DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 07 de outubro de 2010 Páx. 16.870

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de setembro de 2010 pola que se acorda a cesión definitiva dun vehículo propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sarria, provincia de Lugo.

De acordo co Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a elaboración, proposta e execución da política do Goberno en materia de emerxencias e interior.

Segundo os artigos 30.1º e 2.A a) e 32 2.3 a) do citado decreto, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior exercerá as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia, estatutariamente ou por transferencia, relativa ás materias de atención de emerxencias e protección civil, interior e seguridade. E, en particular, a dirección, a coordinación e a execución das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de atención de emerxencias e protección civil, a planificación da protección civil, e a promoción das asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil.

As tarefas que vaian realizar as agrupacións de voluntarios de protección civil de conformidade coa normativa de protección civil irán encamiñadas á prevención e autoprotección así como á colaboración, auxilio e apoio dos servizos públicos de protección civil, de conformidade co establecido no artigo 50 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia.

No marco do réxime legal regulador das relacións de colaboración, cooperación e coordinación, e logo da petición da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sarria, na provincia de Lugo, considérase conveniente cederlle a propiedade dun vehículo pertencente ao parque móbil da Xunta de Galicia e adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para ser destinado a fins de utilidade pública e de interese social, en concreto para o servizo municipal de emerxencias e protección civil.

Para tal fin, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza tramitou o expediente, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión definitiva, a favor da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sarria, na provincia de Lugo, do seguinte ben moble:

Marca: Renault.

Tipo: BA.

Variante: Baon.

Modelo: Megane.

Serie e nº de bastidor: VF1BA0N0518585064.

Nº de prazas: 5.

Data de matriculación: 19-10-1998.

Matrícula: C-8948-BY.

Km: 189.928.

Artigo 2º

A cesión definitiva sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido nos artigos 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, o ben cedido será destinado polo cesionario a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, para o servizo de protección civil.

2. A cesión terá carácter definitivo desde o momento da súa formalización mediante acta subscrita polas persoas titulares da secretaría xeral desta consellería e o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sarria, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación da parte cesionaria.

3. Coa cesión outorgaráselle á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sarria, a propiedade do ben moble cedido, e comprometerase esta a realizar ante a Xefatura Provincial de Tráfico os trámites precisos para o cambio de titularidade do vehículo.

4. A agrupación cesionaria, unha vez asinada a acta, farase cargo dos gastos de conservación, mantemento e reparación do ben moble cedido asumindo, así mesmo, calquera dano que lle puidese ocasionar tanto ás persoas como ás propiedades na súa utilización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-Esta orde terá os efectos dende o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza