DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 19 de outubro de 2010 Páx. 17.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 13 de outubro de 2010 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e do seu Consello Regulador.

O actual Regulamento da denominación específica Ternera Gallega e do seu Consello Regulador foi aprobado por orde da entón Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes, do 3 de novembro de 1994 e ratificado por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 18 de abril de 1995. O dito regulamento foi posteriormente modificado pola Orde do 4 de abril de 2000, da Consellería de Agricultura, Gandaría e Política Agroalimentaria e ratificada esta modificación pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 11 de outubro de 2000.

Por outra parte, mediante o Regulamento (CE) 2400/1996, da Comisión, do 17 de decembro, Ternera Gallega quedou inscrita como indicación xeográfica protexida no Rexistro de Denominacións de Orixe Protexidas e Indicacións Xeográficas Protexidas da Unión Europea. Téñase en conta que o termo Denominación específica da normativa española anterior á regulación europea desta materia é equivalente ao de Indicación xeográfica protexida de acordo coa Orde do 25 de xaneiro de 1994, pola que se precisa a correspondencia entre a lexislación española e o R (CEE) 2081/1992, en materia de denominacións de orixe e indicacións xeográficas dos produtos agroalimentarios.

Con posterioridade á data de aprobación do regulamento da denominación, producíronse cambios normativos importantes no relativo ao réxime xurídico e de funcionamento dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Este cambio tivo lugar coa entrada en vigor da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e, posteriormente, coa dun dos seus regulamentos de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Esta lei e o decreto de desenvolvemento citado establecen o novo marco legal a que deben axustarse as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito galego e os seus consellos reguladores.

Aínda que mediante a orde da Consellería do Medio Rural do 16 de xullo de 2009 (DOG nº 143, do 23 de xullo) fíxose, por motivos de urxencia, unha modificación puntual dun artigo do regulamento, para dotar o Consello Regulador de personalidade xurídica de seu -o que constitúe unha das novidades principais da nova regulación-, faise necesario aprobar un novo regulamento para a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e o seu Consello Regulador, a fin de adaptalo a este novo marco legal.

Por outra parte, desde a aprobación en 1994 do regulamento desta denominación houbo determinados cambios normativos e tense producido unha importante evolución deste sector en Galicia, o que aconsellou realizar tamén cambios nas especificacións técnicas relacionadas coa produción, a transformación e a comercialización deste produto, que deben ser recollidas no novo regulamento. Estas modificacións afectan ao prego de condicións do produto que foi comunicado no seu día á Comisión Europea e que serviu de base para a súa inscrición no Rexistro Europeo de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Por iso, nos pasados meses tramitouse, de acordo coa normativa comunitaria (R(CE) 510/2006), estatal (Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo) e autonómica (Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro), o expediente de modificación do prego de condicións, o que incluíu a súa publicidade no DOG (DOG nº 49, do 11 de marzo de 2009) e no BOE (BOE nº 60, do 11 de marzo de 2009 e corrección de

erros no BOE nº 68, do 20 de marzo de 2009) para posibles oposicións; a adopción dunha decisión favorable mediante a orde da Consellería do Medio Rural do 22 de marzo de 2010 (DOG nº 62, do 5 de abril), e a remisión do expediente á Comisión Europea.

De acordo coa citada normativa, unha vez transmitido o expediente de modificación á Comisión Europea, pódese outorgar no Estado membro unha protección nacional transitoria ao novo prego de condicións mentres non se produce a inscrición da modificación no rexistro europeo. A dita protección conséguese mediante a publicación do novo regulamento no Diario Oficial de Galicia e a do novo prego de condicións no BOE.

Segundo o anterior, tras a proposta do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e do seu Consello Regulador, que figura como anexo a esta disposición.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación da Orde do 3 de novembro de 1994.

Queda derrogada a Orde do 3 de novembro de 1994, da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes, pola que se aprobou o Regulamento da denominación específica Ternera Gallega e do seu Consello Regulador, modificada pola orde da Consellería de Agricultura, Gandaría e Política Agroalimentaria do 4 de abril de 2000 e pola orde da Consellería do Medio Rural do 23 de xullo de 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Protección nacional transitoria no territorio do Estado.

Conforme o establecido no artigo 12 do Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe Protexidas e das Indicacións Xeográficas Protexidas e a oposición a elas, solicitarase ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño a publicación no BOE do novo prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, para acadar a súa protección nacional transitoria no territorio do Estado.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida

Ternera Gallega e do seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CE) nº 510/2006, do Consello, do 20 de marzo de 2006, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, queda amparada coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega a carne e miúdos de gando vacún que, reunindo as características especificadas neste regulamento, cumpran na súa produción, elaboración e comercialización todos os requisitos exixidos nela, no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, no prego de condicións comunicado á Unión Europea e na lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

A indicación xeográfica protexida Ternera Gallega quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; neste regulamento e na demais normativa de aplicación.

A protección aplícase ao nome da denominación en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

A defensa da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do cumprimento deste, así como, o fomento e control de calidade do produto amparado quedan encomendados ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria, á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 4º.-Manual de calidade.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en diante manual de calidade, documento en que se recollerán as normas complementarias de aplicación da indicación xeográfica protexida, en particular as relativas á implementación do proceso de control e certificación.

Capítulo II

Produción

Artigo 5º.-Zona de produción.

A zona de produción, crianza e ceba do gando destinado á produción de carne apta para ser amparada pola indicación xeográfica protexida é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Razas e cruces aptos.

Só é apto para producir carne susceptible de ser amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega o gando da raza rubia galega, das razas morenas galegas e das razas cárnicas que tradicionalmente se utilizan en Galicia e expresamente recollidas no manual de calidade, así como os cruces entre si. Tamén son aptos os cruzamentos de machos destas razas con femias de aptitude leiteira.

Artigo 7º.-Alimentación.

1. A alimentación do gando do que as súas carnes opten a ser amparadas pola indicación xeográfica protexida adaptarase ás normas tradicionais de aproveitamento dos pastos, segundo as peculiaridades típicas que marcaron secularmente a produción cárnica galega e que están ligadas a factores xeográficos e sociolóxicos propios de Galicia.

2. No caso das explotacións tradicionais, a base da alimentación será o leite materno das vacas nais, que se poderá complementar con millo, patacas, nabos, concentrados e forraxes.

3. No caso das explotacións de ceba, a alimentación basearase en concentrados e forraxes.

4. Os concentrados utilizados deben ser de orixe vexetal, predominando os cereais. Así mesmo, deberán cumprir as especificacións establecidas no manual de calidade.

Para a autorización dos concentrados utilizados na alimentación dos animais inscritos, os fabricantes subministradores dos pensos deberán subscribir co Consello Regulador un compromiso de cumprimento das especificacións relativas á alimentación.

A listaxe dos fabricantes e das marcas de penso aprobadas rexistrarase nunha base de datos que se actualizará periodicamente e estará á disposición dos inscritos.

5. En todo caso, queda expresamente prohibido o emprego de produtos que poidan interferir no ritmo normal de crecemento e desenvolvemento do animal, así como o emprego de derivados animais reciclados.

Artigo 8º.-Instalacións, hixiene e manexo.

1. Os establos onde se críen animais deben dispoñer de espazo suficiente. Os materiais utilizados na construción dos recintos e dos equipos cos que os terneiros poidan estar en contacto non deberán causar dano aos animais. Nas explotacións gandeiras, os animais terán liberdade de movementos para a realización das súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas.

2. Nas explotacións gandeiras respectaranse as prácticas que promovan a protección do ambiente e que favorezan o benestar dos animais, así como as boas condicións hixiénico-sanitarias.

3. No manual de calidade poderán recollerse normas sobre o manexo dos animais nas gandarías e nos cebadeiros inscritos, co fin de respectar as prácticas tradicionais na cría do gando e fomentar a produción de carne de calidade.

Artigo 9º.-Control de tratamentos.

1. Os tratamentos medicamentosos administrados aos animais constarán nos rexistros establecidos na normativa vixente e respectaranse os períodos de supresión que correspondan, garantindo a ausencia de residuos nas carnes.

2. Está prohibido utilizar no proceso de produción calquera substancia de efecto hormonal, tiroestático ou ß-agonista. Así mesmo, na cría do gando está prohibido o uso de substancias ou produtos que alteren o normal ritmo de crecemento dos animais ou que poidan facer as carnes perigosas ou nocivas para a saúde humana, de acordo co que dispón a lexislación vixente ao respecto.

3. O órgano de control e certificación do Consello Regulador poderá efectuar controis periódicos sobre a documentación relativa á situación da sanidade animal das explotacións.

Artigo 10º.-Rexistro dos animais.

1. As reses pertencentes a unha gandaría inscrita nos rexistros da indicación xeográfica protexida serán identificables individualmente.

2. A identificación farase mediante o sistema adoptado pola Administración, engadíndolle un distintivo, de acordo co que se recolla no manual de calidade. No momento do rexistro estenderase unha acta en que figurarán os datos relativos á explotación e a cada animal.

3. O rexistro dos animais será realizado polo órgano de control e certificación do Consello Regulador. Os interesados deberán solicitalo nos noventa primeiros días de vida do animal.

4. O rexistro de animais de Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema nas gandarías, realizarase de forma diferenciada.

5. As modificacións, perdas ou deterioración da identificación dos animais deberán comunicarse ao órgano de control e certificación.

6. A incorporación dun animal, previamente rexistrado noutra explotación, poñerase en coñecemento do órgano de control e certificación antes de que transcorran dez días naturais despois do feito. Os inspectores da denominación encargaranse da actualización dos datos nos rexistros.

7. As carnes daquelas reses que non figuren identificadas e rexistradas como se establece neste artigo non poderán ser amparadas coa indicación xeográfica protexida.

Artigo 11º.-Tipos de animais amparados.

Considerando a idade, a alimentación e o sistema de produción antes do sacrificio, distínguense os seguintes tipos de animais:

a) Tenreira: animais procedentes de explotacións inscritas, que se sacrifican con menos de dez meses de idade. Diferéncianse:

-Tenreira galega suprema: animais que se crían en explotacións con vacas nais e que tiveron un período de aleitamento mínimo de sete meses. A súa alimentación complementarase de acordo co disposto no artigo 7º. Nos sistemas de produción semiextensivos ou extensivos será obrigatorio realizar un acabado dos animais, durante un período mínimo de dous meses e manténdoos acortellados.

-Tenreira galega: animais que se destetan a diferentes idades e que teñen a base da súa alimentación nas forraxes e nos concentrados expresamente autorizados segundo o establecido no Manual de calidade.

b) Anello: animais procedentes de explotacións inscritas, que foron alimentados de acordo co disposto no artigo 7º e que se sacrifican con dez ou máis meses de idade e menos de vinte e catro.

Capítulo III

Elaboración e comercialización

Artigo 12º.-Zona de elaboración.

A zona de elaboración das carnes aptas para ser amparadas pola indicación xeográfica protexida é o territorio de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 20º.

Artigo 13º.-Transporte do gando.

O transporte do gando ao matadoiro realizarase en vehículos adecuados, de forma que os animais non sufran estrés, alteracións ou molestias que poidan afectar o seu benestar ou integridade física, de acordo coas normas que regulan esta actividade.

Artigo 14º.-Sacrificio.

1. No sacrificio respectarase a normativa vixente en materia de benestar animal. No manual de calidade poderán recollerse normas complementarias ao respecto.

2. Os animais pertencentes as gandarías inscritas deberán chegar ao matadoiro coa identificación a que se refire o artigo 10º.

3. No sacrificio dos animais, no despezamento e na manipulación das carnes frescas terase en conta o establecido na lexislación aplicable.

4. O almacenamento das canais certificadas farase de forma que non se confundan con outras canais non certificadas.

5. En todo momento debe ser posible relacionar a canal co animal do que procede.

Artigo 15º.-Etiquetaxe das canais e dos miúdos.

1. O manual de calidade recollerá o sistema de etiquetaxe e certificación das canais e miúdos que vaian ser protexidos, de forma que permita manter a rastrexabilidade.

2. Cada categoría comercial da carne e miúdos amparada, tal como se definen no artigo 19º, terá un modelo específico de etiqueta que irá aplicada sobre o produto. Os modelos de etiquetas e os procedementos para a súa aplicación serán os recollidos no manual de calidade. Non se admite en ningún caso a reutilización destas etiquetas.

3. A etiquetaxe das canais e dos miúdos realizarase no matadoiro en que se sacrifiquen os animais.

4. Co obxecto de organizar os labores de inspección, etiquetaxe, certificación e control nas industrias inscritas, o Consello Regulador poderá definir, de acordo cos correspondentes procedementos do manual de calidade, os días e os horarios en que se realizarán as actividades citadas, en función do número de canais e da localización das instalacións.

Artigo 16º.-Almacenamento e maduración.

1. As carnes frescas refrixeraranse inmediatamente despois da inspección postmortem e manteranse ás temperaturas establecidas pola lexislación vixente.

2. No manual de calidade fixarase o período de maduración mínimo das canais, cuartos ou pezas protexidas, segundo os tipos establecidos no capítulo IV.

3. As canais certificadas non poderán ser despezadas ata o día seguinte ao de sacrificio. A comercialización ao consumidor da carne certificada non poderá ter lugar ata pasados 3 días desde o sacrificio.

4. As canais, cuartos ou pezas certificadas que sexan sometidas a conxelación perderán o amparo da indicación xeográfica protexida. Neste caso, a empresa que efectúe a conxelación deberá adoptar as medidas pertinentes para evitar a comercialización desa carne como tenreira galega, de xeito que se evite a confusión ao destinatario.

Artigo 17º.-Despezamento.

1. Nas salas de despezamento, o despezamento das canais e os cortes das pezas amparadas coa indicación xeográfica protexida non poderá ser simultáneo co doutras canais e pezas non amparadas. Manterase en todos os pasos do proceso a rastrexabilidade individual da canal e levaranse os rexistros establecidos na lexislación vixente, así como os que se especifiquen no manual de calidade.

2. O almacenamento realizarase de forma que non conduza a confusións con outras pezas e as súas porcións non amparadas.

3. A carne certificada, unha vez despezada polas industrias inscritas no Consello Regulador, será expedida en envases que a protexan de toda contaminación externa e debidamente etiquetada.

4. As pezas irán provistas dunha contraetiqueta, expedida polo órgano de control e certificación, que se colocará nas industrias inscritas. Non se admite en ningún caso a reutilización destas contraetiquetas.

Artigo 18º.-Filetaxe.

1. O corte e filetaxe da carne amparada coa indicación xeográfica protexida non poderá ser simultáneo co doutras carnes non amparadas. Manterase a súa rastrexabilidade e levaranse os rexistros fixados na lexislación vixente, así como o que se especifique no manual de calidade.

2. O almacenamento realizarase de forma que non conduza a confusión con carnes non protexidas.

3. A carne certificada poderá ser filetada, envasada e etiquetada nas industrias inscritas no Consello Regulador ou tamén en establecementos específicos dos puntos de venda finais, sempre que previamente asinaran un acordo de colaboración co Consello Regulador, para o control, a etiquetaxe e a comercialización das carnes, de acordo ao establecido no artigo 20º deste regulamento.

4. As pezas certificadas que sexan filetadas serán expedidas en envases que as protexan de toda contaminación externa.

5. Os envases irán provistos dunha contraetiqueta numerada e expedida polo órgano de control e certificación, que se colocará nas salas de despezamento inscritas ou nos establecementos específicos dos puntos de venda que asinaran o acordo de colaboración co Consello Regulador, segundo se estipula no artigo 20º. Non se admite en ningún caso a reutilización destas contraetiquetas.

Artigo 19º.-Categorías comerciais.

De acordo cos tipos de animais dos que procede a carne amparada coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega recollidos no artigo 11º, establécense as seguintes categorías comerciais das carnes:

a) Tenreira galega suprema.

b) Tenreira galega.

c) Anello.

Artigo 20º.-Acordos de colaboración para o control da filetaxe e a comercialización.

De acordo co establecido no artigo 70.3º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, o Consello Regulador poderá establecer acordos de colaboración con operadores non inscritos para facilitar a comercialización das carnes, en que se establecerán as condicións para o corte e filetaxe de pezas, incluso fóra da área de elaboración, xunto cos compromisos asumidos e as responsabilidades derivadas, de xeito que, baixo a supervisión do órgano de control e certificación do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, se garanta a calidade, orixe e rastrexabilidade das carnes comercializadas baixo o amparo desta denominación.

No manual de calidade recolleranse as especificacións para a elaboración destes acordos de colaboración.

Capítulo IV

Características da carne

Artigo 21º.-Conformación, grao de engraxamento e pH.

1. A conformación das canais para cada unha das categorías comerciais a que se refire o artigo 19º é a que se detalla a seguir:

a) Tenreira (tenreira galega e tenreira galega suprema): S, E, U, R e O+. No caso de canais procedentes das razas morenas galegas non se considera a conformación das canais como condición para a súa certificación.

b) Anello: S, E, U e R.

2. O grao de engraxamento das canais para cada unha das categorías comerciais ás que se refire o artigo 19º é o que se detalla a continuación:

a) Tenreira (tenreira galega e tenreira galega suprema): 2 e 3; así como 4, no caso das femias.

b) Anello: 2, 3 e 4.

3. O pH, medido a partir das 24 horas posteriores ao sacrificio, será inferior a 6.

As industrias inscritas anotarán a medición no correspondente rexistro e adoptarán as medidas pertinentes para evitar a comercialización baixo o amparo da indicación xeográfica protexida das carnes que non cumpran os requisitos de pH establecidos.

Artigo 22º.-Características organolépticas.

As características organolépticas da carne certificada polo Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, para cada unha das categorías comerciais existentes, son as seguintes:

a) Tenreira galega suprema: esta carne ten unha cor rosada clara a vermella; con graxa que vai desde unha cor branca anacarada a un amarelo suave e de textura cremosa. O gran do músculo é fino e de consistencia firme. Esta carne destaca pola súa extraordinaria tenrura e xugosidade.

b) Tenreira galega: carne cunha cor de rosa a vermella suave, con graxa de cor branca anacarada e distribución homoxénea, músculo de gran fino e de consistencia firme. É unha carne tenra e xugosa.

c) Anello: esta carne ten unha cor que vai desde vermella suave a vermella intensa, con graxa de cor branca anacarada cun ton suave amarelo. O músculo é de consistencia firme e magro.

Capítulo V

Control e certificación

Artigo 23º.-Órgano competente para o control e certificación.

1. O control e certificación dos produtos amparados por este regulamento serán realizados por un órgano integrado no Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, cumprindo os requisitos sinalados no artigo 15.1º b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Para o exercicio das súas funcións, o órgano de control e certificación do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega disporá de persoal previamente habilitado pola consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 24º.-Alcance do control.

1. Todas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de bens inscritos nos rexistros do Consello Regulador, están sometidas ás actuacións que realice o seu órgano de control e certificación para verificar que se cumpren os requisitos exixidos polo Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e demais normativa aplicable.

2. Para a comprobación do cumprimento dos preceptos deste regulamento e demais normativa concordante, o órgano de control e certificación disporá dos datos que constan nos rexistros do Consello Regulador que sexan precisos para o correcto exercicio da súa actividade.

3. O órgano de control e certificación realizará as inspeccións necesarias das explotacións, instalacións, documentación, materias primas e produtos, e cantas outras sexan necesarias. Anualmente o Pleno do Consello Regulador, por proposta do órgano de control e certificación, establecerá o programa de control e inspeccións a realizar.

Artigo 25º.-O Comité de Certificación.

1. O Consello Regulador nomeará un comité de certificación constituído por persoas expertas en representación das partes significativamente interesadas no proceso de certificación. Este comité formará parte do órgano de control e certificación e poderá contar cos asesoramentos técnicos que coide necesarios.

2. As funcións do Comité de Certificación do Consello Regulador son:

a) Supervisar, revisar e validar as decisións sobre a certificación adoptadas polo director técnico.

b) Participar na revisión e actualización do sistema de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

c) Actuar como órgano consultivo do Pleno do Consello Regulador en materia de certificación.

d) Participar na planificación e desenvolvemento de novos proxectos, actuacións e programas para a mellora do control e a certificación do produto.

3. O Comité de Certificación estará integrado por cinco membros, un en representación de cada un dos seguintes sectores:

a) Gandarías.

b) Industrias.

c) Distribución.

d) Consumidores.

e) Administración competente en materia de calidade agroalimentaria.

O Comité de Certificación contará coa asistencia, con voz pero sen voto, dun secretario, que será o do Consello Regulador.

4. Os membros do Comité de Certificación estarán obrigados a actuar con total imparcialidade e manterán a confidencialidade sobre as deliberacións e calquera aspecto que afecte aos expedientes examinados.

5. O Comité de Certificación reunirase cunha frecuencia mínima semestral. As convocatorias faranse por escrito, mediante correo postal, electrónico ou fax e cunha antelación mínima de catro días naturais. En caso de urxencia poderase facer a convocatoria con 24 horas de antelación.

6. Para a válida constitución do Comité de Certificación será necesaria a presenza, cando menos, da metade dos seus membros.

7. Os acordos do Comité de Certificación serán adoptados por maioría dos membros presentes.

8. No manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega poderán recollerse normas complementarias en relación ao réxime de funcionamento do Comité de Certificación.

Artigo 26º.-Certificación do produto.

1. O órgano de control e certificación do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega realizará o control e certificación da carne e miúdos acollidos a esta denominación.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros do Consello Regulador, as súas instalacións e os produtos, estarán sometidas ao control levado a cabo polo órgano de control e certificación do Consello Regulador co obxecto de verificar que os produtos que leven a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, cumpren os requisitos deste regulamento, do manual de calidade e demais normativa aplicable.

3. Os controis basearanse en inspeccións das instalacións, dos animais e da carne; na revisión da documentación, nas análises fisicoquímicas das materias primas e dos produtos, nas análises mediante marcadores moleculares para o seguimento da trazabilidade e, de ser o caso, en análises organolépticas da carne.

4. O órgano de control e certificación do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, de acordo cos solicitantes da certificación, establecerá un programa de actuación para o exame e comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos neste regulamento, para verificar que os produtos son aptos para a protección da denominación e que se poida proceder a súa etiquetaxe.

5. O órgano de control e certificación, á vista dos datos das inspeccións e das análises realizadas, resolverá no prazo máis breve posible, e nunca superior ao máximo recollido no manual de calidade, o que proceda sobre a certificación, sen que esta decisión sexa impugnable en vía administrativa, agás que o recurso se fundamente no incumprimento das normas de funcionamento que lle son aplicables ao dito órgano.

6. Cando se comprobe que unha carne non se produciu, elaborou ou comercializou de acordo cos requisitos deste regulamento e demais normas propias da indicación xeográfica protexida, ou presente defectos ou alteracións, non poderá comercializarse baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Neste caso, o órgano de control poderá levantar unha non conformidade, que será comunicada ao interesado para que a emende no prazo que se estableza. Antes da finalización dese prazo, o interesado deberá comunicarlle ao órgano de control as medidas correctoras adoptadas. Sen prexuízo do anterior, cando as irregularidades detectadas así o aconsellen, o órgano de control poderá suspender temporalmente a certificación ata que a empresa adopte as medidas correctoras necesarias, sen que esta suspensión teña carácter de sanción.

7. Cando as irregularidades detectadas polo órgano de control poidan ser constitutivas de infracción, dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

Artigo 27º.-Descualificación polo órgano de control e certificación.

1. A descualificación dos animais, canais, pezas e as súas porcións poderá ser realizada polo órgano de control e certificación en calquera das súas fases de produción, carneado, despezamento e filetaxe, cando aqueles non cumpran os requisitos establecidos no regulamento ou no manual de calidade.

2. A partir da iniciación do expediente de descualificación, os animais, canais, pezas ou as súas porcións, deberán permanecer cautelarmente separados e debidamente controlados polos servizos de inspección do órgano de control e certificación ata a resolución do expediente, salvo no caso de que o propietario renuncie á protección da indicación xeográfica protexida para os animais, canais, pezas ou porcións en cuestión.

3. Os animais, as canais, pezas ou as súas porcións, unha vez descualificados en ningún caso poderán ser comercializadas ao amparo da indicación xeográfica protexida.

Artigo 28º.-Control da rastrexabilidade.

1. O seguimento e control da rastrexabilidade dos produtos certificados poderá realizarse mediante:

a) Os controis documentais.

b) A etiquetaxe.

c) A recollida de mostras biolóxicas e análises de ADN. O órgano de control e certificación recollerá mostras de todas as canais amparadas coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega nos matadoiros inscritos, constituíndo o banco de mostras. Así mesmo, tamén se recollerán mostras de carne nas salas de despezamento, nos establecementos de filetaxe e nos puntos de venda finais para, a través da análise do ADN e mediante a comprobación da súa coincidencia co ADN das mostras do banco, garantir a rastrexabilidade da carne comercializada baixo o amparo da indicación xeográfica protexida.

Para estes efectos, os inscritos conservarán os rexistros documentais e as mostras biolóxicas para análise de ADN nas condicións que se detallen no manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

2. Todos os produtos, nas súas distintas presentacións, levarán unha precintaxe de garantía, etiqueta ou contraetiqueta, que serán controlados, subministrados e expedidos polo órgano de control e certificación. Este distintivo colocarase antes da expedición e de forma que facilite a identificación do produto certificado, e na medida do posible, que protexa a indicación xeográfica protexida da súa utilización fraudulenta. Non obstante o anterior, o distintivo poderá ser aplicado fóra das instalacións industriais inscritas no Consello Regulador de acordo co establecido no artigo 20º.

3. Toda expedición de canais, cuartos e/ou as súas pezas deberá ir acompañada por un documento de circulación que conterá os datos necesarios para os efectos da rastrexabilidade do produto.

4. As firmas inscritas nos rexistros de matadoiros, de salas de despezamento e de maioristas e minoristas de carnes, só poderán almacenar as canais certificadas e as pezas e porcións procedentes destas nos locais declarados na inscrición.

Artigo 29º.-Documentación de control.

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, carneado, despezamento e expedición e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade das carnes amparadas pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas titulares das gandarías e instalacións estarán obrigadas a cumprir os seguintes requisitos:

a) Os titulares de gandarías inscritas:

1º.-Levarán os libros oficiais que correspondan ás gandarías.

2º.-Conservarán, durante dous anos, as actas de rexistro dos animais estendidas polos inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador.

b) Os titulares de cebadeiros inscritos:

1º-Levarán os libros oficiais que correspondan aos cebadeiros.

2º.-Conservarán, durante dous anos, as actas de rexistro dos animais estendidas polos inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador.

c) As empresas inscritas no Rexistro de Matadoiros:

1º.-Levarán un rexistro informático ou manual, no cal figurarán os datos relativos á rastrexabilidade do produto.

2º.-Os datos do rexistro de rastrexabilidade serán remitidos periodicamente ao Consello Regulador, segundo o procedemento aprobado no manual de calidade.

3º.-Conservarán, durante dous anos, as actas de rexistro de canais certificadas estendidas polos inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador.

e) As empresas inscritas no Rexistro de Salas de Despezamento:

1º.-Levarán un rexistro informático ou manual de entradas e de saídas, en que figurarán os datos relativos á rastrexabilidade do produto.

2º.-Remitirán estes datos periodicamente ao órgano de control e certificación do Consello Regulador, segundo o procedemento aprobado no seu manual de calidade.

e) As empresas inscritas no Rexistro de Retallistas e Minoristas de carnes:

1º.-Levarán un rexistro informático ou manual de entradas e de saídas, en que figurarán os datos relativos á rastrexabilidade do produto.

2º.-Remitirán estes datos periodicamente ao órgano de control e certificación do Consello Regulador, segundo o procedemento aprobado no manual de calidade.

2. O órgano de control e certificación do Consello Regulador poderá exixir en calquera momento aos inscritos que lle faciliten a información mencionada anteriormente, para os efectos de control.

3. As declaracións a que se refire a alínea 1 deste artigo, non se poderán facilitar nin publicar máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual, cando estean protexidas pola lexislación sobre protección de datos.

Capítulo VI

Rexistros da IXP

Artigo 30º.-Rexistros.

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de Gandarías.

b) Rexistro de Cebadeiros.

c) Rexistro de Matadoiros.

d) Rexistro de Salas de Despezamento.

e) Rexistro de Maioristas e Retallistas de Carnes.

2. O Consello Regulador establecerá un código alfanumérico para o rexistro das gandarías, cebadeiros, matadoiros, salas de despezamento e maioristas e retallistas de carne.

3. Para os efectos de control e seguimento do produto amparado, poderanse establecer rexistros complementarios relativos a outros operadores, como fabricantes de penso, establecementos de venda ou calquera outro que se considere necesario de acordo co que se recolla no manual de calidade.

Artigo 31º.-Rexistro de Gandarías.

1. No rexistro de gandarías inscribiranse as que estean localizadas na zona de produción e reúnan as condicións establecidas neste regulamento, sempre que queiran acollerse ao abeiro da indicación xeográfica protexida, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social do titular da explotación.

b) NIF/CIF e CEA.

c) Enderezo da gandaría e do seu titular.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

e) Número de cabezas que compoñen o rabaño, con expresión individualizada do tipo de animais.

f) Cantos datos sexan necesarios para a localización e identificación da gandaría.

Artigo 32º.-Rexistro de Cebadeiros.

1. No rexistro de cebadeiros inscribiranse os que estean situados dentro da área de produción e ceben animais que poidan subministrar carne destinada para ser amparada pola indicación xeográfica protexida, e que así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social do titular da explotación.

b) NIF/CIF e CEA.

c) Enderezo do cebadeiro e do seu titular.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

e) Capacidade de ceba.

f) Cantos datos sexan necesarios para a localización e identificación do cebadeiro.

Artigo 33º.-Rexistro de Matadoiros.

1. No rexistro de matadoiros inscribiranse os que estean localizados dentro da zona de elaboración, teñan autorización para o comercio de carnes e sacrifiquen gando inscrito cuxa carne poida optar á certificación da indicación xeográfica protexida, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social da empresa.

b) NIF/CIF.

c) Enderezo do matadoiro.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

e) Características das instalacións e equipamento.

f) Número e capacidade das cámaras frigoríficas.

g) Características dos procesos industriais utilizados.

h) Número de rexistro de industrias agrarias.

i) Número de rexistro sanitario.

j) Cantos datos sexan precisos para a localización e identificación da empresa.

3. No caso de que a empresa non sexa propietaria dos locais, esta circunstancia indicarase na solicitude de inscrición, especificando o nome e o domicilio do propietario.

Artigo 34º.-Rexistro de Salas de Despezamento.

1. No rexistro de salas de despezamento inscribiranse aquelas que estean situadas na zona de elaboración, que despecen canais certificadas pola indicación xeográfica protexida, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social da empresa.

b) NIF/CIF.

c) Enderezo da sala de despezamento.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

e) Características das instalacións e equipamento.

f) Número e capacidade das cámaras frigoríficas.

g) Características dos procesos industriais utilizados.

h) Número de rexistro de industrias agrarias.

i) Número de rexistro sanitario.

j) Cantos datos sexan precisos para a localización e identificación da empresa.

3. No caso de que a empresa non sexa propietaria dos locais, esta circunstancia indicarase na solicitude de inscrición, especificando o nome e domicilio do propietario.

Artigo 35º.-Rexistro de Maioristas e Retallistas de Carne.

1. No rexistro de maioristas e retallistas de carne inscribiranse aqueles establecementos que estean situados na zona de elaboración e queiran certificar canais nos matadoiros inscritos, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social da empresa.

b) NIF/CIF e CNAE.

c) Enderezo da empresa.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

e) Características das instalacións e equipamento.

f) Número e capacidade das cámaras frigoríficas.

g) Características dos procesos industriais utilizados.

h) Número de rexistro sanitario, se ten obriga de telo.

i) Cantos datos sexan precisos para a localización e identificación da empresa.

3. No caso de que a empresa non sexa propietaria dos locais, esta circunstancia indicarase na solicitude de inscrición, especificando o nome e domicilio do propietario.

Artigo 36º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, xunto cos datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, nos impresos e na forma que se estableza no manual de calidade.

2. Formulada a petición, as solicitudes serán estudadas polo órgano de control e certificación do Consello Regulador, que comprobará o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, tras o informe favorable do órgano de control e certificación, o Consello Regulador entregará ao titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. O órgano de control e certificación denegará, de forma motivada, as inscricións que non se axusten aos preceptos deste regulamento e do manual de calidade. A denegación será comunicada ao interesado polo Consello Regulador.

5. As empresas que realicen máis dunha fase do proceso deberán inscribir as distintas instalacións nos rexistros correspondentes.

6. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos legalmente, e deberán acreditalo no momento da inscrición nos rexistros do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Artigo 37º.-Vixencia das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir, en todo momento, cos requisitos que impoñen este regulamento e o manual de calidade, e deberán comunicar ao Consello Regulador, no prazo de quince días, calquera variación que afecte substancialmente os datos proporcionados na inscrición.

O Consello Regulador poderá suspender temporal ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. Os inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador farán as comprobacións oportunas para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos.

Artigo 38º.-Baixa nos rexistros.

1. As persoas físicas ou xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador poderán solicitar a baixa voluntaria en calquera momento, e deberán satisfacer, en todo caso, as obrigas pendentes co Consello Regulador.

2. O Consello Regulador poderá dar de baixa, logo da resolución do correspondente expediente, aqueles inscritos que incumpran gravemente as súas obrigas, de acordo co establecido no artigo 40º.

3. O Consello Regulador, logo de audiencia ao interesado, dará de baixa os inscritos no rexistro de gandarías e cebadeiros tras máis de dous anos consecutivos sen actividade na denominación; e aos inscritos no rexistro de matadoiros, salas de despezamento e de maioristas e retallistas de carne tras máis dun ano continuado sen actividade. En ambos os dous casos, os cambios de titularidade interromperán os prazos sinalados.

Capítulo VII

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 39º.-Dereito ao uso da indicación xeográfica protexida.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as súas explotacións inscritas nos rexistros de gandarías e cebadeiros poderán subministrar animais cuxa carne poida ser amparada pola indicación xeográfica protexida.

2. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as súas industrias inscritas no rexistro de matadoiros poderán sacrificar as reses procedentes das explotacións inscritas para que as súas carnes sexan amparadas pola indicación xeográfica protexida, e expedir as súas canais.

3. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as súas industrias inscritas no rexistro de salas de despezamento poderán despezar e/ou cortar as canais certificadas e pezas destas, e expedilas ao mercado.

4. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as instalacións inscritas no rexistro de maioristas e retallistas de carnes poderán solicitar a certificación do produto da súa propiedade en matadoiros inscritos.

5. Só se poderá aplicar o termo tenreira galega á carne procedente das instalacións inscritas nos rexistros de matadoiros e salas de despezamento, que sexa producida e carneada de acordo coas normas exixidas por este regulamento, e certificada polo órgano de control e certificación do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

6. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega en propaganda, publicidade, documentación, precintos ou etiquetas é exclusivo das firmas inscritas nos rexistros desta denominación. Non obstante, segundo o artigo 20 deste regulamento, e logo dos acordos pertinentes, o Consello Regulador poderá autorizar o uso da indicación xeográfica protexida en publicidade e etiquetaxe a firmas de distribución e/ou comercialización.

7. A carne picada ou carne procesada elaborada a partir de carne de vacún amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega poderá ser comercializada en envases que utilicen a mención elaborado a partir de Ternera Gallega IXP, sempre que a carne certificada constitúa a única carne no produto final.

No caso doutros produtos elaborados en que se empregue carne e esta sexa exclusivamente carne amparada pola indicación xeográfica, poderán utilizarse na etiquetaxe mencións relativas á IXP Ternera Gallega de acordo coas regras establecidas na normativa comunitaria e o que se indique no manual de calidade.

Os usuarios destas mencións estarán autorizados polo Consello Regulador da IXP Ternera Gallega e sometidos ao control e inspección do órgano de control para verificar o uso correcto da indicación xeográfica protexida na etiqueta e as cantidades utilizadas. Nestes produtos está prohibido o uso do logotipo comunitario identificador das indicacións xeográficas protexidas.

No manual de calidade recolleranse normas complementarias para regular o uso do nome e do logotipo da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega na etiquetaxe e identificación dos envases da carne picada e da carne procesada elaboradas a partir de materia prima amparada por esta denominación.

Artigo 40º.-Obrigas xerais dos inscritos.

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros do Consello Regulador, as persoas físicas ou xurídicas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento das disposicións deste regulamento e do manual de calidade. Tamén están sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten o Consello Regulador e os organismos da Administración.

2. Para o exercicio de calquera dereito outorgado por este regulamento ou para se poderen beneficiar dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas instalacións deben ter actualizadas as inscricións nos correspondentes rexistros e estar ao día no pagamento das obrigas co Consello Regulador.

3. As persoas físicas e os representantes das persoas xurídicas inscritas no Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. O incumprimento do indicado nas alíneas 1 á 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito, tras a decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A reiteración na mesma falta poderá ocasionar a baixa definitiva. Contra a resolución de suspensión ou baixa poderase recorrer ante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 41º.-Uso de marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador de marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. As marcas, emblemas, símbolos, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda aplicada ao produto protexido que se vaian utilizar na comercialización doutras carnes de vacún non protexidas pola indicación xeográfica protexida só poderán ser empregados polos seus titulares sempre que se cumpran os requisitos establecidos na alínea 2ª do artigo 12 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, e as condicións que se establezan para o efecto no manual de calidade.

Artigo 42º.-Logotipo.

O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega adoptará como logotipo o que figura no anexo deste regulamento e establecerá as condicións do seu uso no manual de calidade.

Artigo 43º.-Distintivo específico.

No manual de calidade poderanse establecer as condicións de uso dun distintivo específico para a carne da categoría tenreira galega suprema que proceda das razas rubia galega e do grupo morenas galegas.

Artigo 44º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas comerciais deberán ser autorizadas polo Consello Regulador antes da súa posta en circulación, de acordo co previsto no artigo 13 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Nas etiquetas, nos albarás ou en calquera outra documentación comercial de acompañamento da carne amparada coa indicación xeográfica protexida figurará obrigatoriamente, de forma destacada, o nome da denominación, a categoría segundo se define no artigo 19º, a peza ou o tipo de produto, xunto cos demais datos que con carácter xeral determine a lexislación vixente.

Capítulo VIII

O Consello Regulador

Artigo 45º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é unha corporación de dereito público, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; o establecido neste regulamento e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. Os principios básicos da actuación do Consello Regulador son o seu funcionamento sen ánimo de lucro e a representación dos intereses económicos dos distintos sectores que o integran.

3. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos pola indicación xeográfica, en calquera das súas fases de produción, elaboración, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización, e ás persoas inscritas nos rexistros establecidos neste regulamento.

4. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado, exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, nas cales deberá suxeitarse ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo.

5. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo con isto, a actividade do Consello Regulador está sometida ao control da Administración, segundo o establecido nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

6. Consonte os parágrafos 4 e 5 anteriores, as decisións que adopten os órganos de goberno do Consello Regulador cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 46º.-Órganos de goberno.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia, as Vicepresidencias e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno do Consello Regulador poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 47º.-O Pleno do Consello Regulador. Composición e funcións.

1. O Pleno é o órgano superior de goberno do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

2. O Pleno do Consello Regulador está constituído, ademais do presidente ou presidenta, por:

a) Sete vogais, en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares das explotacións inscritas nos rexistros de gandarías e cebadeiros do Consello Regulador.

b) Sete vogais, en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de matadoiros, salas de despezamento e maioristas e retallistas de carnes inscritos nos rexistros do Consello Regulador.

3. Na orde da convocatoria electoral, de acordo co que se aprobe no Pleno do Consello Regulador, poderanse establecer fórmulas para a repartición dos sete vogais que se elixirán en representación do sector produtor e dos sete do sector industrial entre os inscritos nos rexistros correspondentes, e poderanse crear subcensos, co fin de adecuar a composición do Pleno á realidade cambiante da indicación xeográfica protexida e ás exixencias dunha axeitada representación dos intereses sociais e económicos, contidas no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

4. As persoas que ocupen o cargo de vogal deben estar inscritas no rexistro correspondente ao sector que representan. Cando o vogal sexa persoa xurídica, estará representada no Pleno do Consello Regulador pola persoa física que os seus órganos de goberno designen en cada momento. Non obstante, unha mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios rexistros non poderá ter dobre representación, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios dela que teñan maioría na toma de decisións.

5. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que desempeñe a presidencia, que tamén formará parte del; e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, de quen exerza a Secretaría do Consello Regulador.

6. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

7. As funcións do Pleno así como os dereitos e deberes dos seus membros serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 48º.-Réxime de funcionamento do Pleno.

O réxime de convocatorias e acordos e, en xeral, o réxime de funcionamento do Pleno serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 49º.-A Presidencia do Consello Regulador.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros, e será necesario na primeira votación o apoio de máis da metade destes.

2. O presidente ou presidenta non ten por que ter a condición previa de vogal. No caso de que así fose deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

3. As funcións da Presidencia, así como as causas do cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 50º.-As vicepresidencias.

1. O Consello Regulador terá dúas vicepresidencias, a Vicepresidencia Primeira e a Vicepresidencia Segunda, que serán exercidas polas persoas elixidas por e entre os vogais do sector produtor unha, e por e entre os vogais do sector industrial a outra. O seu nomeamento non lles fará perder a súa condición de vogais.

2. As vicepresidencias serán rotatorias no tempo de mandato, e corresponderá o mandato inicial durante os dous primeiros anos á vicepresidencia do sector produtor e os dous restantes á vicepresidencia do sector industrial.

3. Os/as vicepresidentes/as substituirán, pola súa orde de prelación, o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

4. As vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 51º.-A Comisión Permanente.

A Comisión Permanente do Consello Regulador estará formada pola Presidencia e polas vicepresidencias e contará coa asistencia de quen exerza a Secretaría do Consello Regulador.

O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son as funcións específicas que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente comunicaranse ao Pleno do Consello Regulador na primeira reunión que este realice, para a súa validación.

Artigo 52º.-Outras comisións do Pleno.

Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se coide necesario, o Pleno do Consello Regulador poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos concretos. As súas resolucións serán comunicadas ao Pleno na primeira reunión que este realice, para a súa validación.

Artigo 53º.-Control da actividade do Consello Regulador.

A actividade do Consello Regulador está sometida ao control establecido no artigo 32 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 54º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador contará co persoal necesario, contratado en réxime laboral, de acordo ao establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. O Consello Regulador contará cun secretario/a executivo/a, designado/a polo Pleno, que deberá pertencer ao seu cadro de persoal.

3. As funcións específicas da Secretaría son as sinaladas na alínea 2ª do artigo 28 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

4. O órgano de control e certificación do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega disporá do persoal necesario, que actuará baixo a responsabilidade do director técnico e de acordo cos requisitos sinalados no artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

5. O Pleno aprobará o organigrama e o cadro de persoal do Consello Regulador e así mesmo establecerá as funcións e responsabilidades do persoal.

Capítulo IX

Réxime económico e contable

Artigo 55º.-Recursos económicos da indicación xeográfica protexida.

Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega poderá contar cos seguintes recursos, de acordo coa Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e co Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores:

a) As cotas que deberán aboar os inscritos e polos importes que fixe en cada momento o Pleno do Consello Regulador. Estas cotas poden ser de dous tipos:

1º.-Cotas fixas. Poderá haber unha cota de inscrición e outra de renovación rexistral anual, que serán aplicables a todos os inscritos nos diferentes rexistros do Consello Regulador, ata un máximo de 100 euros.

2º.-Cota variable. Poderá haber unha cota variable en función da actividade dos inscritos, que será proporcional ao valor da súa produción, ata un máximo do 2% do valor do produto.

b) As subvencións que poida obter anualmente o Consello Regulador polas súas actividades.

c) As rendas e produtos do seu patrimonio.

d) As doazóns, legados e demais axudas que poida percibir.

e) Os ingresos pola prestación de servizos, incluídos os relativos ao control e á certificación do produto, de acordo coas tarifas que estableza o Consello Regulador, e que deberán comunicarse con antelación suficiente a todos os inscritos.

f) Calquera outro que lle corresponda percibir.

Artigo 56º.-Orzamento e memoria de actividades.

1. O Consello Regulador elaborará e aprobará, dentro do último trimestre de cada exercicio, o orzamento para o exercicio seguinte. Se finalizado ese trimestre non se chegase a aprobar o orzamento, entenderase prorrogado por períodos mensuais o do exercicio económico anterior, ata a aprobación do novo orzamento.

2. O Consello Regulador elaborará anualmente, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria das actividades realizadas durante o ano inmediatamente anterior, así como a liquidación orzamentaria dese exercicio.

3. Os documentos mencionados nos parágrafos anteriores enviaránselle á consellería competente en materia de agricultura no prazo dun mes, contado desde a data da súa aprobación polo Consello Regulador, co fin de que sexan ratificados de conformidade coa súa adecuación ás disposicións normativas de aplicación.

Artigo 57º.-Réxime contable.

O réxime contable do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é o que se establece no artigo 31º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo X

Réxime electoral

Artigo 58º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

1. De acordo co disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, correspóndelle ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega a organización do proceso de elección dos seus órganos de goberno de acordo con principios democráticos.

2. O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é o contido no capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo XI

Réxime sancionador

Artigo 59º.-Base legal.

1. O réxime sancionador do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é o establecido no capítulo II do título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, no que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas outras disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre esta materia.

Ver referencia pdf "20100D008P029.PDF"