DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 19 de outubro de 2010 Páx. 17.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 169/2010, do 7 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento, mellora do trazado e reparación do firme da E.P. 0512, O Birloque-Arteixo, p.k. 3,020 ao p.k. 5,300 da Deputación Provincial da Coruña.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión que tivo lugar o día vinte e tres de febreiro de dous mil seis, aprobou o proxecto de alargamento, mellora do trazado e reparación do firme da E.P. 0512, O Birloque-Arteixo, p.k. 3,020 ao p.k. 5,300 e, na sesión do vinte e nove de xaneiro de dous mil dez, ratificou a súa solicitude á Xunta de Galicia para a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, esta actuación é necesaria co fin de evitar o altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana, sendo mostra disto os nove accidentes de tráfico que se teñen producido nos últimos catro anos, debido á existencia, entre outros extremos, de edificacións pegadas á estrada, a un trazado sinuoso e perigoso cun firme deteriorado, ao longo da calzada, e á existencia de beirarrúas de dimensións reducidas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento, mellora do trazado e reparación do firme da E.P. 0512, O Birloque-Arteixo, p.k. 3,020 ao p.k. 5,300 da Deputación Provincial da Coruña. De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberá obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, sete de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza