DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 20 de outubro de 2010 Páx. 17.367

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 8 de outubro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+i e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia, e crea para lograr este obxectivo o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2006-2010).

No Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, indícase que lle corresponde á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido na Lei 12/1993, do 6 de agosto, o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico está integrado por tres tipos de programas: programas horizontais, xerais e sectoriais. Os programas xerais están dirixidos particularmente á promoción da actividade innovadora do sistema público de I+D+i e dos centros tecnolóxicos. Entre eles, o programa xeral de consolidación e estruturación do sistema de I+D+i trata de contribuír á consolidación e especialización competitiva das unidades de investigación, buscando corrixir a excesiva fragmentación e constatable dispersión de capacidades que merma a potencialidade científica e tecnolóxica do sistema galego de ciencia e tecnoloxía.

A materialización destes obxectivos require de novos instrumentos que potencien a organización competitiva e a dotación dos recursos necesarios para dar un salto significativo na calidade e impacto dos resultados da actividade científica. No Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico prevese a concesión de axudas a grupos de investigación, baixo a fórmula de contratos programa, como un instrumento que contribúa a dimensionar e cohesionar os grupos de investigación e potencie a complementariedade das capacidades dispoñibles no sistema. En definitiva, é a aposta por grupos de maior dimensión, interdisciplinares e especializados en liñas de investigación que encaixen entre si e garantan que o sistema galego de ciencia e tecnoloxía atende os temas de maior relevancia para Galicia.

Mediante esta orde convócanse axudas dirixidas aos centros de innovación e tecnoloxía, aos centros de investigación e grupos de investigación do sistema universitario galego (en adiante SUG) e demais organismos do sistema público de I+D+i. Estas axudas, que recoñecen e premian o esforzo na obtención de resultados de calidade, concédense sobre a base dos resultados contrastables da actividade investigadora e co compromiso de desenvolver un programa por obxectivos particularizado para cada beneficiario da axuda e no que se plasmen os fitos que se agardan obter, necesariamente ligados a unha mellora contrastable nos resultados da actividade investigadora.

As axudas dos centros de innovación e tecnoloxía establécense en función dunha serie de indicadores que, de forma obxectiva, valoran as súas perspectivas financeira, de clientes, estrutura interna e de mellora continua con vistas a establecer para os mesmos unha liña de financiamento estable que permita a supresión das axudas directas para os seus gastos de funcionamento.

As axudas que se concedan, dado que as actividades de I+D non se realizan por conta ou en colaboración con empresas, non teñen a consideración de axudas do Estado para os efectos do número 1 do artigo 87 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea e do encadramento comunitario sobre axudas de Estado de investigación e desenvolvemento (96/C45/06).

Polo anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións, baixo a fórmula de contratos-programa, da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria.

As axudas teñen por obxecto a estruturación do sistema galego de I+D+i na procura dunha maior e mellor competitividade realizando unha investigación de calidade, promovendo a consolidación e o dimensionamento das unidades de investigación do SUG e demais organismos de investigación que desenvolven a súa actividade investigadora en Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas subvencións para o ano 2010 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, cos tipos de subvencións que a seguir se indican e que se rexerán polas seguintes bases xerais, así como por aquelas específicas que se inclúen como anexo á esta orde.

Tipo de subvención, modalidade de axuda código de procedemento e anexo:

1. Axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+i, de nova adxudicación en 2010, dirixidas aos centros de innovación e tecnoloxía (modalidade C): IN845A, anexo I.

2. Axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+i, de renovación das concedidas en 2007, 2008 e 2009 (modalidades A e B): IN845B, anexo II.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, nas cales existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2010. Non obstante, se no transcurso do exercicio 2010 se producen variacións orzamentarias que permitan unha maior dispoñibilidade orzamentaria, poderanse conceder máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios establecidos nos artigos correspondentes destas bases:

Aplicación orzamentaria 2010

08.02.561B.744.0 2.260.073,00

08.02.561A.740.0 453.451,00

08.02.561A.743.0 160.480,00

08.02.561A.781.0 3.800.000,00

Total 6.674.004,00

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das que poida conceder esta consellería para o mesmo fin. Ademais, tamén serán incompatibles coas axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG concedidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada para o mesmo fin, calquera que fose a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as universidades públicas de Galicia, os organismos públicos de investigación (Consello Superior de Investigacións Científicas e Instituto Español de Oceanografía) e os centros de investigación da rede pública sanitaria de Galicia a través dos seus grupos de investigación, así como os centros de innovación e tecnoloxía.

Artigo 4º.-Requisitos dos interesados e presentación de solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados segundo o tipo de axuda e dos cales, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos IV e V desta orde, as correspondentes portadas. A dita solicitude irá acompañada dos documentos que se especifican no anexo correspondente. Ademais, os beneficiarios das axudas convocadas nesta orde deberán reunir as condicións exixidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como os requisitos que se establezan no anexo correspondente.

2. Os formularios de solicitude das subvencións deberanse obter necesariamente no web da Consellería de Economía e Industria:

http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente na oficina de Rexistro Único e Información no complexo administrativo de San Caetano-Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos indicados no artigo 1º, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Consellería de Economía e Industria http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi, na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 981 54 10 86, 881 99 91 60 e 881 99 91 56.

c) O enderezo electrónico cei.infopxi@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre estes procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012.

Artigo 7º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia.

Así mesmo, conforme o establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os documentos exixidos que xa estean en poder da Administración actuante non deberán ser achegados coa solicitude, sempre que nela se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foi presentada a documentación e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará no seu web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 8º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndolle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 9º.-Instrución do procedemento e tramitación.

1. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

2. Os requirimentos citados de emenda poderanse notificar mediante publicación nun taboleiro da páxina web da Consellería de Economía e Industria.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10º.-Comisión de Valoración.

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nos correspondentes anexos e emitirá un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada. Así mesmo, determinará a contía de cada axuda tendo en conta ademais as dispoñibilidades orzamentarias, respectando os límites que se fixen en cada un dos anexos desta orde.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: un/unha subdirector/a xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de I+D+i.

c) Tres vogais designados polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación entre expertos do sistema galego de ciencia e tecnoloxía.

3. Na proposta de concesión que formule o órgano instrutor figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no anexo correspondente. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nas actuacións inicialmente subvencionadas, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará o informe emitido pola Comisión de Valoración, xunto coa proposta de resolución que formule, ao conselleiro de Economía e Industria.

2. O conselleiro de Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no web da Consellería de Economía e Industria con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, indicarase que as solicitudes que non figuren na dita publicación deberán entenderse desestimadas, así como a causa de desestimación.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Anticipos.

1. Para falicitar a xestión das axudas realizaranse pagamentos anticipados das subvencións recollidas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007 e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009. En todo caso, os importes anticipados non poderán superar o 80% da subvención concedida.

2. A concesión dos anticipos quedará condicionada ao cumprimento, por parte do beneficiario, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizarase mediante resolución motivada logo da publicación da adxudicación das axudas.

3. Non se precisará a presentación de garantías por parte dos centros tecnolóxicos, das universidades públicas, as administracións públicas e os seus organismos vinculados ou dependentes, de conformidade co establecido no artigo 48.2º da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, así como no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No resto das actuacións subvencionadas exímese, de forma excepcional, da presentación de garantías, logo da autorización ao respecto polo Consello da Xunta.

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11º destas bases xerais.

Artigo 16º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada, e desde ese momento adquirirán a condición de beneficiarios.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará no web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria. xunta.es/dxidi), así como por calquera outro medio que permita a súa constacia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no momento en que sexan beneficiarios de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o seu importe e a duración.

Artigo 18º

Os conceptos subvencionables son:

1. Custo de persoal investigador ou de apoio dedicado ao cumprimento dos obxectivos do contrato-programa (nas modalidades A e B definidas no anexo II desta orde, este custo debe referirse a persoal contratado especificamente ao cumprimento destes obxectivos). Na modalidade C (centros de innovación e tecnoloxía), o custo do persoal de apoio non poderá ser superior ao 15% do importe da subvención que se conceda.

2. Material funxible e pequeno equipamento científico así como o seu mantemento. O custo do equipamento científico non poderá superar o importe de 60.000 euros.

3. Material bibliográfico.

4. Custes de formación do persoal do grupo/centro de investigación.

5. Custes en actividades de mobilidade para difusión científica.

6. Actividades específicas do grupo/centro de investigación para a divulgación do seu coñecemento.

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos en que aparece definida no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non poderán incluírse custos xa financiados a través das subvencións de proxectos concedidos ao abeiro das convocatorias da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 19º.-Xustificación da subvención.

1.Os beneficiarios deberán presentar a seguinte documentación na data límite do 15 de decembro de 2010:

a) Un resumo da execución da subvención, que deberá axustarse aos modelos que se publicarán no web da Consellería de Economía e Industria http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi

b) Documentación acreditativa da realización da investimento ou gasto, que consistirá en orixinal e unha copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, así como dos seus xustificantes de pagamento.

c) De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse:

-Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

-Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

d) No caso dos custos de persoal investigador ou de apoio, deberá achegarse:

-Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director do centro tecnolóxico, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao cumprimento dos obxectivos do contrato-programa, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto no centro tecnolóxico, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao centro tecnolóxico e data de pagamento da S.S.

-Copia compulsada das nóminas e boletíns de cotización á Seguridade Social do persoal dedicado ao cumprimento dos obxectivos do contrato-programa.

-Copia compulsada do contrato de traballo, no caso do persoal adicional contratado con dedicación específica ao cumprimento dos obxectivos do contrato-programa.

e) No caso de gastos de viaxes deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, acompañada da documentación acreditativa de realización do gasto.

f) Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. O aboamento do 20% do importe da subvención, que non foi efectuado con carácter anticipado, realizarase unha vez que o beneficiario xustifique a realización da totalidade dos gastos e pagos correspondentes á actividade subvencionada.

4. Nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. A certificación deberá realizarse de acordo cos modelos que se publicarán na páxina web da Consellería de Economía e Industria http://economiaeindustria. xunta.es/dxidi. Os ditos modelos conterán necesariamente unha relación de facturas en que se indiquen as datas dos seus pagamentos.

Artigo 20º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán solicitar as aclaracións ou informes que consideren oportunos.

2. Admitiranse os custos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2010 ata a data límite de xustificación.

3. Para efectuar o pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Os beneficiarios que teñan percibidos pagamentos anticipados e presenten unha xustificación de gastos inferior aos pagamentos percibidos deberán acompañar á documentación presentada os xustificantes de ingreso nas contas da comunidade autónoma dos importes percibidos e non xustificados, sen prexuízo de que lles poida ser exixida a devolución doutras contías anticipadas unha vez aprobada a xustificación polo órgano competente, a Dirección Xeral de I+D+i.

Artigo 21º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das condicións das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas no web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 24º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases estarase suxeito ao establecido no marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2006/C 323/01), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional

Única.-Tramitación.

A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2010 realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, por Resolución do 31 de decembro de 2009, que quedará sometida a todos os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007 para obter a condición de entidade colaboradora, asumindo as obrigas previstas no artigo 12 do mesmo texto legal.

Disposición derradeira

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación das unidades de investigación, que baixo a modalidade de contrato-programa van dirixidas aos centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto da subvención.

O obxecto das axudas é promover a consolidación e a estruturación das unidades de investigación competitivas nos centros de innovación e tecnoloxía da comunidade autónoma.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas os centros de innovación e tecnoloxía da comunidade autónoma. Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados os seguintes:

-Centro tecnolóxico AIMEN.

-Centro Técnolóxico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca (Anfaco-Cecopesca).

-Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Fundación Cesga).

-Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).

-Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (Cetpec).

-Centro Tecnolóxico Galego de Acuicultura (Cetga).

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

A contía máxima da axuda para cada centro tecnolóxico non será superior a 1.000.000 de euros.

Artigo 4º.-Formalización das solicitudes.

A solicitude constará dos seguintes documentos:

1. Formulario normalizado de solicitude que se deberá obter, cubrir, aceptar e imprimir necesariamente nos enderezos da internet sinalados no artigo 4º das bases xerais, que inclúe a memoria descritiva. Esta memoria recollerá os resultados de investigación que se van valorar, sendo estes méritos os indicados no artigo 5º deste anexo.

O formulario de solicitude debe ser asinado polo representante legal do centro. Esta sinatura supón o compromiso de verificación dos datos que se presentan na solicitude.

2. Plan de actuación que se desenvolverá no cal figuren as accións previstas para a mellora contrastable dos seus resultados de investigación, principalmente naqueles ítems en que se amosan as debilidades.

3. Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

4. Copia compulsada do CIF do centro solicitante.

5. Copia compulsada do xustificante de alta na Seguridade Social.

6. Copia compulsada do poder suficiente con que actúa o representante legal do centro.

7. Copia compulsada da escritura de constitución do centro e modificacións, de ser o caso, da persoa xurídica a que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

8. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como de estar ao día de pagamentos de obrigas por reintegro de subvencións.

Artigo 5º.-Criterios de valoración e selección.

Os resultados de investigación achegados polo centro solicitante valoraranse conforme o baremo e os indicadores que se recollen no anexo III, en que se recollen as perspectivas financeira, de clientes, interna e a de mellora continua. Estes resultados de investigación estarán referidos ao ano 2009, coas especificacións que se sinalan no anexo III para os indicadores 11, 12 e 22.

Realizada a valoración dos resultados de investigación, a comisión, de conformidade co establecido no artigo 20.2º.l da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, outorgará 1 punto a aqueles solicitantes que se comprometan a utilizar a lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.

O importe da axuda determinarase en función da puntuación final obtida por cada unha das entidades solicitantes tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias.

ANEXO II

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a consolidación e estruturación das unidades de investigación, dirixidas aos grupos de investigación do SUG, organismos públicos de investigación con sede en Galicia (Consello Superior de Investigaciones Científicas e Instituto Español de Oceanografía) e centros de investigación da rede pública sanitaria galega que obtivesen axudas para esta mesma finalidade nas convocatorias de 2007 e de 2008 da Consellería de Innovación e Industria e na convocatoria de 2009 da Consellería de Economía e Industria (tipo de axuda 2)

Artigo 1º.-Obxecto da subvención.

O obxecto das axudas é promover a consolidación e a estruturación das unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+i.

Artigo 2º.-Beneficiarios e modalidades de axuda.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións os grupos de investigación do SUG, organismos públicos de investigación (Consello Superior de Investigaciones Científicas e Instituto Español de Oceanografía) e centros de investigación da rede pública sanitaria galega que obtivesen as correspondentes axudas para a consolidación e estruturación das unidades de investigación nas convocatorias de 2007, de 2008 da Consellería de Innovación e Industria e na convocatoria de 2009 da Consellería de Economía e Industria (Orde do 3 de outubro de 2007, DOG número 200, do 16 de outubro e Orde do 1 de xullo de 2008, DOG número 134, do 11 de xullo; Orde do 2 de xuño de 2009, DOG número 114, do 12 de xuño).

Artigo 3º.-Formalización das solicitudes.

A solicitude constará dos seguintes documentos:

1. Formulario normalizado de solicitude obtido nos enderezos da internet sinalados no artigo 4º das bases xerais, que inclúe a memoria descritiva do solicitante, segundo o tipo de axuda e a modalidade da que se trate. Esta memoria recollerá os resultados de investigación que se valorarán.

O formulario de solicitude deberá ser asinado polo coordinador do grupo de investigación e presentarase co visto e prace do representante legal do organismo correspondente. Esta sinatura supón o compromiso de verificación dos datos que se presentan na solicitude.

2. Documentación acreditativa dos resultados de investigación que se alegan para o período de referencia (orixinal ou copia compulsada) agás que se trate de documentos xerados pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con posterioridade ao 14 de novembro de 2003, en cuxo caso non será necesaria a súa presentación, de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos. Este período de referencia será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009.

3. Nas solicitudes de axudas que procedan de persoal pertencente a centros sanitarios que xestionen as súas actividades de investigación a través de fundacións de interese galego (Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego), o Servizo Galego de Saúde deberá dar o seu visto e prace á solicitude e autorizar a correspondente fundación sanitaria de interese galego para que xestione a subvención. Pola súa banda, o representante legal da fundación deberá asinar a aceptación da dita xestión.

4. Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

5. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como de estar ao día de pagamentos de obrigas por reintegro de subvencións. Esta declaración deberá ser remitida á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación polo organismo a través do cal se presente algunha solicitude, non sendo necesaria máis que unha única declaración, válida para o conxunto de solicitudes presentadas polo seu persoal.

Artigo 4º.-Criterios de valoración e contía das subvencións.

Os resultados de investigación achegados necesariamente terán que circunscribirse a algúns dos seguintes ítems:

Modalidade A:

a) Persoal investigador incorporado entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009 ao grupo.

-Por cada doutor incorporado: 0,5 puntos

b) Produtividade científica.

Sexenios/quinquenios de investigación recoñecidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009, computados en relación aos doutores do grupo.

-Por doutor con 1 sexenio: 0,5 puntos.

-Por doutor con 2 sexenios: 1,5 puntos.

-Por doutor con 3 ou máis sexenios: 3 puntos.

c) Realización de proxectos de investigación de convocatorias competitivas, sendo o IP membro do grupo de investigación e concedidos entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2009 (máximo 35 puntos).

-Proxectos do programa marco da UE (7 puntos).

-Proxectos do Plan Galego e Plan Nacional de I+D (3,5 puntos).

d) Actividades de transferencia: contratos/convenios de I+D con empresas e/ou administracións públicas, sempre que supoñan actividade de investigación ou servizos de innovación, asinados entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2009, e patentes ou equivalentes (obtencións vexetais, etc.) rexistradas e en explotación. Exclúense os servizos tecnolóxicos, as auditorías, informes e demais actividades que non incorporan maior coñecemento ou non supoñen transferencia de coñecemento cara a sociedade (máximo 30 puntos):

-Por cada tramo de 15.000 euros: 0,50 puntos.

-Por cada patente rexistrada: 2 puntos.

-Por cada patente en explotación: 4 puntos.

e) Capacidade e compromiso de formación: lectura de teses de doutoramento e bolseiros/contratados mediante convocatorias competitivas de programas específicos de formación de investigadores (FPU, FPI, María Barbeito e similares) entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009:

-Por cada tese de doutoramento dirixida e lida: 1 punto (no caso de teses codirixidas por dous investigadores pertencentes a distintos grupos de investigación, asignaranse 0,5 puntos a cada un dos grupos).

-Por cada persoa en formación incorporada (ligada a convocatorias distintas): 0,75 puntos

Realizada a valoración dos resultados de investigación, a comisión valorará os seguintes ítems podendo outorgar como máximo 2 puntos:

-Participación equilibrada de investigadoras, nomeadamente nas tarefas de dirección e planificación;

-De conformidade co establecido no artigo 20.2º.l da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda.

Modalidade B: grupos de investigación pertencentes ao sistema sanitario público galego:

a) Persoal investigador doutor incorporado ao grupo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009.

-Por cada doutor incorporado: 1 punto.

b) Produtividade científica.

Publicacións en revistas científicas da correspondente área indexadas no Journal Citation Report. Só se contabilizarán os artigos publicados entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2009. No caso de artigos con varios autores pertencentes a distintos grupos de investigación solicitantes destas axudas, adscribirase o artigo ao grupo a que pertence a maioría dos coautores e, de non existir a dita maioría, ao grupo a que pertence o primeiro asinante.

-Por cada artigo con factor de impacto do cuartil superior: 1 punto.

-Por cada artigo con factor de impacto do segundo e terceiro cuartil: 0,5 puntos.

c) Realización de proxectos de investigación de convocatorias competitivas, sendo o IP membro do grupo de investigación e concedidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009 (máximo 35 puntos):

-Proxectos do Programa Marco da UE (7 puntos).

-Proxectos do Plan Galego e Plan Nacional de I+D (3,5 puntos).

d) Actividades de transferencia: contratos/convenios de I+D con empresas e/ou administracións públicas, sempre que supoñan actividade de investigación ou servizos de innovación, asinados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009, e patentes ou equivalentes (obtencións vexetais, etc.) rexistradas e en explotación. Exclúense os servizos tecnolóxicos, as auditorías, informes e demais actividades que non incorporan maior coñecemento ou non supoñen transferencia de coñecemento cara a sociedade (máximo 30 puntos):

-Por cada tramo de 15.000 euros: 0,5 puntos.

-Por cada patente rexistrada: 2 puntos.

-Por cada patente en explotación: 4 puntos.

e) Capacidade e compromiso de formación: lectura de teses de doutoramento e bolseiros/contratados mediante convocatorias competitivas de programas específicos de formación de investigadores (FPU, FPI, María Barbeito e similares) entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009 (máximo 15 puntos):

-Por cada tese de doutoramento dirixida e lida: 1 punto (no caso de teses codirixidas por dous investigadores pertencentes a distintos grupos de investigación, asignaranse 0,5 puntos a cada un dos grupos);

-Por cada persoa en formación incorporada (ligada a convocatorias distintas): 0,75 puntos.

Realizada a valoración dos resultados de investigación, a comisión valorará os seguintes ítems podendo outorgar como máximo 2 puntos:

-Participación equilibrada de investigadoras, principalmente nas tarefas de dirección e planificación:

-De conformidade co establecido no artigo 20.2º.l da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.

Para o cálculo do importe da axuda teranse en conta os resultados de investigación referidos ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009 e determinarase en función da puntuación final obtida por cada un dos grupos de investigación dentro da modalidade correspondente.

Para a cuantificación da axuda consideraranse ademais os seguintes criterios:

-No caso de grupos de investigación pertencentes ao SUG, os importes máximos para cada axuda non superarán o límite de 30.000 €.

Ver referencia pdf "20200D001P007.PDF"