DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 13 de outubro de 2010 Páx. 17.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 7 de setembro de 2010 pola que se acorda a cesión definitiva de tres vehículos propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia á sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

En virtude do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Medios, que depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o órgano encargado de executar a política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisual, e correspóndelle a dirección e coordinación das actuacións en materia de telecomunicacións, audiovisual e multimedia e todos os aspectos que deriven da aplicación destas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

Por medio do artigo 1 do Decreto 58/1997, do 20 de febreiro (DOG nº 56, do 21 de marzo), acórdase a creación da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., ao abeiro do disposto no artigo 55.2º do Estatuto de autonomía de Galicia, e de conformidade co previsto no artigo 45.1º e 3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobados os seus estatutos polo Decreto 58/1997, do 20 de febreiro, e modificados polo Decreto 294/2000, do 9 de novembro, o Decreto 477/2005, do 25 de agosto e o Decreto 352/2009, do 2 de xullo, establécese no seu artigo 2.1º como obxecto da citada sociedade a realización de actividades dirixidas á prestación de servizos en materia de telecomunicacións na Comunidade Autónoma de Galicia, para as que obterá os títulos habilitantes que sexan necesarios en cada caso.

O dito artigo, no seu parágrafo segundo indica que, así mesmo, terá por obxecto tanto a planificación, instalación, xestión, mantemento e explotación de infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións en Galicia, como a elaboración de propostas, análises e estudos relacionados coas telecomunicacións que lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta os obxectivos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., e logo da petición xustificada e razoada desta, considérase necesaria a cesión da propiedade de tres vehículos que, adscritos aos servizos da Secretaría Xeral de Medios, son precisos para o adecuado desenvolvemento das funcións e competencias que a sociedade ten atribuídas en virtude da normativa antes citada.

De acordo co anterior, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta conxunta da Secretaría Xeral de Medios e da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., e ao abeiro do previsto nos artigos 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, acorda cederlle á dita sociedade, logo de tramitarse o correspondente expediente de cesión, a propiedade de tres vehículos pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Ceder á sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., para o cumprimento dos fins que lle son propios, a propiedade dos seguintes vehículos:

Marca: Seat.

Modelo: Ibiza II 1.9.

Matrícula: 4029 CDT.

Data de matriculación: 31-1-2003.

Marca: Nissan.

Modelo: Terrano II 2.7.

Matrícula: 4297 DDL.

Data de matriculación: 10-12-2004.

Marca: Nissan.

Modelo: Terrano II 2.7.

Matrícula: 5456 CDD.

Data de matriculación: 3-1-2003.

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. A cesión outorgarase con carácter definitivo, contada a partir da súa formalización mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería e o director xerente da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

2. Coa cesión outórgaselle á sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. a propiedade dos bens mobles cedidos.

3. A sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., unha vez asinada a acta, farase cargo dos gastos de conservación, mantemento e reparación dos bens mobles cedidos e asumirá, así mesmo, calquera dano que lle puidese ocasionar tanto ás persoas como ás propiedades na súa utilización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza