DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 20 de outubro de 2010 Páx. 17.380

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2010, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a preparación das propostas de novos plans de estudos no marco da nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

Subscrito o día 5 de xullo de 2010 o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a preparación das propostas de novos plans de estudos no marco da nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais procede á súa publicación no Diario Oficial de Galicia do citado convenio que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2010.

José Alberto Díez de Castro

Secretario xeral de Universidades

ANEXO

Dunha parte Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado mediante o Decreto 81/2009, do 19 de abril, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Doutra parte Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude da competencia atribuída no artigo 87 dos estatutos da universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG do 9 de febreiro) e o seu nomeamento mediante o Decreto 99/2010, do 17 de xuño.

Doutra parte José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña, en virtude da competencia atribuída no artigo 36 dos estatutos da universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio) modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, e o seu nomeamento mediante o Decreto 3/2008, do 10 de xaneiro.

E doutra parte, Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo, en virtude da competencia atribuída no artigo 58 dos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG do 2 de febreiro) e o seu nomeamento mediante o Decreto 90/2010, do 10 de xuño.

Todas as partes se recoñecen capacidade xurídica para actuar neste acto.

DECLARAN:

A Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modificou a Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades a través do seu título XIII proporciona ás universidades españolas o marco xurídico para o desenvolvemento e implantación do novo modelo de ensino superior en adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES).

A Lei 4/2007 aposta decididamente pola harmonización dos sistemas educativos superiores no marco do EEES e asume a necesidade dunha profunda reforma na estrutura e na organización das ensinanzas, que se organizarán en títulos de graduado, máster e doutor. A reforma está guiada pola vontade de potenciar a autonomía das universidades, á vez que se incrementa a exixencia de render contas sobre o cumprimento das súas funcións. Este principio é impulsado pola Unión Europea apoiando a modernización das universidades europeas co fin de convertelas en axentes activos para a transformación de Europa nunha economía plenamente integrada na sociedade do coñecemento. A autonomía é a principal característica que as universidades teñen para responder con flexibilidade e rapidez ás cambiantes necesidades que a sociedade require.

A mencionada autonomía, así como a supresión do catálogo de títulos efectuado pola nova lei no seu artigo 34, e por proposta dun novo procedemento para o establecemento do carácter oficial dos títulos e a súa inclusión no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos, require poñer a énfase dos planos de estudo non só no contido dos títulos senón tamén nas condicións necesarias para o seu recoñecemento. Estas condicións supoñen un maior compromiso das universidades no contido dos proxectos de planos de estudo que deben elaborar.

Neste proceso, cuxa conclusión está prevista para o ano 2010, é decisiva a participación e colaboración de todas as administracións públicas, xeral do Estado, da Xunta de Galicia e as propias universidades galegas, destinatarias finais do proceso de innovación do sistema universitario galego.

Por parte da Administración xeral do Estado, este impulso traduciuse nun conxunto de disposicións normativas e nun esforzo orzamentario iniciado xa no ano 2006, mediante a Orde ECI/2790/2006, do 8 de setembro (BOE do 12 seguinte), tendo a súa continuación durante o ano 2007 na Orde ECI/3008/2007, do 12 de setembro (BOE do 16 de outubro) e na Orde CIN/2941/2008, do 8 de outubro (BOE do 15 de outubro) e no Acordo do Consejo de Ministros do 27 de novembro polo que se formalizan os compromisos financeiros orixinados no Acordo da Conferencia General de Política Universitaria na súa xuntanza do día 2 de xuño de 2009 sobre os criterios de distribución territorial, así como a distribución resultante das subvencións correspondentes ao exercicio económico 2009 para a adaptacións das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Ensino Superior.

Na Orde CIN/2941/2008 establecéronse os criterios básicos a que deberán axustarse as actividades que presentaran as universidades e as liñas prioritarias de actuación que deberán valorar os órganos competentes das comunidades autónomas á hora de distribuír as axudas e que deberían recoller os convenios que subscriban coas universidades para tal fin, de conformidade co recollido no Acordo do Consello de Ministros do 28 de xullo de 2006, BOE do 8 de agosto.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia esta materia está regulada polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 16 de agosto) e polo Decreto 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación dos estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou doutor (DOG do 16 de abril).

En consecuencia, acordan formalizar este convenio de colaboración segundo as seguintes

CLÁUSULAS

Primeira.-Obxecto.

Constitúe o obxecto deste convenio outorgar a subvención regulada no Acordo do Consello de Ministros do 27 de novembro polo que se formalizan os compromisos financeiros orixinados no Acordo da Conferencia General de Política Universitaria na súa xuntanza do día 2 de xuño de 2009 sobre os criterios de distribución territorial, así como a distribución resultante, das subvencións correspondentes ao exercicio económico 2009 para a adaptacións das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Ensino Superior, establecendo os criterios básicos aos que deberán de axustarse os proxectos que realizarán as tres universidades do sistema universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo).

Segunda.-Distribución da axuda.

Destinarase ao dito fin a cantidade de oitocentos doce mil cincocentos trinta euros con setenta céntimos 812.530,70 €), que se recollen na aplicación orzamentaria 09.02.422C.444.1, cantidade que se repartirá da forma seguinte:

-Universidade de Santiago de Compostela: 309.980,46 €.

-Universidade da Coruña: 231.164,98 €.

-Universidade de Vigo: 271.385,26 €.

Terceira.-Forma de pagamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria librará ás universidades o 10% da cantidade que lles corresponde á sinatura do convenio. Poderán facerse pagamentos parciais ata o 80%, logo de presentación dunha certificación do xerente da universidade correspondente na que deberán constar as accións realizadas, incluíndo un certificado do gasto realizado nos termos do artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A cantidade restante, unha vez rematado todo o proxecto, logo de presentación dunha certificación do xerente da universidade correspondente e da memoria final, tal e como prevé a normativa reguladora vixente en materia de subvencións.

Cuarta.-Suxeición á Lei 9/2007.

Este convenio de colaboración ten natureza administrativa, rexéndose para os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas, e polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa vixente en materia de subvencións, e no seu defecto pola normativa xeral en materia de contratos do sector público (Lei 30/2007).

Quinta.-Concorrencia pública.

Debido á especificidade das características, tanto das entidades colaboradoras coma do obxecto do convenio, non son de aplicación os principios de publicación e concorrencia pública, xa que as universidades do sistema universitario de Galicia, son as encargadas de adaptar os seus plans de estudo no marco da nova ordenación das ensinanzas universitarias oficias.

Sexta.-Inclusión nos rexistros oficiais.

Segundo a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, as universidades do sistema universitario de Galicia consenten expresamente para que a Administración inclúa e faga públicos, nos rexistros regulados neste decreto, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que puideran facer os peticionarios no sentido de non autorizar a obtención dos datos ou á publicidade destes nos rexistros que, en todo caso, terán que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

Sétima.-Requisitos básicos das actividades.

As actividades realizadas polas universidades do sistema universitario de Galicia deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

1. Deberán ser efectuadas polo órgano competente de cada universidade.

2. Deberán contribuír á elaboración das propostas dos novos planos de estudo de cada universidade.

3. Deberán obedecer a estratexias e tarefas concretas recollidas nas liñas prioritarias a que se refire a cláusula seguinte.

4. As universidades quedarán obrigadas a realizar as actividades que fundamentan a concesión desta axuda, sen que caiba cambio ou modificación ningunha do obxecto ou finalidade para a que se concedeu.

Oitava.-Liñas (actuacións) subvencionables.

As actividades que vai realizar cada universidade recollerán as seguintes liñas prioritarias de actuación:

1. Localización e análise de referentes externos á universidade que avalen a adecuación das propostas a criterios nacionais ou internacionais para títulos de similares características académicas.

2. Consultas externas para a elaboración do plano de estudos con profesionais, asociacións ou colexios profesionais, estudantes ou outros colectivos.

3. Deseño de sistemas de avaliación das competencias dos estudantes.

4. Deseño de sistemas de información previa á matriculación e procedementos de acollida e orientación dos estudantes de novo ingreso para facilitar a súa incorporación á universidade e á titulación.

5. Deseño de sistemas de apoio e orientación dos estudantes unha vez matriculados.

6. Deseño do sistema propio da universidade para transferencia e recoñecemento de créditos.

7. Elaboración e análise de indicadores de graduación, abandono e eficiencia das actuais titulacións, co obxectivo de establecer valores estimados para os novos planos de estudo.

8. Deseño de prácticas externas e a súa avaliación.

9. Deseño de traballos de fin de grao ou máster e a súa avaliación.

10. Deseño de sistemas de garantía de calidade aplicable á titulación.

11. Deseño de sistemas de apoio e orientación dos estudantes con discapacidade.

Novena.-Prazos de execución.

1. Os proxectos subvencionados deberán desenvolverse ao longo do curso académico 2009/2010 e darán lugar a unha memoria de execución por parte de cada universidade do sistema universitario de Galicia que deberá ser presentada ante a Secretaría Xeral de Universidades antes do 30 de outubro de 2010, e incluirá a xustificación do gasto nos termos do artigo 28.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Con anterioridade ao 31 de decembro de 2010, a Secretaría Xeral de Universidades remitirá ao Ministerio de Educación a memoria de execución das actividades realizadas pola universidades con cargo á subvención transferida.

Décima.-Comisión de seguimento.

Para o seguimento da execución deste convenio, crearase unha comisión de seguimento que estará constituída por:

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O secretario xeral de Universidades ou persoa na que delegue e outras dúas persoas designadas por el.

As universidades do sistema universitario de Galicia:

-O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, ou a persoa na que delegue.

-O reitor da Universidade da Coruña, ou a persoa na que delegue.

-O reitor da Universidade de Vigo, ou a persoa na que delegue.

As dúbidas ou lagoas que puideran xurdir na interpretación e desenvolvemento deste convenio serán resoltas por esta comisión de seguimento.

Décimo primeira.-Natureza administrativa do convenio.

Este convenio ten natureza administrativa rexéndose, en primeiro lugar, polas cláusulas que se establecen nel, no seu defecto polas normas de dereito administrativo que lle sexan de aplicación.

As partes comprométense á resolución amigable das discrepancias que puideran xurdir respecto da interpretación, modificación, resolución e cumprimento deste convenio que serán resoltas pola comisión de seguimento.

Das cuestións litixiosas que puideran xurdir na execución do convenio será competente a xurisdición contencioso-administrativa.

Este convenio poderá ser denunciado pola parte que considere vulnerado o espírito del por incumprimento dalgunha das súas cláusulas. A denuncia deberá efectuarse comunicándolle á outra parte, mediante escrito fundado e cunha antelación mínima dun mes. Neste suposto, e salvo acordo expreso en contrario, deberán finalizar as accións xa iniciadas.

Decimo segunda.-Período de vixencia.

Este convenio terá vixencia desde a súa sinatura ata o 30 de outubro de 2010, sen prexuízo de que se poida atender a actuacións realizadas con anterioridade á data da súa sinatura.

O que en proba de conformidade asinan as partes por cuadriplicado exemplar a un só efecto no lugar e data sinalados ut supra.

Pola Consellería de Educación Pola Universidade de Santiago

e Ordenación Universitaria de Compostela

Jesús Vázquez Abad Juan José Casares Long

Conselleiro Reitor

Pola Universidade da Coruña Pola Universidade de Vigo

José María Barja Pérez Salustiano Mato de la Iglesia

Reitor Reitor