DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 07 de outubro de 2010 Páx. 16.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2010, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a inscrición no censo de titulares de permisos que os habilite para exercer a actividade na reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira.

O Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira, define aqueles elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

Así, no punto 2 do seu artigo 8, no cal se establecen as condicións de acceso, consta que para realizar as actividades pesqueiras e marisqueiras profesionais autorizadas na reserva será necesario estar inscrito nun censo específico de titulares dos permisos que os habilite para exercer esas actividades.

Na reunión do órgano de xestión, seguimento e control da reserva, do 5 de maio de 2010, acórdase abrir inmediatamente o prazo para a presentación de solicitudes para a inscrición no censo, unha vez publicada a orde que regule o uso e xestión da reserva mariña.

Finalmente, a Orde do 18 de agosto de 2010, pola que se regula o uso e xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira, define no seu artigo 3 o procedemento que cómpre seguir para a elaboración do censo de titulares de permisos que os habilite para exercer a actividade nela.

Así pois, para dar cumprimento ao anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para a inscrición de titulares de permisos para exercer a actividade pesqueira e marisqueira na reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo.-Solicitude.

As solicitudes formalizaranse no modelo que se publica como anexo I da Orde do 18 de agosto de 2010 pola que se regula o uso e xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira (DOG nº 173, do 8 de setembro).

Presentaranse no rexistro da Consellería do Mar ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de 1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas de copia do DNI da persoa que asine a solicitude, só no caso de non autorización ao órgano xestor, para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao sistema de verificación de datos, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG nº 221, do 13 de novembro) e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo).

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2010.

Pablo R. Fernández Asensio

Director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños