DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 07 de outubro de 2010 Páx. 16.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de outubro de 2010 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 29 de marzo de 2010 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de obras e equipamento para a prestación de servizos municipais nos concellos e nas entidades menores de Galicia.

O día 7 de abril de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de marzo de 2010, pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de obras e equipamento para a prestación de servizos municipais nos concellos e nas entidades menores de Galicia.

No artigo 10.1º establécese que as entidades beneficiarias da subvención deberán presentar a documentación xustificativa antes do 15 de outubro de 2010. Porén, por causas sobrevidas, o prazo establecido resulta de difícil cumprimento, polo que para facer viable o proceso de xestión, e co fin de garantir a maior eficacia posible da convocatoria das referidas subvencións, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o dito prazo para a súa xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do artigo 10 da Orde do 29 de marzo de 2010 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de obras e equipamento para a prestación de servizos municipais nos concellos e nas entidades menores de Galicia.

O primeiro parágrafo do número 1º do artigo 10 da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias da subvención presentarán, antes do 1 de novembro do ano correspondente ao exercicio económico da respectiva anualidade, a seguinte documentación: (…)».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza