DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 18 de outubro de 2010 Páx. 17.266

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2010 pola que se adxudican as axudas para elaboración de propostas ao VII Programa marco, as axudas para organización de congresos e reunións científicas e as axudas para asistencia a congresos e reunións científicas, correspondentes ao Programa de promoción xeral de investigación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, convocadas nos anexos I, III e IV da Orde do 6 de xullo de 2010 (Diario Oficial de Galicia número 130, do 9 de xullo).

Por Orde do 6 de xullo de 2010 (DOG do 9 de xullo) publicáronse as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes ao Programa de promoción xeral de investigación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. Nos anexos I, III e IV da citada orde establécense, respectivamente, as bases para a concesión das axudas para elaboración de propostas ao VII PM, das axudas para organización de congresos e reunións científicas e das axudas para asistencia a congresos e reunións científicas.

De conformidade co disposto no artigo 11 da Orde do 6 de xullo citada, vista a proposta de resolución formulada polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.

1. Conceder as axudas para elaboración de propostas ao VII Programa marco, nas contías que se sinalan, aos solicitantes que se relacionan no anexo I desta resolución, polo importe total de cento vinte e dous mil vinte e cinco euros (122.025 €), coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

08.02.561B.744.0: 114.925 €.

08.02.561A.781.0: 7.100 €.

2. Para poder percibir as axudas será preciso presentar a documentación indicada no artigo 6 do anexo I da Orde do 6 de xullo de 2010 (DOG nº 130, do 9 de xullo). A certificación a que se refire o dito artigo deberá axustarse ao modelo que se publicará na páxina web http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi. O prazo para que esta certificación teña entrada na Dirección Xeral de I+D+i remata o 30 de outubro de 2010, agás no caso de que a proposta se presente na correspondente convocatoria do VII PM con posterioridade a esa data, en que o prazo de presentación da documentación xustificativa da subvención na Dirección Xeral de I+D+i remata o 15 de decembro de 2010.

3. No caso das axudas correspondentes a centros sanitarios que xestionen as súas actividades de investigación a través de fundacións de interese galego (Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego), os gastos deberán acreditarse mediante facturas, acompañadas dos correspondentes xustificantes de pagamento e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, nos mesmos prazos sinalados no parágrafo anterior.

4. Ademais do anterior, será preciso que, dentro dos prazos indicados, todos os beneficiarios presenten unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada.

Segundo.

1. Conceder as axudas para organización de congresos e reunións científicas por parte de persoal investigador non vinculado ao SUG, que figuran no anexo II desta resolución, por un importe de dez mil novecentos cincuenta euros (10.950 €), coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

08.02.561A.481.0: 4.875 €.

08.02.561A.440.0: 6.075 €.

2. Para poder percibir as axudas, os beneficiarios deberán ter presentado o programa definitivo do evento científico. Así mesmo, deberá presentarse a certificación indicada no artigo 6 do anexo III da Orde do 6 de xullo de 2010 (DOG nº 130, do 9 de xullo). A dita certificación deberá axustarse ao modelo que se publicará na páxina web http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi. O prazo para que esta certificación teña entrada na Dirección Xeral de I+D+i remata o 30 de outubro de 2010, agás no caso das axudas concedidas para organización de congresos e reunións científicas realizados con posterioridade a esta data, en que a xustificación poderá ter entrada no rexistro da Dirección Xeral de I+D+i ata o 15 de decembro de 2010.

3. No caso das axudas correspondentes a centros sanitarios que xestionen as súas actividades e investigación a través de fundacións de interese galego (Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego), os gastos deberán acreditarse mediante facturas, acompañadas dos correspondentes xustificantes de pagamento e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, nos mesmos prazos sinalados no parágrafo anterior.

4. Ademais do anterior, será preciso que, dentro dos prazos indicados, todos os beneficiarios presenten unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada.

Terceiro.

1. Conceder as axudas para asistencia a congresos e reunións científicas por parte de persoal investigador non vinculado ao SUG, que figuran na alínea a) do anexo III desta resolución, polo importe de vinte e catro mil cento doce con vinte e seis euros (24.112,26 €), que se aboarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.561A.480.1.

2. Denegar as axudas para asistencia a congresos e reunións científicas aos solicitantes que se relacionan na alínea b) do anexo III desta resolución por seren beneficiarios destas axudas na convocatoria anterior e non existiren dispoñibilidades orzamentarias (artigo 5.2º do anexo IV da Orde do 6 de xullo).

3. Excluír os solicitantes de axudas para asistencia a congresos e reunións científicas que figuran na alínea c) do anexo III desta resolución polas causas que se indican.

4. Para poder percibir as axudas será preciso presentar a seguinte documentación antes do 30 de outubro de 2010, salvo no caso de actividades subvencionadas que se realicen con posterioridade a esta data, en que a xustificación poderá ter entrada no rexistro da Dirección Xeral de I+D+i ata o 15 de decembro de 2010:

-Aceptación do traballo por parte da entidade, institución ou persoa organizadora do congreso, no caso de que non fose entregada xa no momento de solicitar a axuda.

-Certificación de asistencia.

-Documentación acreditativa da realización do gasto por parte do beneficiario da axuda (orixinal ou copia compulsada).

-Declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada.

Cuarto.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde de convocatoria suporá a perda do dereito a percibiren a subvención correspondente.

Quinto.- Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2010.

P.D. (Orde 30-4-2009; DOG nº 87)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria

Ver referencia pdf "20000D004P010.PDF"