DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 07 de outubro de 2010 Páx. 16.870

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 166/2010, do 23 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de terminación da alarga e mellora da E.P. 2501 Salceda-A Picoña, da Deputación Provincial de Pontevedra.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día vinte e oito de maio de dous mil dez, aprobou o proxecto de terminación da alarga e mellora da E.P. 2501 Salceda-A Picoña e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na comisión de secretarios xerais antes da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, esta vén xustificada, entre outros aspectos, polo aumento da velocidade na circulación nesta zona da estrada, ao tratarse dun dos tramos que queda sen acometer, ao que se une o mal estado de conservación da capa de rodadura, a estreitez dos tramos viais e á deficiencia das sinalizacións, aumentando, deste xeito, o risco de accidentes. Doutra banda, a inexistencia de beirarrúas, supón a invasión do carril de circulación por parte dos viandantes, co conseguinte perigo para a vida humana.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de terminación da alarga e mellora da E.P. 2501 Salceda-A Picoña da Deputación Provincial de Pontevedra, debendo, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza