DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 19 de outubro de 2010 Páx. 17.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 13 de outubro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 3 de marzo de 2010 pola que se convocan para o ano 2010 as axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros.

A orde da Consellería do Medio Rural do 3 de marzo de 2010 (DOG nº 46, do 9 de marzo) establece a convocatoria para 2010 das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros.

No seu artigo 5 indícase que o financiamento das axudas previstas nesta orde para o ano 2010 procedente do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e de 1.000.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.713D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta dotación poderá verse incrementada con outros remanentes orzamentarios se prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Unha vez asinados fondos na conferencia sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do 7 de xullo, de acordo co previsto no Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español (BOE nº 28, do 2 de febreiro) e na Orde do 13 de marzo de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros (DOG nº 53, do 17 de marzo), considérase oportuno ampliar o importe da dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único-Obxecto.

Ampliar a dotación orzamentaria que se establece no artigo 5 da Orde do 3 de marzo (DOG nº 46, do 9 de marzo de 2010) pola que se convocan para o ano 2010 as axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros.

O incremento da dotación para o exercicio orzamentario 2010 será de 282.886,98 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.713D.770.0.

En todo caso, a concesión das axudas reguladas na mencionada orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na mencionada Orde do 3 de marzo de 2010.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural