DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 11 de outubro de 2010 Páx. 17.072

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o acceso ás ditas ensinanzas.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece os principios xerais que deben rexer o sistema educativo, e no seu artigo 56 os aspectos básicos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

O Decreto 352/1991, do 17 de outubro, creou a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con sede en Pontevedra.

O desenvolvemento normativo destas ensinanzas iniciouse coa publicación do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola citada lei orgánica, e continúa coa publicación do Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Deste xeito, o artigo 7 do citado Real decreto 635/2010 dispón que as administracións educativas, vista a proposta dos centros, establecerán o plan de estudos, completando ata o total de 240 créditos os mínimos fixados nese real decreto, de conformidade cos criterios que nel se determinan.

Procede, en consecuencia, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, vista a proposta da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, estableza o plan de estudos destas ensinanzas para o seu ámbito competencial.

A finalidade desta norma é a de definir o plan de estudos con identidade propia e con capacidade de adaptación ás particularidades da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con criterios de rigor, calidade e excelencia. Ademais, preténdese potenciar a diversidade de procesos formativos para garantir un alto nivel de cualificación aos graduados e graduadas en Conservación e Restauración de Bens Culturais e posibilitar que os currículos se poidan adaptar ás expectativas e intereses formativos do alumnado, así como á demanda social do tecido cultural e empresarial.

Ademais, esta orde establece as disposicións referentes á proba de acceso a estas ensinanzas, reguladas con carácter básico no citado Real decreto 635/2010, do 14 de maio.

En consecuencia co exposto, e en virtude das atribucións conferidas pola normativa anteriormente citada, de acordo co ditame do Consello Escolar de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 7 do Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, esta orde dispón, vista a proposta da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, o plan de estudos para as ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

2. Esta orde regula igualmente os procedementos para o acceso a estas ensinanzas.

3. Esta orde será de aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade das ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

As ensinanzas artísticas conducentes á obtención do título de graduado ou graduada en Conservación e Restauración de Bens Culturais deberán proporcionar unha formación práctica, teórica e metodolóxica, a través do desenvolvemento das materias que conforman a especialidade elixida, co fin de garantir a cualificación dos futuros profesionais da Conservación e Restauración de Bens Culturais, nos ámbitos relativos á concepción, formulación, comunicación e dirección dos proxectos propios de cada especialidade, e á creación e investigación.

Capítulo II

Estrutura das ensinanzas

Artigo 3º.-Estrutura básica do título.

1. A duración das ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais en cada una das súas especialidades comprenderá catro cursos académicos, de 60 créditos ECTS cada un, cun total de 240 créditos ECTS, de acordo co Sistema Europeo de Transferencia de Créditos.

2. Para os efectos do establecido no número anterior sobre os créditos europeos, terase en conta o previsto no artigo 4 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 6 do Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3. Os dous primeiros cursos do plan de estudos serán comúns, para todos os efectos e todas as especialidades dos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, e os dous últimos cursos do plan de estudos serán diferenciados segundo cada unha das especialidades do mesmo título.

Artigo 4º.-Crédito europeo.

1. De acordo co establecido no artigo 4 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, o haber académico que representa o cumprimento dos obxectivos previstos nos plans de estudos conducentes á obtención de títulos oficiais de ensinanzas artísticas superiores, medirase en créditos europeos ECTS.

2. Nesta unidade de medida intégranse as ensinanzas teóricas e prácticas, así como outras actividades académicas dirixidas, con inclusión das horas de estudo e de traballo así como mostras públicas e probas que o estudante debe realizar para acadar os obxectivos formativos propios de cada unha das materias do plan de estudos.

3. O número de créditos será distribuído entre a totalidade das materias integradas no plan de estudos que deba cursar o estudante.

4. A asignación de créditos e a estimación do seu correspondente número de horas, entenderase referida a un estudante dedicado a cursar a tempo completo os estudos correspondentes ás ensinanzas artísticas superiores durante 36 semanas por curso académico.

5. O número de horas por crédito ECTS será de 25, en desenvolvemento do establecido polo Real Decreto 1614/2009, do 26 de outubro, no seu artigo 4.4º.

Capítulo III

O plan de estudos

Artigo 5º.-Especialidades.

As especialidades que configuran as ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia son as seguintes:

-Bens Arqueolóxicos.

-Escultura.

-Pintura.

Artigo 6º.-Competencias e perfís profesionais.

De conformidade co establecido no artigo 6.2º do Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, as competencias transversais, as competencias xerais, e as competencias específicas e os perfís profesionais definidos para cada unha das especialidades, son as que se determinan no anexo I do citado real decreto.

Artigo 7º.-Estrutura.

A distribución dos 240 créditos ECTS e das materias que os completan respectarán os seguintes criterios:

a) As materias de formación básica do título de grao en Deseño son as que figuran no anexo I desta orde e terán os créditos ECTS que nela se establecen.

b) As materias obrigatorias de especialidade do título de grao en Deseño serán as que figuran no anexo I deste decreto e terán os créditos ECTS que nel se establecen.

c) Ás prácticas externas corresponderanlle entre 6 e 25 créditos ECTS, e serán obxecto de regulación específica.

d) O traballo fin de grao terá os créditos ECTS que figuran no anexo a esta orde.

e) O alumnado poderá obter o recoñecemento de ata un máximo de 6 créditos ECTS pola participación, debidamente acreditada, en actividades culturais, artísticas, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación.

Artigo 8º.-Matrícula.

1. O alumnado só poderá realizar a matrícula nos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais para realizar estudos oficiais con carácter presencial.

2. A matrícula no primeiro curso será de curso completo.

3. Para o segundo, terceiro e cuarto cursos, os alumnos e alumnas poderán formalizar a matrícula por materias, pero deberán matricularse obrigatoriamente nas materias de formación básica que suporán, cando menos, un total de 30 créditos ECTS, sen prexuízo do cumprimento dos criterios de promoción que oportunamente se establezan.

4. O alumnado non poderá matricularse dunha materia progresiva dun curso no caso de ter pendentes materias coa mesma denominación ou de carácter progresivo de cursos anteriores.

Artigo 9º.-Renuncia de matrícula.

O alumnado poderá solicitar a renuncia de matrícula ante a dirección e presentala no rexistro da Secretaría da Escola. O prazo para a renuncia rematará o último día hábil do mes de setembro. A renuncia de matrícula suporá a perda da condición de alumno oficial e non implicará a devolución de taxas.

Artigo 10º.-Validación de materias.

1. O prazo de solicitude de validacións de materias será de quince días hábiles contados a partir do primeiro día de clase, segundo o establecido no calendario escolar fixado pola consellería competente en materia de educación. Para a solicitude de validacións o alumnado deberá cubrir un impreso oficial establecido nas normas de funcionamento da escola e achegar a documentación que corresponda.

2. As validacións de materias só se poden dar entre estudos do mesmo nivel: superior e/ou universitario.

3. Para as validacións de estudos cursados terase en conta o disposto no artigo 10 do Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, ademais das seguintes especificacións:

a) O alumnado que iniciou os seus estudos superiores noutra comunidade autónoma e se traslade á Comunidade Autónoma de Galicia deberá cursar as materias correspondentes aos cursos xa superados por eles que non se adapten ao currículo desta comunidade autónoma. Non obstante, o alumnado poderá solicitar a validación de materias que teña superadas no centro de orixe por aquelas do currículo desta comunidade autónoma que teñan relación directa no seu deseño curricular.

b) Para validar as materias cursadas noutras comunidades autónomas o alumno ou alumna achegará as programacións das materias superadas para que a escola poida establecer cales das materias que figuran no currículo de Galicia lle poden ser validadas. Será competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, logo de informe da dirección da Escola, establecer as correspondentes validacións. Para a elaboración do dito informe, a dirección solicitará, de ser o caso, asesoramento dos diferentes departamentos relacionados coas materias de que se trate.

c) As ditas validacións deberán ser rexistradas no expediente do alumno. Neste suposto, xuntarase ao dito expediente toda a documentación relativa á dita validación.

d) As materias cursadas no centro de orixe que non sexan validables por ningunha das materias que figuran no currículo da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser obxecto de recoñecemento como créditos de materias de libre elección ou optativas, e deberase, para este suposto, aplicar o mesmo procedemento de adaptación das materias antes citado.

Artigo 11º.-Convocatorias ordinarias e extraordinarias.

1. En cada curso escolar establécense dúas convocatorias para a valoración e avaliación do rendemento do alumnado nas materias anuais, unha ordinaria e outra extraordinaria.

2. No caso de materias cuadrimestrais, as convocatorias para o primeiro cuadrimestre realizaranse nos dez días seguintes ao remate das actividades lectivas presenciais correspondentes ao primeiro cuadrimestre, e igualmente no caso das materias do segundo cuadrimestre.

3. As convocatorias a que se refire este artigo computaranse de forma sucesiva, e entenderanse esgotadas no caso de que o alumno non se presente ás probas, estando matriculado. O alumnado poderá solicitar anulación motivada de convocatoria que será resolta pola dirección da escola.

4. Cando se produza un traslado de expediente entre centros, o alumnado só disporá das convocatorias non consumidas no centro de procedencia.

Artigo 12º.-Anulación de convocatorias.

1. O alumnado poderá solicitar a anulación de convocatoria, mediante solicitude dirixida á dirección da escola, que poderá presentar ata o último día hábil do mes de xaneiro para a convocatoria ordinaria do primeiro cuadrimestre, e ata o último día hábil do mes de maio para a convocatoria ordinaria do segundo cuadrimestre.

2. Para a convocatoria extraordinaria, a anulación de convocatoria poderá realizarse ata unha semana antes da data de realización da proba.

3. Correspóndelle ao director/a do centro conceder a anulación de convocatoria, logo de informe da xefatura de estudos, que, en todo caso, deberá ter unha causa suficiente que a xustifique, e non será admisible como causa de anulación a falla de rendemento académico.

Artigo 13º.-Avaliación e sistema de cualificacións.

1. A avaliación do proceso de aprendizaxe do estudante basearase no grao e nivel de adquisición e consolidación das competencias establecidas de acordo co perfil profesional definido para cada unha das especialidades recollidas nesta orde.

2. A avaliación será continuada, diferenciada por materias e terá un carácter integrador en relación cos obxectivos definidos no plan de estudos. A avaliación do traballo fin de grao será única e requirirá ter aprobadas a totalidade das materias que integran o plan de estudos.

3. Os criterios de avaliación especificaranse nas programacións didácticas e serán obxectivables e mensurables de acordo cos parámetros que se definan para tal fin.

4. A obtención dos créditos correspondentes a unha materia requirirá superar as correspondentes probas de avaliación ou exames.

5. A media do expediente académico de cada alumno será o resultado da aplicación da seguinte fórmula: suma dos créditos obtidos polo alumno en cada materia multiplicado cada un deles polo valor das cualificacións que correspondan á materia e dividida a cifra resultante polo número de créditos totais superados polo alumno.

6. O nivel de aprendizaxe conseguido polos estudantes expresarase con cualificacións numéricas. Os resultados obtidos polo alumno en cada unha das materias do plan de estudos cualificaranse en escala numérica de 0 a 10, con expresión dun decimal, e poderá engadirse a súa correspondente cualificación cualitativa:

0-4.9: suspenso (SS).

5.0-6.9: aprobado (AP).

7.0-8.9: notable (NT).

9.0-10: sobresaliente (SB).

7. A mención de matrícula de honra poderá ser outorgada a alumnos ou alumnas que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9.0. O seu número non poderá exceder de unha por cada 20 alumnos/as matriculados nunha materia no correspondente curso académico, a non ser que o número de alumnos matriculados sexa inferior a 20, caso en que se poderá conceder unha soa matrícula de honra.

8. A obtención do título de graduado ou graduada en Conservación e Restauración de Bens Culturais requirirá a superación da totalidade das materias, as prácticas externas e o traballo fin de grao, que constitúen o plan de estudos.

Artigo 14º.-Reclamación en contra das cualificacións.

Os alumnos e as alumnas desconformes coas cualificacións outorgadas poderán presentar a correspondente reclamación ante a dirección da escola, segundo modelo que se estableza nas normas de funcionamento, a través da secretaría, nun prazo de dous días hábiles contados a partir do día de comunicación pública das cualificacións. A dirección remitirá a reclamación á xefatura de departamento, que no prazo de dous días hábiles logo de recibila emitirá un informe razoado en que ratifique ou rectifique a cualificación. Este informe será remitido á dirección, que resolverá no prazo de dous días hábiles logo da súa recepción, de acordo co proposto no dito informe, e comunicarao ao alumno ou alumna interesado/a e á xefatura de estudos para o seu coñecemento e para os efectos de rectificación, se procede, da correspondente acta de cualificación.

Artigo 15º.-Promoción e permanencia.

1. Os alumnos disporán dun máximo de catro convocatorias para superar cada materia e dun máximo de dúas convocatorias para superar as prácticas externas e o traballo fin de grao, respectivamente.

2. Os/as alumnos/as que teñan esgotadas as convocatorias establecidas poderán solicitar, ante a dirección da escola, no prazo de quince días contados a partir da comunicación da cualificación que dea lugar ao esgotamento da convocatoria, unha convocatoria adicional para cada materia por circunstancias especiais que deberán xustificar, sen que se poida considerar como xustificación a falta de rendemento académico ou a non asistencia á clase e demais actividades formativas programadas. As solicitudes que se presenten serán sometidas a informe da xefatura do departamento que corresponda, e faranse constar cantas circunstancias se considerasen relevantes e cantos informes complementarios se consideren oportunos. Unha vez elaborado o informe, que será preceptivo e vinculante, trasladarase á dirección, que resolverá nun prazo máximo de quince días, contados desde a data de presentación da solicitude do alumno.

3. A concesión dunha convocatoria extraordinaria adicional só ten validez para a presentación e a realización do exame e non implica o dereito de asistencia a clase.

4. A permanencia do alumno no centro non poderá exceder dos seis cursos académicos por especialidade.

Capítulo V

Acceso ás ensinanzas de grao en Conservación

e Restauración de Bens Culturais

Artigo 16º.-Requisitos xerais de acceso ás ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

1. Con carácter xeral, para o acceso aos estudos oficiais de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso a que se refire o artigo 56.1º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que terá como finalidade valorar a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas.

2. A superación da proba específica a que fai referencia o número anterior faculta para matricularse unicamente no curso académico para cuxo acceso fose convocada, en calquera dos centros do Estado onde se cursen as ditas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas destes.

Artigo 17º.-Acceso ás ensinanzas artísticas superiores para maiores de dezanove anos.

1. Os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente e teñan dezanove anos cumpridos no ano de realización das probas deberán superar a proba establecida no artigo 69.5º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e deberá acreditar o aspirante os seus coñecementos e a madureza en relación cos obxectivos propios do bacharelato.

2. A proba a que fai referencia o número anterior levarase a cabo, en cada convocatoria, coa antelación suficiente a respecto da data de realización da proba específica, para que os aspirantes que superen a primeira poidan realizar a segunda.

Artigo 18º.-Acceso directo aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

1. Poderá acceder directamente aos estudos oficiais de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, sen realizar a proba específica sinalada no artigo 16º desta orde, quen estea en posesión dun título de técnico superior de artes plásticas e deseño.

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa establecer a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade dos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, que se reservarán para esta modalidade de acceso, así como os criterios de prelación na súa adxudicación.

Artigo 19º.-Convocatoria das probas de acceso.

De acordo co disposto no artigo 5 do Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, as probas de acceso convocaranse conforme o procedemento que segue:

1. Será competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a convocatoria, organización, desenvolvemento e avaliación das probas de acceso ás ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As probas de acceso ás ensinanzas de grao en Deseño realizaranse, cando menos, unha vez ao ano.

3. Para os efectos de garantir a eficacia dos principios de igualdade, mérito e capacidade que deben rexer o proceso de selección no acceso ás ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, as probas terán carácter centralizado e serán supervisadas por unha comisión nomeada para o efecto pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. As normas de funcionamento desta comisión serán obxecto de regulación específica por parte da dita dirección xeral.

4. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa establecerá sistemas de información e procedementos de acollida para os alumnos de novo ingreso. Estes sistemas e procedementos deberán incluír, no caso de aspirantes ao ingreso con necesidades específicas derivadas de discapacidade, os servizos de apoio e asesoramento axeitado, que valorarán a posibilidade de adaptacións curriculares.

Capítulo VI

Desenvolvemento das probas de acceso

Artigo 20º.-Admisión ás probas de acceso.

1. No prazo máximo de cinco días hábiles despois de rematado o prazo de inscrición, a comisión de probas de acceso fará públicas do xeito que se determine na convocatoria as listaxes de aspirantes admitidos, que serán únicas para cada especialidade convocada.

2. Os interesados terán un prazo de dous días hábiles para presentar as reclamacións, e cubrirán e entregarán na secretaría da escola en que se inscribisen o impreso oficial dispoñible nela.

3. Recibidas as reclamacións, a comisión de probas de acceso resolverá o que proceda e dará a coñecer as listaxes definitivas de admitidos, o calendario e lugar de realización das probas, cunha antelación mínima de cinco días hábiles respecto do inicio destas.

Artigo 21º.-Proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores para maiores de dezanove anos.

1. A proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores para maiores de dezanove anos que deberán superar os aspirantes que non estean en posesión da titulación requirida será única para todas as especialidades dos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, e será válida para a realización da proba específica de acceso a todas as ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A citada proba versará sobre as materias comúns do bacharelato.

3. A superación da dita proba será condición indispensable para concorrer á proba específica de acceso aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Artigo 22º.-Proba de acceso específica.

1. A proba de acceso específica aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais será única para todos os aspirantes a cursar os ditos estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, e diferenciada segundo a especialidade destes.

2. A proba específica de acceso aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais versará sobre os coñecementos, aptitudes e habilidades para cursar con aproveitamento estes estudos.

Artigo 23º.-Avaliación da proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores para maiores de dezanove anos.

O resultado da avaliación da proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores para maiores de dezanove anos expresarase en termos de apto ou non apto.

Artigo 24º.-Avaliación da proba de acceso específica.

O resultado da avaliación da proba de acceso específica aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais expresarase en termos numéricos nunha escala de 0 a 10, con dous decimais, resultado da media aritmética das cualificacións dos membros da comisión avaliadora da dita proba.

Artigo 25º.-Comisións avaliadoras das probas de acceso aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará unha comisión avaliadora para a organización, realización e avaliación da proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores para maiores de dezanove anos aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, integrada por profesorado de ensino secundario especialista nas materias comúns do bacharelato e, de entre os integrantes da dita comisión avaliadora, en número impar en calquera caso, o presidente e secretario desta.

2. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará unha comisión avaliadora encargada da organización, realización e avaliación das probas específicas de acceso aos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, integrada, cando menos, por cinco membros, en número impar en calquera caso, dos corpos de profesores ou mestres de taller de artes plásticas e deseño, e por docentes con destino na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e de entre os membros da citada comisión avaliadora, en número impar en calquera caso, o presidente e secretario desta.

Disposicións adicionais

Primeira.-Correspondencia na denominación das materias.

Para os efectos do establecido nesta orde, os termos materia e asignatura aos que fai referencia o Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, correspóndense, respectivamente, cos termos área de coñecemento e materia.

Segunda.-Sistema de xestión de calidade.

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no ámbito das súas competencias, establecerá cantas normas considere oportunas para o desenvolvemento dos sistemas de garantía interna da calidade dos centros de ensinanzas artísticas superiores.

2. A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia deberá establecer protocolos e liñas de actuación segundo os parámetros establecidos pola Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior e polas institucións nacionais e autonómicas que se determinen por parte da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3. A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia establecerá un Sistema de Garantía Interna da Calidade coa finalidade de potenciar a mellora das súas actividades docentes, investigadoras e de xestión.

4. O sistema de garantía interna de calidade seguirá as normativas establecidas polas administracións educativas en relación cos procesos de xestión, verificación, acreditación e auditorías de calidade.

Terceira.-Implantación das ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Segundo o disposto no Real decreto 635/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, na súa disposición adicional cuarta, no ano académico 2010-2011 iniciarase a implantación progresiva dos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-De acordo co previsto na disposición adicional cuarta do Real decreto 635/2010, de 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa establecerá o sistema de recoñecemento de créditos ao alumnado procedente de plans de estudos anteriores a entrada en vigor desta orde.

Segunda.-Para a realización das probas de acceso ao curso 2010-2011 non será de aplicación o establecido nesta orde. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa comunicará á escola as especialidades e o número de vacantes que en cada caso se determinen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "19600D002P056.PDF"