DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 13 de outubro de 2010 Páx. 17.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de outubro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 29 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción e se convocan no ano 2010.

Orde do 29 de decembro de 2009 (DOG nº 3, do xoves, 7 de xaneiro de 2010) pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción e se convocan no ano 2010.

1. No seu artigo 16.-Financiamento, di que se precisan as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e así mesmo que os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas se poderán incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Co obxecto de poder amparar todas as solicitudes nas distintas liñas de axuda establecidas, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobáronse os correspondentes expedientes de xeración e ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 14 e 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 29 de decembro de 2009 (DOG nº 3, do xoves, 7 de xaneiro de 2010), pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción e se convocan no ano 2010.

2. Substitúese a aplicación orzamentaria inicial, 2010.13.02.713-C.771.4, pola 2010.13.02.713-C.771.3.

3. O incremento da dotación será de 509.103 euros, con cargo á aplicación 2010.13.02.713-C.771.3.

4. A contía total para as axudas que deriven da aplicación desta orde é de 519.103 euros con cargo á aplicación orzamentaria 2010.13.02.713-C.771.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

5. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na dita Orde do 29 de decembro de 2009.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural