audiovisual.

e) Promover a utilización do idioma galego mediante o seu uso nos medios audiovisuais, especialmente apoiando a súa utilización en salas de exhibición e promovendo a asistencia a elas.

f) Divulgar as obras audiovisuais galegas no propio territorio, no Estado español, en Portugal, na Unión Europea e en todos os territorios onde existan comunidades galegas.

g) Promover un mellor coñecemento da historia, a arte, a literatura, a música e, en xeral, a realidade social e cultural galega a través das producións cinematográficas e audiovisuais.

No exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consorcio Audiovisual de Galicia integrará activamente a perspectiva de xénero.

Artigo 3º.-Formas de colaboración.

Para cumprir as finalidades que lle sexan asignadas, o Consorcio Audiovisual de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 9.6º da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do Audiovisual de Galicia, pode establecer convenios e acordos de colaboración e cooperación con outros organismos e entidades co fin de desenvolver as actividades que lle son propias.

Artigo 4º.-Personalidade e capacidade xurídica.

1. O consorcio terá a condición de entidade de dereito público, de carácter interadministrativo, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, e disporá dun patrimonio propio.

2. O consorcio, que ten carácter voluntario e se constitúe por tempo indefinido, rexerase por estes estatutos, polo seu regulamento de réxime interno e polas disposicións legais de carácter xeral que lle sexan de aplicación.

3. O consorcio terá a consideración de medio propio instrumental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e dos poderes adxudicadores do sector público autonómico e das demais administracións representadas no consorcio no concernente á realización das actividades propias dos seus obxectivos e funcións que estas lle encarguen, estando obrigada a realizalas.

As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual sendo para todos os efectos de carácter interno, dependente e subordinado, e articulándose a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, requirindo para tales efectos, e logo de resolución do órgano que a efectúe, da preceptiva encomenda, onde se identificarán os termos e condicións en que deberá realizarse a dita encomenda.

Artigo 5º.-Domicilio.

1. O domicilio do consorcio fíxase na rúa do Hórreo nº 61, en Santiago de Compostela.

2. Os órganos de goberno do consorcio poderán modificar a sede do consorcio dentro da mesma localidade, sen que tal modificación exixa a destes estatutos.

Capítulo II

Órganos de goberno e funcionamento

Artigo 6º.-Órganos de goberno e administración.

O Consorcio Audiovisual de Galicia terá os órganos de goberno e administración seguintes:

a) O Consello de Dirección.

b) A Presidencia.

c) A Vicepresidencia.

d) A Dirección xerencia.

Sección primeira

Do Consello de Dirección

Artigo 7º.-Composición.

1. O Consello de Dirección, órgano superior de decisión e administración do Consorcio Audiovisual de Galicia, estará integrado por un número de membros non inferior a dezasete; a súa determinación corresponderá en cada momento ao Consello de Dirección por acordo adoptado por maioría absoluta.

En todo caso, está integrado por:

a) A Presidencia, que recaerá na persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

b) A Vicepresidencia, que recaerá na persoa titular da Secretaría Xeral de Medios.

c) Nove vogais en representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se designarán da forma seguinte: dúas persoas pola Consellería de Cultura e Turismo, unha das cales será a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais, dúas persoas pola Secretaría Xeral de Medios, unha das cales será a persoa titular da Dirección do Centro Galego de Artes da Imaxe, unha pola Consellería de Facenda, unha pola Consellería de Economía e Industria, dúas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha das cales será a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e unha pola Consellería de Traballo e Benestar;

d) Catro vogais en representación das deputacións provinciais galegas, que designarán unha persoa por cada deputación;

e) En representación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), a persoa titular da súa Dirección.

f) A Secretaría, que recaerá en persoal funcionario da Consellería de Cultura e Turismo ou dos seus entes dependentes, que terá voz e voto.

No caso de que se integren outras entidades ou institucións, terán dereito a designar vogais no Consello de Dirección en representación delas, nos termos establecidos no artigo 1.2º e no 7.5º.

2. Poderase designar un suplente que compareza, en caso de ausencia da persoa titular, en representación das entidades integrantes do consorcio.

3. A duración do mandato dos membros do Consello de Dirección será de catro anos, renovables.

4. Os membros do Consello de Dirección poderán ser separados libremente polas entidades que os designaron e cesarán, en todo caso, ao extinguirse a condición pola que foron nomeados.

5. No suposto de integración de novas entidades no consorcio, o acordo de admisión establecerá os termos da súa participación no Consello de Dirección e nos outros órganos de goberno.

Artigo 8º.-Funcións.

1. Corresponde ao Consello de Dirección:

a) Fixar a orientación xeral das actividades do consorcio dentro dos obxectivos estatutarios e verificar a aprobación dun plan xeral e de plans anuais de actividade.

b) Aprobar o orzamento anual, o inventario balance, a liquidación do orzamento, a memoria das actividades realizadas e a xestión do exercicio anterior.

c) Nomear e separar o/a director/a-xerente, por proposta da Presidencia.

d) Aprobar o cadro de persoal e establecer as condicións xerais en materia de contratación de persoal do consorcio, modificacións e réxime xeral das súas retribucións.

e) Fixar, de ser o caso, os prezos e as tarifas dos servizos que poida prestar o consorcio.

f) Acordar as operacións de crédito e de aval e os contratos de tesouraría. Para as operacións de endebedamento e de aval a medio e longo prazo será necesaria a autorización previa das entidades consorciadas.

g) Acordar a adquisición, alleamento ou gravame dos bens inmobles que integren o seu patrimonio.

h) Aprobar as variacións orzamentarias que superen a cifra que o propio Consello de Dirección estableza durante o exercicio.

i) Aprobar o regulamento e as normas de réxime interior do consorcio.

j) En xeral, adoptar as medidas e as disposicións adecuadas para o mellor funcionamento e organización do Consorcio Audiovisual de Galicia.

k) Coñecer todas aquelas cuestións que, aínda non sendo da súa competencia, a Presidencia someta á súa consideración.

2. O Consello de Dirección poderá encomendar as súas funcións, a excepción das previstas nas alíneas a), b) e c) do punto anterior, e daquelas que requiran para a súa aprobación maioría cualificada, de acordo co artigo 11º destes estatutos.

3. As funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia enténdense sempre sen prexuízo das que lle correspondan á Xunta de Galicia, segundo a estrutura orgánica.

Artigo 9º.-Presidencia.

1. Corresponde á Presidencia do Consello de Dirección:

a) Exercer a representación institucional, xudicial e administrativa do consorcio e, en consecuencia, comparecer en xuízo e en toda clase de procedementos, exercendo ao respecto as accións xudiciais e administrativas en defensa do consorcio, e conferindo para tal efecto os poderes oportunos.

b) Convocar as sesións do Consello de Dirección, establecer a súa orde do día, sinalando o lugar, o día e a hora de celebración, facéndolles chegar aos seus membros a orde do día, e presidir e dirixir as deliberacións do dito Consello de Dirección.

c) Nomear persoal asesor para proxectos de interese no campo da cinematografía e audiovisual, dos cales se informará o Consello de Dirección.

d) Outorgar toda clase de actos, contratos ou negocios xurídicos, cos pactos, cláusulas ou condicións que coide oportuno.

e) Subscribir convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas, dos cales se informará o Consello de Dirección. En todo caso, someteranse á aprobación deste último, sen prexuízo da ulterior aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, cando supoñan un compromiso de gasto superior a cento cincuenta mil euros (150.000 euros) ou aqueles a través dos cales se asuman compromisos plurianuais.

f) A ordenación dos pagamentos, de acordo coas atribucións que lle sexan asignadas polo Consello de Dirección.

g) Abrir, seguir e pechar a nome do consorcio nas caixas de aforros, postais e outros establecementos bancarios ou similares, contas correntes e de crédito, dispoñendo contra elas e podendo, en consecuencia, ingresar e retirar fondos.

h) A administración do patrimonio e dos bens do consorcio, segundo as atribucións que lle sexan asignadas polo Consello de Dirección.

i) A formulación de iniciativas e propostas ao Consello de Dirección.

j) Velar polo cumprimento e desenvolvemento dos acordos do Consello de Dirección.

k) Propoñer ao Consello de Dirección a estrutura organizativa do consorcio e as súas modificacións.

l) As que lle encomende expresamente o Consello de Dirección ou calquera outra que regulamentariamente lle sexa atribuída.

2. A Presidencia poderá encomendar as funcións sinaladas nas alíneas a), d), e), f) e g) á Vicepresidencia do Consello de Dirección e as sinaladas nas alíneas a), d), f) e g), á Dirección xerencia, coas limitacións que, se é o caso, se consideren oportunas en cada caso.

Artigo 9º bis.-Vicepresidencia.

Corresponde á Vicepresidencia do Consello de Dirección:

a) Substituír o/a presidente/a do Consello de Dirección en caso de ausencia.

b) Velar polo cumprimento e desenvolvemento dos acordos do Consello de Dirección.

c) A formulación de iniciativas e propostas para elevar ao Consello de Dirección.

d) Aqueloutras que lle sexan encomendadas expresamente polo Consello de Dirección ou pola súa Presidencia.

Artigo 10º.-Sesións e convocatoria.

1. O Consello de Dirección reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, dúas veces ao ano, e en sesión extraordinaria sempre que o convoque a Presidencia por iniciativa propia ou por petición dunha terceira parte dos seus membros.

2. A convocatoria das reunións farase mediante un escrito dirixido a cada membro, cun mínimo de corenta e oito horas de antelación, que conterá a orde do día, fóra da cal non se poderán adoptar acordos válidos salvo que se encontren presentes na reunión todos os membros do Consello de Dirección e así o acorden por unanimidade.

3. Nos casos de urxencia, a convocatoria farase polo menos con vinte e catro horas de anticipación.

Artigo 11º.-Adopción de acordos.

1. Para adoptar acordos será preceptiva, como mínimo, a presenza da metade máis un dos membros. Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes. No caso de empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia.

2. Para modificar estes estatutos será necesario o voto favorable de, polo menos, as dúas terceiras partes dos membros do Consello de Dirección.

3. Os acordos de disolución ou de liquidación do consorcio, así como os de aceptación de novos membros, por proposta da Presidencia, precisarán da maioría cualificada do punto anterior.

4. A actuación do Consorcio Audiovisual de Galicia queda, para os efectos de procedemento e recursos, sometida ao réxime da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Unicamente os acordos do Consello de Dirección esgotan a vía administrativa.

Sección segunda

Da Dirección Xerencia

Artigo 12º.-A Dirección xerencia.

1. Á Dirección xerencia do Consorcio Audiovisual de Galicia correspóndenlle as funcións de xestión e administración do consorcio, e en particular, as seguintes:

a) Executar e facer cumprir os acordos e as decisións do Consello de Dirección e da súa Presidencia.

b) Informar ou elevar á Presidencia, periodicamente, informe detallado sobre a evolución e/ou incidencias na xestión do consorcio en temas como persoal, necesidades materiais, proxectos en funcionamento ou estado do orzamento, entre outros.

c) A dirección e a inspección das dependencias do Consorcio Audiovisual de Galicia, exercendo a dirección superior de todo o persoal, de acordo coas directrices dos órganos de goberno.

d) A conservación e o mantemento das instalacións e equipamentos do Consorcio Audiovisual de Galicia.

e) A elaboración do proxecto de orzamentos do consorcio, así como a xestión económica derivada da súa execución e a memoria de actividades realizadas.

f) A elaboración do plan anual de actividades do consorcio.

g) A elaboración da memoria anual relativa ao desenvolvemento das actividades do consorcio.

h) Asistirá, con voz pero sen voto, ás reunións do Consello de Dirección, cando así se lle requira ou sexa convocado.

i) Todas aquelas que lle sexan encomendadas pola Presidencia ou Vicepresidencia.

2. O cargo da Dirección xerencia exércese con dedicación exclusiva.

Capítulo III

Estrutura

Artigo 13º.-Organización.

1. O Consorcio Audiovisual de Galicia organizará as súas actividades mediante a constitución de diferentes departamentos e servizos, nos termos que para o efecto determinen os órganos de goberno, de acordo coas necesidades da institución.

2. O Consorcio Audiovisual de Galicia poderá constituír unha comisión asesora e comisións sectoriais en que estean integradas as asociacións representativas do sector audiovisual galego.

Artigo 14º.-A Oficina de Promoción do Audiovisual de Galicia (film commission).

1. A Oficina de Promoción do Audiovisual de Galicia (film commission) será unha unidade administrativa do Consorcio Audiovisual de Galicia, que terá a finalidade de desenvolver as funcións relativas a fomentar e facilitar a rodaxe de obras audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia e a promoción do sector audiovisual galego fóra da Comunidade Autónoma galega.

2. A súa organización e funcionamento determinaranse no correspondente regulamento de réxime interno.

Capítulo IV

Persoal

Artigo 15º.-Persoal.

1. O persoal do Consorcio Audiovisual de Galicia poderá estar integrado por:

a) Persoal propio do consorcio, de carácter laboral.

b) Persoal que, de acordo coa normativa vixente, poidan adscribir a administración autonómica ou local de Galicia e as demais entidades públicas consorciadas, calquera que sexa o réxime da súa relación laboral ou funcionarial.

2. Para cumprir as súas funcións, o Consorcio Audiovisual de Galicia poderá dispoñer de persoal contratado para a súa formación científica e técnica na modalidade de bolsas ou traballos en prácticas e de persoal administrativo e de apoio.

Capítulo V

Réxime patrimonial e económico-financeiro

Artigo 16º.-Patrimonio.

Constitúen o patrimonio do consorcio os bens e os dereitos que acheguen as entidades consorciadas, e os bens de carácter patrimonial e dereitos que adquira ou reciba por calquera título. O patrimonio quedará reflectido no inventario e nos estados financeiros correspondentes, que revisará e aprobará anualmente o Consello de Dirección.

Artigo 17º.-Recursos económicos.

1. Para realizar os seus obxectivos, o Consorcio Audiovisual de Galicia disporá dos seguintes recursos:

a) Achegas realizadas polas entidades consorciadas: a Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Facenda, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Traballo e Benestar, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contribuirán anualmente ao financiamento do Consorcio Audiovisual para afrontar os gastos correntes, investimentos e o desenvolvemento e promoción da actividade do consorcio.

b) Subvencións para proxectos específicos.

c) Outras subvencións, axudas e donativos.

d) Os rendementos ou os produtos do seu patrimonio.

e) Os rendementos dos contratos de servizos que poida prestar.

f) Calquera outro que legalmente lle poida corresponder.

2. O Consello de Dirección establecerá e aprobará un orzamento anual de ingresos e gastos antes do 31 de decembro de cada ano co fin de aplicalo ao exercicio económico seguinte.

3. Os remanentes de tesouraría que dean as liquidacións do orzamento incorporaranse automaticamente ao orzamento do exercicio seguinte, para os efectos de cumprir os fins para os cales foron destinados.

Artigo 18º.-Contabilidade e control financeiro.

1. O réxime económico-financeiro do consorcio é o que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, coas particularidades previstas nestes estatutos.

2. O control económico do consorcio realizarase de acordo co que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Non obstante, o Consello de Dirección establecerá o sistema de control interno de todos os actos e documentos de que se poidan derivar dereitos e obrigas de contido económico, de acordo coas disposicións que sobre a materia dite a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 19º.-Réxime de contratación e patrimonial.

O réxime de contratación e patrimonial do consorcio rexerase polo que dispón a normativa en materia de contratos das administracións públicas e demais normativa que sexa de aplicación.

Capítulo VI

Separación, disolución e variacións orgánicas

Artigo 20º.-Separación.

A separación do consorcio dalgún dos seus membros poderá facerse cun aviso previo dun ano, sempre que non se prexudiquen os intereses públicos xerais que representa o consorcio, que a entidade que se separe estea ao día dos seus compromisos anteriores e que garanta a liquidación das obrigas aprobadas ata o momento da separación.

Artigo 21º.-Disolución.

1. O consorcio disolverase por acordo dos membros que o integran, de acordo co que dispón o artigo 11.3º destes estatutos, ou por imposibilidade legal ou material de cumprir os seus obxectivos.

2. O acordo de disolución determinará a forma de proceder na liquidación dos bens do consorcio e a reversión das obras ou as instalacións existentes.

Artigo 22º.-Variacións orgánicas.

A aprobación de variacións na estrutura orgánica das entidades consorciadas será lexitimación suficiente e permitirá realizar as actuacións que requira o cumprimento das funcións do consorcio co fin de evitar a paralización ou bloqueo do seu funcionamento.