DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2010 Páx. 17.178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 7 de outubro de 2010 pola que se homologa o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño da denominación de orixe Valdeorras para as campañas 2010/2011, 2011/2012 e 2012/2013.

A Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais elevou a correspondente proposta relativa á solicitude de homologación dun contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Valdeorras, formulada polos representantes das organizacións agrarias Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores e das empresas Bodega Virgen de Galir, S.A.T., Bodega Eladio Santalla Paradelo e Adegas A Coroa, S.A.T.

De conformidade co disposto na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, e de acordo cos requisitos previstos no Real decreto 686/2000, do 12 de maio, polo que se aproba o seu regulamento, e co fin de que os solicitantes poidan dispoñer dun documento acreditativo da contratación de materia prima.

Tendo en conta que o ámbito de aplicación do contrato proposto non supera o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do artigo 149.3º da Constitución, que establece a supletoriedade do dereito estatal,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Homologación do contrato tipo da D.O. Valdeorras.

Homológase o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Valdeorras, cuxo texto figura no anexo desta disposición.

Artigo 2º.-Período de vixencia.

O período de vixencia da homologación deste contrato tipo será de tres campañas vitícolas a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Contrato de compravenda de uva para a súa transformación en viño na D.O. Valdeorras para as campañas 2010/2011, 2011/2012 e 2012/2013.

..., ... de ... de 201...

Reunidos:

Dunha banda, D./Dna...., de agora en diante o/a vendedor/a, con documento NIF/CIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., e que actúa en nome propio.

E doutra, D./Dna...., de agora en diante o/a comprador/a, con NIF/CIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., representado neste acto por D./Dna...., con NIF nº..., con capacidade para a formalización deste contrato en virtude de documento de data... de... de..., no que adquire apoderamento da empresa, inscrito no Rexistro Mercantil de Ourense (datos de inscrición),...

Recoñecéndose ambas as partes capacidade e lexitimación para formalizaren este contrato, declaran expresamente que adoptan o modelo de contrato tipo homologado pola orde da Consellería do Medio Rural do... de... de 2010 (DOG nº... do... de... de 2010), e fano conforme as seguintes

Estipulacións:

Primeira.

O vendedor comprométese a entregar e o comprador a aceptar polas condicións que se establecen neste contrato o total da produción de uva das variedades godello, mencía e demais variedades preferentes determinadas no regulamento da D.O. Valdeorras das parcelas que se relacionan como anexo a este contrato.

O vendedor obrígase a non contratar a uva obxecto deste contrato con máis dunha industria.

Segunda.

O vendedor deberá posuír a tarxeta identificativa da denominación de orixe, expedida polo Consello Regulador. En todas as entregas de uva deberá acompañar a tarxeta co seu DNI.

A uva deberá ser recollida co maior esmero polo vendedor en caixas de 20 kg ao conseguir a madurez necesaria que considere o comprador, debendo conter exclusivamente uva sa, sen ningún defecto.

O técnico da correspondente adega comunicará ao vendedor as datas en que debe vendimar.

No caso de que a uva recollida non reúna as condicións pactadas, o comprador está obrigado a informar o vendedor nun prazo non superior a 24 horas.

O comprador, se na recepción da uva observa que esta non está en condicións de ser procesada, poderá proceder á descualificación da cantidade de produto que non estea nas condicións antes descritas. O comprador poderá retirar en báscula a uva en mal estado, unha vez revisada a mercadoría, e poderá descontar o seu peso do total de quilogramos entregados polo vendedor.

Terceira.

As entregas faranse inmediatamente iniciada a recolla en función do grao alcohólico e da acidez.

Comprador e vendedor poranse de acordo para a subministración das caixas limpas precisas para efectuar a entrega.

Non se admitirán entregas en sacos ou outro tipo de envases.

Cuarta.

Prezo mínimo: o prezo mínimo que pagará o vendedor nas condicións que se estipularán neste mesmo contrato non será inferior a 1 € no caso da variedade godello e 0,85 € para a variedade mencía e o resto das variedades preferentes.

Prezo que se percibirá: o prezo fixado para esta campaña será en función da calidade, con graduacións mínimas de 12º para as variedades preferentes e máximas de 13º para a variedade godello e de 13,5º para o resto de variedades preferentes.

Ver referencia pdf "19800D007P010.PDF"

Sobre este prezo aplicarase anualmente de forma acumulativa, unha revisión con base no índice de prezos de consumo, interanual publicado en agosto polo Instituto Nacional de Estatística no BOE.

Sobre o importe resultante do prezo mínimo e o IPC, aplicarase o imposto de valor engadido (IVE) correspondente para a realización da factura.

Quinta.-Especificacións técnicas.

As condicións de calidade de uva para que se admitan serán impecables, en canto á sanidade vexetal, sen restos de praguicidas e cunha boa relación grao/acidez.

As acideces mínimas tolerables serán de:

-6 gr/l en ácido tartárico para a variedade godello.

-4,5 gr/l en ácido tartárico para a variedade mencía e o resto das castes tintas.

Co fin de comprobar os rendementos, o técnico visitará o predio semanalmente e poderá decidir cortar acios se os rendementos do predio non son os esperados e comprobará o grao alcohólico semanalmente.

Sexta.

O vendedor non poderá utilizar outros produtos fitosanitarios distintos dos autorizados tendo en conta non superar as doses.

Da mesma maneira, non se recollerán uvas en que non se respecten os períodos de seguranza dos tratamentos antibotríticos ou as que conteñan restos de cobre de tratamentos de destempo.

Sétima.-Condicións de pagamento.

As cantidades monetarias resultantes do cumprimento deste contrato faranse efectivas conforme a Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Oitava.-Duración do contrato.

A vixencia deste contrato comezará o día da súa sinatura e ten unha duración mínima de dous anos, sendo revisable anualmente dentro do ano natural antes da floración. Aclárase expresamente que a duración de dous anos deste contrato de compra-venda de uva para transformación en viño se refire ás vendimas dos anos 2010, 2011, e 2012, dándose por concluído o contrato en agosto de 2013.

Novena.-Comisión de seguimento.

Establecerase unha comisión de seguimento que gozará de personalidade xurídica, sen ánimo de lucro, que terá carácter representativo e composición paritaria entre as partes. Corresponderalle a esta o seguimento, vixilancia e control do contrato.

Aqueles anos en que se dean circunstancias anormais en relación ao cultivo da uva, poderanse establecer novos parámetros tendo presentes estas circunstancias.

Décima.-Indemnizacións.

Salvo os casos de forza maior demostrada, derivados de folgas, sinistros, situacións catastróficas ou adversidades climatolóxicas producidas por causas alleas á vontade das partes, circunstancias que deberán comunicarse dentro das setenta e dúas horas seguintes a se produciren, o incumprimento deste contrato para os efectos de entrega ou recepción da uva dará lugar a unha indemnización da parte responsable á parte afectada dun 25% do valor da produción estimada nesa campaña polas persoas designadas con anterioridade, sempre que no dito incumprimento se aprecie a decidida vontade de desatender a obriga contraída, apreciación que poderá facer a correspondente comisión de seguimento, logo de comunicación, dentro dos sete días seguintes ao de se producir o incumprimento.

A consideración dunha situación de forza maior poderá ser constatada pola citada comisión, para o cal recibirá aviso da parte afectada dentro do mesmo prazo anteriormente establecido.

Décimo primeira.-Arbitraxe.

Calquera diferenza que puider xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución deste contrato e que non se puider resolver de mutuo acordo, ou pola comisión de seguimento a que se fai referencia na cláusula novena, deberá someterse á arbitraxe regulada na Lei 60/2003, do 23 de decembro, coa especialidade prevista na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, consistente en que o árbitro ou árbitros serán nomeados pola Consellería do Medio Rural.

Décimo segunda.

Todo aquilo que non se contempla neste contrato rexerase polo estipulado no regulamento da D.O. Valdeorras e do seu Consello Regulador, aprobado pola Orde do 24 de novembro de 2009 e publicado no DOG nº 234, do 30 de novembro de 2009.

De conformidade con canto antecede, e para que conste para os fins procedentes, asínanse os preceptivos exemplares para os efectos oportunos no lugar e data expresados no encabezamento deste contrato.

A cantidade en quilogramos de uva contratada será de:

-Variedades brancas: godello.

Resto de variedades brancas preferentes.

-Variedades tintas: mencía.

Resto de variedades tintas preferentes.

Permítese unha tolerancia de +/- 20% da cantidade contratada:

O viticultor achegará certificado de inscrición no Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Asdo.: O/a vendedor/a Asdo.: O/a comprador/a

Ver referencia pdf "19800D011P013.PDF"