DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2010 Páx. 17.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 30 de setembro de 2010 pola que se modifica o artigo 6 dos anexos I, II, III e IV da Orde do 6 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes aos programas sectoriais de investigación aplicada, peme I+D e I+D suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Por Orde do 6 de xullo de 2010 establécense as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes aos programas sectoriais de investigación aplicada, peme I+D e I+D suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

No artigo 6 dos anexos I, II, III e IV da devandita orde establécese que para proceder ao libramento dos fondos e percibir as axudas correspondentes á primeira anualidade será preciso presentar na data límite do 15 de decembro de 2010 a xustificación correspondente, e que o período de emisión de facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados será nesta anualidade desde a data de presentación da solicitude ata o 15 de decembro de 2010.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar o proceso de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido artigo 6 dos anexos I, II, III e IV,

DISPOÑO:

A modificación do artigo 6 dos anexos I, II, III e IV da Orde do 6 de xullo de 2010 (Diario Oficial de Galicia do 7 de xullo), pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes aos programas sectoriais de investigación aplicada, peme I+D e I+D suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, no referente ao prazo de presentación da xustificación e o período de emisión de facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados na primeira anualidade (ano 2010) do seguinte xeito:

O prazo de presentación da xustificación e o período de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados na primeira anualidade pasa a ter como data límite o 30 de decembro de 2010.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria