DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 21 de outubro de 2010 Páx. 17.429

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, determina nos seus artigos 5 e 6 os aspectos relativos á autoprotección, e o Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, aprobou, con carácter de norma mínima, a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia. Esta norma foi posteriormente modificada polo Real decreto 1468/2008, do 5 de setembro, cambiando determinados aspectos en relación ás competencias autonómicas e locais da Norma básica de autoprotección.

No ámbito autonómico, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu título IV as condicións que se terán en conta para regular os plans de autoprotección en Galicia, coa previsión dun desenvolvemento regulamentario posterior da regulación deste tipo de plans.

Tendo en conta o disposto na Lei de emerxencias de Galicia, é necesario proceder ao seu desenvolvemento regulamentario, fixando as condicións de aplicación do Real decreto 393/2007 na Comunidade Autónoma de Galicia. En particular, ten por obxecto a aprobación do catálogo de actividades e centros obrigados a realizar plans de autoprotección, o contido destes plans e a creación do rexistro de plans de autoprotección; complétase a dita regulamentación coa definición das tarefas de inspección e control e os órganos chamados a executalas.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, facendo uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de un de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto determinar o catálogo de actividades e centros, establecementos e dependencias obrigados a realizar plans de autoprotección, determinar o contido mínimo dos plans de autoprotección, así como garantir o seu coñecemento mediante a creación do rexistro de plans de autoprotección na comunidade autónoma, en desenvolvemento das previsións contidas no título IV da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, e de acordo coas directrices básicas de autoprotección establecidas na lexislación vixente.

Artigo 2º.-Ámbito.

1. O decreto será directamente aplicable en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia aos centros, actividades, dependencias e establecementos descritos no anexo I.2.

2. Quedan excluídos da súa aplicación os centros, establecementos ou instalacións dependentes do Ministerio de Defensa, de Institucións Penitenciarias, das Forzas e Corpos de Seguridade e Resgardo Alfandegario, así como a dos órganos xudiciais, de conformidade co Real decreto 393/2007.

3. O decreto será de aplicación supletoria para as actividades con regulamentación sectorial específica descritas no anexo I.1.

Artigo 3º.-Catálogo de actividades e centros obrigados a realizar plans de autoprotección.

1. As actividades susceptibles de xerar situacións de grave risco colectivo, catástrofe ou calamidade, e os centros e instalacións públicos e privados que poidan resultar afectados de xeito especialmente grave por situacións dese carácter, determínanse no catálogo de actividades que se insire como anexo I deste decreto.

2. Os titulares das actividades e dos centros e instalacións públicos e privados que se determinan no catálogo de actividades están obrigados a implantar, manter e revisar o plan de autoprotección, elaborado por un técnico competente, segundo se establece na lexislación vixente sobre competencias profesionais.

Artigo 4º.-Plans de autoprotección.

1. Os plans de autoprotección comprenderán, cando menos, os aspectos recollidos na Norma básica de autoprotección, aprobada polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, e recolleranse nun documento cuxa estrutura e contido mínimo será o que figura no anexo II deste decreto.

2. O plan de autoprotección deberá acompañar os restantes documentos necesarios para o outorgamento da licenza, permiso ou autorización, así como para a modificación do exercicio da xa autorizada.

3. Para os efectos do previsto no número 3.5 da Norma básica de autoprotección, o titular da actividade, centro ou instalación ou o seu representante legal emitirá un certificado da implantación do plan de autoprotección de conformidade co modelo establecido no anexo III e remitirao á dirección xeral con competencias en materia de protección civil.

A implantación do plan de autoprotección comprenderá, polo menos, a formación e capacitación do persoal, o establecemento de mecanismos de información ao público e a provisión dos medios e recursos precisos para a aplicabilidade do plan.

Artigo 5º.-Rexistro de Plans de Autoprotección.

1. Créase o Rexistro de Plans de Autoprotección, que dependerá da dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de protección civil.

2. O rexistro ten como finalidade fundamental o establecemento dunha base de datos sobre o contido dos plans de autoprotección, á cal poderán acceder os servizos de emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de ampliar a información sobre os centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias que facilite e optimice as súas posibles intervencións en caso de sinistro.

3. A inscrición neste rexistro é obrigatoria para todas as actividades, centros e instalacións que se determinan no catálogo de actividades. As non incluídas no devandito catálogo poderán, así mesmo, inscribirse no rexistro con carácter voluntario.

4. O contido mínimo dos datos que deben ser achegados para a súa inscrición no rexistro serán os que se recollen no anexo IV deste decreto, que, en todo caso, deberán estar sempre actualizados.

5. Os titulares das actividades e dos centros e instalacións públicos e privados que se determinan no catálogo de actividades deberán solicitar a inscrición do plan de autoprotección con carácter previo ao inicio da súa actividade ou á modificación do exercicio da xa autorizada.

6. A resolución por que se acorde a inscrición deberá notificarse no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro do órgano sinalado no número 1 deste artigo. Transcorrido o dito prazo sen ser notificada resolución expresa, o interesado poderá entender estimada a súa solicitude. En todo caso, a inscrición non supón a concesión de licenza para o comezo da actividade.

7. A implantación do plan de autoprotección recollida no artigo 4º.3 deste decreto será inscrita de oficio no Rexistro de Plans de Autoprotección.

Artigo 6º.-Inspección e control.

1. Os órganos receptores dos plans de autoprotección, de conformidade co artigo 4º.2, velarán polo cumprimento das exixencias contidas neste decreto e na Norma básica de autoprotección.

2. O departamento con competencias en materia de protección civil da Xunta de Galicia estará facultado para adoptar as medidas de inspección e control necesarias para garantir o cumprimento deste decreto e da Norma básica de autoprotección.

3. Cada organismo con competencia en inspección e control dos plans de autoprotección establecerá a relación das persoas habilitadas para este efecto, para o cal se estenderá a acreditación correspondente, que autorizará para realizar cantas inspeccións sexan necesarias para conseguir o seu obxectivo.

4. Os titulares das actividades que teñan presentado un plan de autoprotección deberán poñelo á disposición das/os inspectoras/es descritos neste artigo sempre que sexan requiridos para isto.

Artigo 7º.-Réxime sancionador.

Ao incumprimento do disposto neste decreto seralle de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Artigo 8º.-Modificacións.

Calquera modificación no exercicio da actividade que afecte o contido do plan de autoprotección indicado no anexo II deste decreto dará lugar á presentación dun plan de autoprotección modificado, que deberá ser tramitado segundo o establecido nos artigos 4º e 5º desta norma.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os titulares de actividades e establecementos que presentasen un plan de autoprotección segundo o disposto no Real decreto 393/2007, do 3 de marzo, antes da entrada en vigor deste decreto deberán tramitar a súa inscrición no Rexistro de Plans de Autoprotección no prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-Os titulares de actividades e establecementos que estean obrigados a presentar un plan de autoprotección e tivesen xa concedida licenza de actividade na data de entrada en vigor deste decreto, deberán presentalo no prazo de dezaoito meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Antes da entrada en vigor deste decreto, a consellería con competencias en materia de protección civil establecerá o procedemento para efectuar o rexistro dos plans de autoprotección descrito no artigo 5º.

Segunda.-Autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de protección civil para ditar as ordes necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijoó

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Admimistracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Catálogo de actividades

1. Actividades con regulamentación sectorial específica.

a) Actividades industriais, de almacenamento e de investigación:

Establecementos en que interveñen substancias perigosas: aqueles en que están presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 2 das partes 1 e 2 do anexo I do Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, e o Real decreto 948/2005, do 29 de xullo, que o modifica, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñen substancias perigosas.

As actividades de almacenamento de produtos químicos acollidas ás instrucións técnicas complementarias e nas cantidades seguintes:

ITC APQ-1, de capacidade maior de 200 m3.

ITC APQ-2, de capacidade maior de 1 t.

ITC APQ-3, de capacidade maior de 4 t.

ITC APQ-4, de capacidade maior de 3 t.

ITC APQ-5, de categoría 4 ou 5.

ITC APQ-6, de capacidade maior de 500 m3.

ITC APQ-7, de capacidade maior de 200 m3.

ITC APQ-8, de capacidade maior de 200 t.

Establecementos en que interveñen explosivos: aqueles regulados na Orde/Pre/252/2006, do 6 de febreiro, pola que se actualiza a Instrución técnica complementaria número 10 sobre prevención de accidentes graves do Regulamento de explosivos, aprobado polo Real decreto 230/1998, do 16 de febreiro.

Actividades de xestión de residuos perigosos: aquelas actividades de recolla, almacenamento, valorización ou eliminación de residuos perigosos, de acordo co establecido na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Explotacións e industrias relacionadas coa minaría: aquelas reguladas polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira e polas súas instrucións técnicas complementarias.

Instalacións de utilización confinada de organismos modificados xeneticamente: as clasificadas como actividades de risco alto (tipo 4) no Real decreto 178/2004, do 30 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 9/2003, do 25 de abril, pola que se establece o réxime xurídico da utilización confinada, liberación voluntaria e comercialización de organismos modificados xeneticamente.

Instalacións para a obtención, transformación, tratamento, almacenamento e distribución de substancias ou materias biolóxicas perigosas: as instalacións que conteñan axentes biolóxicos do grupo 4, determinados no Real decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo.

b) Actividades de infraestruturas de transporte:

Túneles: Real decreto 635/2006, do 26 de maio, sobre requisitos mínimos de seguridade nos túneles de estradas do Estado.

Portos comerciais: os portos de interese xeral con uso comercial e os seus usos complementarios ou auxiliares definidos na Lei 48/2003, do 26 de novembro, de réxime económico e de prestación de servizos dos portos de interese xeral.

Aeroportos, aeródromos e demais instalacións aeroportuarias: aqueles regulados pola Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aeroportuaria, e pola normativa internacional (Normas e recomendacións da Organización da Aviación Civil Internacional-OACI) e nacional da Dirección Xeral de Aviación Civil aplicable.

c) Actividades e infraestruturas enerxéticas:

Instalacións nucleares e radioactivas: as reguladas polo Real decreto 1836/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento sobre instalacións nucleares e radioactivas.

Infraestruturas hidráulicas (presas e encoros): as clasificadas como categorías A e B na Orde do 12 de marzo de 1996, pola que se aproba o Regulamento técnico sobre seguridade de presas e encoros, así como na Resolución do 31 de xaneiro de 1995, pola que se dispón a publicación do acordo do Consello de Ministros polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil ante o risco de inundacións.

d) Actividades de espectáculos públicos e recreativas.

Lugares, recintos e instalacións en que se celebren os acontecementos regulados pola normativa vixente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, sempre que cumpran coas seguintes características:

En espazos pechados:

Edificios pechados con capacidade igual ou superior a 2.000 persoas, ou cunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m.

Instalacións pechadas desmontables ou de tempada con capacidade ou aforo igual ou superior a 2.500 persoas.

Ao aire libre: en xeral, aquelas cunha capacidade igual ou superior a 20.000 persoas.

e) Outras actividades reguladas pola normativa sectorial de autoprotección. Aqueloutras actividades desenvolvidas en centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias ou medios análogos sobre os cales unha normativa sectorial específica estableza obrigacións de autoprotección nos termos definidos nesta norma.

2. Actividades sen regulamentación sectorial específica.

a) Actividades industriais e de almacenamento:

Aquelas cunha carga de lume ponderada e corrixida igual ou superior a 3.200 Mcal/m2 ou 13.600 MJ/m2, (risco intrínseco alto 8, segundo a táboa 1.3 do anexo I do Real decreto 267/2004, do 3 de decembro, polo que aproba o Regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais) ou aquelas nas que estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ao 60% das especificadas na columna 2 das partes 1 e 2 do anexo 1 do Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, modificado polo Real decreto 948/2005, do 29 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñen substancias perigosas.

Instalacións frigoríficas con líquidos refrixerantes do segundo e terceiro grupo cando superen as cantidades totais empregadas en 3t.

Establecementos con instalacións acollidas ás ITC IP02, IP03 e IP-04 con máis de 500 m3.

b) Actividades e infraestruturas de transporte:

Estacións e intercambiadores de transporte terrestre: aqueles cunha ocupación igual ou superior a 1.500 persoas.

Liñas ferroviarias metropolitanas: túneles ferroviarios de lonxitude igual ou superior a 1.000 m.

Autoestradas de peaxe.

Áreas de estacionamento para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril.

Portos comerciais.

c) Actividades e infraestruturas enerxéticas:

Centros ou instalacións destinados á produción de enerxía eléctrica: os de potencia nominal igual ou superior a 300 MW.

Instalacións de xeración e transformación de enerxía eléctrica en alta tensión.

d) Actividades sanitarias:

Establecementos de usos sanitarios en que se prestan coidados médicos en réxime de hospitalización e/ou tratamento intensivo ou cirúrxico, cunha dispoñibilidade igual ou superior a 200 camas.

Calquera outro establecemento de uso sanitario que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m, ou dunha ocupación igual ou superior a 2.000 persoas.

e) Centros docentes.

Para os efectos deste artigo, entenderase como centro docente todo aquel descrito no artigo 40.1º da Lei 5/2007, do 5 de maio, de emerxencias de Galicia.

Establecementos de uso docente especialmente destinados a persoas discapacitadas físicas ou psíquicas ou a outras persoas que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios.

Calquera outro establecemento de uso docente sempre que dispoña dunha altura de evacuación igual o superior a 28 m, ou dunha ocupación igual o superior a 1.000 persoas.

f) Actividades residenciais públicas:

Establecementos de uso residencial público: aqueles en que se desenvolven actividades de residencia ou centros de día destinados a anciáns, persoas discapacitadas físicas ou psíquicas, ou aqueles en que habitualmente existan ocupantes que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios e que afecte 100 ou máis persoas.

Calquera outro establecemento de uso residencial público sempre que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m, ou dunha ocupación igual ou superior a 2.000 persoas.

g) Outras actividades:

Aqueloutras actividades desenvolvidas en centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias ou medios análogos que reúnan algunha das seguintes características:

Edificios que alberguen actividades comerciais, administrativas, de prestación de servizos, ou de calquera outro tipo, sempre que a altura de evacuación do edificio sexa igual ou superior a 28 m, ou ben dispoñan dunha ocupación igual ou superior a 2.000 persoas.

Instalacións pechadas desmontables ou de tempada con capacidade igual ou superior a 2.500 persoas.

Instalacións de cámping con capacidade igual ou superior a 2.000 persoas.

Todas aquelas actividades desenvolvidas ao aire libre cun número de asistentes previsto igual ou superior a 20.000 persoas.

ANEXO II

Contido mínimo do plan de autoprotección

O documento do plan de autoprotección estrutúrarase co contido que figura a seguir, tanto se se refire a edificios como a instalacións ou actividades a que sexan aplicables os diferentes capítulos.

Índice paxinado.

Capítulo 1. Identificación dos titulares e da localización da actividade.

1.1. Enderezo postal da localización da actividade. Denominación da actividade, nome e/ou marca. Teléfono e fax.

1.2. Identificación dos titulares da actividade. Nome e/ou razón social, enderezo postal, teléfono e fax.

1.3. Nome do director do plan de autoprotección e do director ou directora do plan de actuación en emerxencia, en caso de seren distintos. Enderezo postal, teléfono e fax.

Capítulo 2. Descrición detallada da actividade e do medio físico en que se desenvolve.

2.1. Descrición de cada unha das actividades desenvolvidas obxecto do plan.

2.2. Descrición do centro ou establecemento, dependencias e instalacións onde se desenvolvan as actividades obxecto do plan.

2.3. Clasificación e descrición de usuarios.

2.4. Descrición do medio urbano, industrial ou natural en que figuren os edificios, instalacións e áreas onde se desenvolve a actividade.

2.5. Descrición dos accesos. Condicións de accesibilidade para a axuda externa. Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e xuntaráselle como mínimo a documentación gráfica seguinte:

Plano de situación, comprendendo o medio próximo urbano, industrial ou natural en que figuren os accesos, comunicacións, etc.

Plans descritivos de todas as plantas dos edificios, das instalacións e das áreas onde se realiza a actividade.

Capítulo 3. Inventario, análise e avaliación de riscos.

Deben terse presentes, como mínimo, aqueles riscos regulados por normativas sectoriais. Este capítulo comprenderá:

3.1. Descrición e localización dos elementos, instalacións, procesos de produción, etc. que poidan dar orixe a unha situación de emerxencia ou incidir de xeito desfavorable no seu desenvolvemento.

3.2. Identificación, análise e avaliación dos riscos propios da actividade e dos riscos externos que poidan afectarlle (riscos recollidos nos plans de protección civil e actividades de risco próximas).

3.3. Identificación, cuantificación e tipoloxía das persoas tanto afectas á actividade como alleas a ela que teñan acceso aos edificios, instalacións e áreas onde se desenvolve a actividade.

Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e xuntaráselle como mínimo a documentación gráfica seguinte:

Planos de situación por plantas de todos os elementos e/ou instalacións de risco, tanto os propios como os do contorno.

Capítulo 4. Inventario e descrición das medidas e medios de autoprotección.

4.1. Inventario e descrición das medidas e medios, humanos e materiais de que dispón a entidade para controlar os riscos detectados, enfrontar as situacións de emerxencia e facilitar a intervención dos servizos externos de emerxencias.

4.2. As medidas e os medios, humanos e materiais, dispoñibles en aplicación de disposicións específicas en materia de seguridade. Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e xuntaráselle como mínimo a documentación gráfica seguinte:

Planos de situación dos medios de autoprotección, conforme a normativa UNE.

Planos de percorridos de evacuación e áreas de confinamento, reflectindo o número de persoas que se van evacuar ou confinar por áreas segundo os criterios fixados na normativa vixente.

Planos de compartimentación de áreas ou sectores de risco.

Capítulo 5. Programa de mantemento de instalacións.

5.1. Descrición do mantemento preventivo das instalacións de risco que garanta o control destas.

5.2. Descrición do mantemento preventivo das instalacións de protección que garanta a súa operatividade.

5.3. Realización das inspeccións de seguridade de acordo coa normativa vixente.

Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e xuntaráselle como mínimo un libriño de follas numeradas onde queden reflectidas as operacións de mantemento realizadas, e as inspeccións de seguridade, conforme a normativa dos regulamentos de instalacións vixentes.

Capítulo 6. Plan de actuación ante emerxencias.

Deben definirse as accións que se desenvolverán para o control inicial das emerxencias, garantíndose a alarma, a evacuación e o socorro. Comprenderá:

6.1. Identificación e clasificación das emerxencias:

En función do tipo de risco.

En función da gravidade.

En función da ocupación e medios humanos.

6.2. Procedementos de actuación ante emerxencias:

a) Detección e alerta.

b) Mecanismos de alarma.

b.1) Identificación da persoa que dará os avisos.

b.2) Identificación do centro de Coordinación de Atención de Emerxencias de Protección Civil.

c) Mecanismos de resposta fronte á emerxencia.

d) Evacuación e/ou confinamento.

e) Prestación das primeiras axudas.

f) Modos de recepción das axudas externas.

6.3. Identificación e funcións das persoas e equipos que levarán a cabo os procedementos de actuación en emerxencias.

6.4. Identificación do responsable da posta en marcha do plan de actuación ante emerxencias.

Capítulo 7. Integración do plan de autoprotección noutros de ámbito superior.

7.1. Os protocolos de notificación da emerxencia.

7.2. A coordinación entre a dirección do plan de autoprotección e a dirección do plan de protección civil onde se integre o plan de autoprotección.

7.3. As formas de colaboración da organización de autoprotección cos plans e as actuacións do sistema público de protección civil.

Capítulo 8. Implantación do plan de autoprotección.

8.1. Identificación do responsable da implantación do plan.

8.2. Programa de formación e capacitación para o persoal con participación activa no plan de autoprotección.

8.3. Programa de formación e información a todo o persoal sobre o plan de autoprotección.

8.4. Programa de información xeral para os usuarios.

8.5. Sinalización e normas para a actuación de visitantes.

8.6. Programa de dotación e adecuación de medios materiais e recursos.

Capítulo 9. Mantemento da eficacia e actualización do plan de autoprotección.

9.1. Programa de reciclaxe de formación e información.

9.2. Programa de substitución de medios e recursos.

9.3. Programa de exercicios e simulacros.

9.4. Programa de revisión e actualización de toda a documentación que forma parte do plan de autoprotección.

9.5. Programa de auditorías e inspeccións.

Anexo I do plan de autoprotección. Directorio de comunicación.

1. Teléfonos do persoal de emerxencias.

2. Teléfonos de axuda exterior.

3. Outras formas de comunicación.

Anexo II do plan de autoprotección. Formularios para a xestión de emerxencias.

Anexo III do plan de autoprotección. Planos.

ANEXO III

Certificado da implantación do plan de autoprotección

Datos do centro, establecemento, espazo, instalación e dependencia:

Nome.

Enderezo completo.

Actividade ou uso.

Teléfono.

Fax.

Correo electrónico.

Datos do titular da actividade ou do seu representante legal:

Nome.

DNI.

Enderezo completo.

Teléfono.

Fax.

Correo electrónico.

Certifico: que se realizou a implantación completa do plan de autoprotección, con data..., nos termos que se recollen no citado plan e seguindo os criterios establecidos na Norma básica de autoprotección.

En..., ... de... de...

(Lugar e data)

Asinado:...

(O titular da actividade o seu representante legal)

DIRECCIÓN XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR*

ANEXO IV

Contido mínimo do rexistro de datos dos centros, lugares ou establecementos onde sexa habitual a concentración de persoas

Datos xerais:

Nome do establecemento.

Enderezo completo.

Teléfono, fax, correo electrónico.

Nº de ocupantes (clasificación).

Nº de empregadas/os (clasificación).

Actividade ou uso do establecemento. Actividades ou usos que convivan na mesma edificación.

Datos do titular (nome, enderezo, telefono ...).

Data da última revisión do documento.

Datos estruturais:

Tipo estrutura.

Nº de plantas sobre e baixo rasante.

Superficie útil ou construída (por plantas).

Número de saídas ao exterior.

Número de escaleras exteriores.

Sectorización de incendios.

Información relevante sobre la estrutura e/ou edificio:

Localización das chaves de corte de subministracións enerxéticas (gas, electricidade, gasoil ...).

Medio:

Información sobre o medio (urbano, rural, proximidade a ríos, a rutas polas cales transitan vehículos con mercadorías perigosas, a industrias, a zonas forestais, edificio illado ou medianil con outras actividades. Tipo de actividades do medio e os seus titulares).

Vulnerables existentes no contorno.

Accesibilidade:

Datos e información relevante sobre o acceso.

Características dos accesos de vehículos as fachadas do establecemento.

Número de fachadas accesibles a bombeiros.

Focos de perigo e vulnerables:

Tipo de risco máis significativo que emana do edificio.

Tipo e cantidade de produtos perigosos que se almacenan e/ou procesan.

Vulnerables.

Instalacións técnicas de protección contra incendios. Dispón de:

Detección e alarma de incendios. Data de revisión da instalación.

Pulsadores de alarma de incendios. Data de revisión da instalación.

Extintores de incendios. Data de revisión da instalación.

Iluminación de emerxencia. Data de revisión da instalación.

Sinalización. Data de revisión da instalación.

Grupo electróxeno e sistema de alimentación ininterrompida, SAI. Data de revisión da instalación.

Equipo de bombeo e alxibe ou depósito de auga. Data de revisión da instalación.