DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 18 de outubro de 2010 Páx. 17.264

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2010 pola que se adxudican as subvencións para a contratación de persoal especialista en xestión da innovación da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga), reguladas polo anexo II da Orde do 14 de maio de 2010 (Diario Oficial de Galicia número 96, do 24 de maio) pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso á formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas, para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Pola orde da Consellería de Economía e Industria do 14 de maio de 2010 convocáronse as subvencións para o ano 2010 para o acceso á formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas, para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) (procedemento IN829B).

Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da citada orde da convocatoria, atendendo ás dispoñibilidades de crédito e á proposta elaborada pola comisión de valoración prevista no seu artigo 8, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.

Conceder as subvencións para a contratación de persoal especialista en xestión da innovación da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga), reguladas no anexo II da Orde do 14 de maio de 2010 (DOG nº 96, do 24 de maio), aos beneficiarios que se relacionan no anexo desta resolución nas contías que se sinalan.

Segundo.

Todas as solicitudes cuxo financiamento se resolve cumpren os requisitos establecidos nas correspondentes bases da convocatoria.

Terceiro.

Todas as entidades que figuran no anexo desta resolución están ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda con ela, por ningún concepto.

Cuarto.

Todas as entidades que figuran no anexo desta resolución asinaron a declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Quinto.

As subvencións concedidas imputaranse á aplicación orzamentaria 08.02.561A.470.0, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2010, 2011, 2012 e 2013 de acordo coa seguinte distribución orzamentaria:

2010 2011 2012 2013 Total

223.125,00 € 1.007.250,00 € 701.250,00 € 376.125,00 € 2.307.750,00 €

Sexto.

A duración dos contratos será dun máximo de 3 anos e desenvolveranse entre a data da súa sinatura, que non será anterior ao 15 de outubro de 2010, e o 25 de outubro de 2013.

Sétimo.-Compromisos asumidos polas entidades beneficiarias.

a) A entidade beneficiaria da subvención deberá cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de reintegro, nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

b) O incumprimento total dos fins para que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención na porcentaxe correspondente á actividade non efectuada ou non xustificada.

c) No caso de que se produza a rescisión do contrato por decisión do traballador e xa non sexa posible a contratación pola empresa doutra persoa, conforme o procedemento previsto nestas bases, poderá recoñecérselle a empresa o dereito a percibir unha subvención que en ningún caso superará o 50% dos custos subvencionables durante a vixencia do contrato.

d) Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Oitavo.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles con calquera outra axuda outorgada para os mesmos fins por calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

Noveno.

Contra esta resolución poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2010.

P.D. (Orde 30-4-2009)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria

Ver referencia pdf "20000D003P008.PDF"