DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 19 de outubro de 2010 Páx. 17.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 170/2010, do 14 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación ambiental e posta en valor do contorno da fortaleza e praia fluvial en Goián, concello de Tomiño.

O Concello de Tomiño, en sesión que tivo lugar o día catro de agosto de dous mil dez, aprobou o proxecto de recuperación ambiental e posta en valor do contorno da fortaleza e praia fluvial en Goián e, na sesión do seis de agosto de dous mil dez acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, se trata dun espazo único no contorno da ribeira do Miño, de grande importancia e alto nivel de protección patrimonial, ambiental e público, que está a sufrir unha permanente degradación, debido entre outros aspectos ás precarias instalacións e á falta de control. Todo isto reverte nunha deficiencia en temas de seguridade, saúde e accesibilidade na zona, xerando unha perigosidade innecesaria. Por conseguinte, soamente se lograría a paralización da grave e progresiva deterioración do contorno mediante unha actuación conxunta na fortaleza de San Lourenzo e a praia de Goián.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación ambiental e posta en valor do contorno da fortaleza e praia fluvial en Goián, concello de Tomiño, e de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza