DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 06 de outubro de 2010 Páx. 16.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativa ao Plan de vehículos eficientes, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2010.

Os recursos limitados con que contamos e a contaminación que o desenvolvemento dalgunhas actividades está a provocar inciden na sensibilidade especial que a sociedade está a ter polo uso racional da enerxía. O transporte é, desde sempre, unha das actividades que máis contribúen ao gasto desproporcionado da enerxía e ao quecemento global do noso planeta. É necesario, por tanto, que este sexa un dos sectores onde a incidencia do aforro enerxético sexa maior.

O Instituto Enerxético de Galicia contén xa na súa lei de creación, Lei 3/1999, do 11 de marzo, unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada no impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

En consonancia con todo isto, o Consello de Ministros, o 20 de xullo de 2007, aprobou un Plan de acción para o período 2008-2012, para o desenvolvemento da estratexia de aforro e eficiencia enerxética en España 2004-2012 (PAE4r), cumprindo así cos compromisos internacionais na materia.

Para o desenvolvemento dos referidos plans, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) deseñaron mecanismos de colaboración con todas as comunidades autónomas, que faciliten a articulación das medidas en todo o territorio estatal, tendo en consideración, ademais, as necesidades e obxectivos de cada comunidade en razón das súas propias peculiaridades e do seu ámbito competencial. Neste senso, asinouse entre o IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia, con data do 3 de xullo de 2008, o convenio de colaboración para a execución das actuacións de aforro e eficiencia enerxética establecidas no marco do plan de acción 2008-2012 da estratexia de aforro e eficiencia enerxética (PAE4r).

No caso de Galicia e para o ano 2010, e segundo se establece no plan de traballo aprobado o 20 de xullo de 2010, a cantidade asignada para esta actuación cífrase en 510.200 €.

Como un dos órganos encargado de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia considera de máximo interese fomentar a adquisición de vehículos eficientes na comunidade autónoma.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas á modernización do parque de turismos e vehículos comerciais de menos de 3.500 kg de MMA e motocicletas, mediante a adquisición de vehículos de propulsión eléctrica, híbrida ou alimentados con gas natural, gases licuados do petróleo ou hidróxeno, para aproveitar as vantaxes da maior eficiencia enerxética de vehículos novos que produzan menor impacto ambiental segundo o establecido no artigo 3º, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2010.

Artigo 2º.-Réxime das subvencións.

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

2. As subvencións reguladas nesta resolución impútanse á conta contable 656.5023 cun orzamento de 510.200 € e atópanse financiadas ao 100% con fondos procedentes do convenio de colaboración subscrito entre o IDAE e o Inega con data do 3 de xullo de 2008, dentro do Plan de acción 2008-2012 (PAE4r) da estratexia de aforro e eficiencia enerxética en España.

3. As axudas reguladas nesta resolución, agás aquelas cuxos beneficiarios sexan particulares, entidades e institucións sen ánimo de lucro que non poidan levar a cabo actividades económicas que repercutan en terceiros, atópanse sometidas aos requisitos e aos límites establecidos no Regulamento comunitario nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro), en virtude do cal a contía global de axudas de minimis non poderá superar o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Polo que respecta ás axudas ás empresas que operan no sector do transporte por estrada, este límite debería fixarse en 100.000 €. Este límite aplicarase independentemente da forma de axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

Artigo 3º.-Actuacións e gastos subvencionables e contía das axudas.

1. O obxectivo deste plan é a modernización do parque de turismos e vehículos comerciais de menos de 3.500 kg de MMA e motocicletas para aproveitar as vantaxes da maior eficiencia enerxética dos vehículos novos que produzan un menor impacto ambiental, así como a promoción da diversificación enerxética no sector do transporte para reducir a dependencia do petróleo. As actuacións subvencionables variarán en función dos tipos de entidades colaboradoras, así:

Tipo A: concesionarias (empresas que vendan vehículos).

Estas empresas colaborarán na xestión de axudas á compra de vehículos novos con categoría M1, N1 (véxase definicións no anexo IV) ou motocicletas coas seguintes características:

-Vehículos turismos híbridos, sempre que teñan capacidade de tracción eléctrica ao 100%, mediante baterías e unhas emisións inferiores a 120 g de CO2/km.

-Vehículos turismos híbridos enchufables, sempre que teñan capacidade de tracción eléctrica ao 100%, mediante baterías e unhas emisións inferiores a 120 g de CO2/km.

-Vehículos turismos eléctricos puros. Ante a ausencia actual no mercado de vehículos eléctricos puros da categoría M1 e N1 tamén estarán incluídos nesta axuda os cuadriciclos eléctricos pesados, categoría L7e segundo o especificado na Directiva 2002/24/CE.

-Vehículos turismos de combustión directa de hidróxeno (admitindo neste caso os turismos bi ou multi-combustibles), ou de pilas de combustible no caso de se comece coa súa comercialización.

-Vehículos turismos bi ou multi-combustibles de gas natural ou gases licuados do petróleo que teñan unhas emisións inferiores a 150 g de CO2/km. Tamén estarán incluídas neste punto as transformacións a GLP que acrediten (data da ITV) ser efectuadas polo concesionario nun prazo máximo de 3 meses desde a data da súa primeira matriculación, que se considerarán como vehículos novos.

-Motocicletas eléctricas puras e híbridas con capacidade de tracción eléctrica 100%, e ambas as dúas cunha potencia maior de 4 kW, de hidróxeno ou pila de combustible. En todos os casos se require que a motocicleta dispoña de matrícula ordinaria de placa branca (matriculación como turismo).

Tipo B: talleres autorizados para a transformación a GLP de vehículos.

Estas empresas colaborarán na xestión de axudas aos vehículos con categoría M1, N1 (véxanse definicións no anexo IV) coas seguintes características:

-Transformación a GLP de vehículos de máis de tres meses desde a data da primeira matriculación: vehículos turismos que utilicen gases licuados do petróleo e teñan unhas emisións inferiores a 150 g de CO2/km.

-Transformación a GLP de vehículos novos considerando como novos vehículos que acrediten (data da ITV) ser transformados a GLP nun prazo máximo de 3 meses desde a data da súa primeira matriculación e con emisións inferiores a 150 g CO2/km

Para todos os tipos de axudas, nos casos onde o mecanismo de financiamento impida vincular o uso do ben subvencionable coa propiedade (sistemas de financiamento de renting, leasing ou outro arrendamento financeiro), a axuda destinarase á empresa propietaria do ben, que deberá xustificar ao Inega, mediante unha copia do contrato co cliente, a aplicación dun desconto no aboamento do servizo financeiro de valor igual ou superior á relación entre a axuda do programa e o prezo de mercado do ben. Este desconto deberá aplicarse durante toda a vida do servizo financeiro, cun mínimo de 3 anos de duración, así como no valor da opción de compra neta, no caso de efectuarse a compra do ben por parte do usuario.

2. A contía das axudas establécese en función dos seguintes límites:

-Vehículos turismos híbridos Full Hybrid: importe máximo por vehículo de 2.300 €.

-Vehículos turismos híbridos Mild Hybrid: importe máximo por vehículo de 2.000 €.

-Vehículos turismos híbridos enchufables, eléctricos puros, de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible: importe máximo por vehículo de 7.000 €.

-Motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou pila de combustible: importe máximo de 750 €/motocicleta.

-Vehículos novos ou transformados (data da ITV) nun prazo inferior a 3 meses desde a súa primeira matriculación alimentados por gas natural e gases licuados do petróleo: importe máximo por vehículo de 1.200 €.

-Transformación a GLP de vehículos de máis de tres meses desde a data da súa primeira matriculación: importe máximo por vehículo de 450 €.

En calquera caso, tanto para adquisición de vehículos como para os servizos de financiamento por renting, leasing ou outros arrendamentos financeiros, as axudas non poderán superar o 15% do prezo do mercado do vehículo, entendendo por este o prezo que paga o consumidor ao adquirir o vehículo, é dicir, o prezo final de compra do vehículo. Por tanto, se a adquisición do vehículo a realiza un particular, o prezo de mercado será IVE incluído, mentres que no caso da adquisición de vehículos por parte de empresas o prezo de mercado non incluiría o IVE ante a posibilidade da recuperación do mesmo polo empresario. No caso das transformacións de vehículos a GLP, o 15% refírese á suma do custo do vehículo e a transformación.

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro da vixencia do Plan de vehículos eficientes.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 4º.-Vixencia do plan.

1. O plan iniciará a súa vixencia ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia no que se refire á adhesión das entidades colaboradoras (artigo 7º), e un mes despois desta data para o que se refire ao prazo de presentación de solicitudes (artigo 9º), e rematará o día de 31 de agosto de 2011 ou ata que se esgoten os fondos correspondentes.

Artigo 5º.-Financiamento.

A cantidade máxima destinada para esta convocatoria de axudas ascende a 510.200 €. Eventualmente esta cantidade poderá incrementarse nos termos do artigo 10º desta resolución. O aludido incremento e a súa cuantía publicaranse no DOG, abrirase de novo o prazo de presentación de solicitudes e informarase ás entidades colaboradoras mediante o correo electrónico de contacto e na páxina web www.inega.es

Artigo 6º.-Entidades colaboradoras.

Para os efectos desta resolución, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, válidamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

As entidades colaboradoras seleccionaranse de acordo co procedemento que se establece no artigo 7º destas bases, con suxeición á normativa que resulte de aplicación.

De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de adhesión entre elas e o Instituto Enerxético de Galicia, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, que figuran no anexo I desta resolución. Este convenio terá o contido mínimo que se recolle no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

As entidades colaboradoras terán como misión a venda ou a transformación indicados no artigo 3º, e actuarán como enlace entre os beneficiarios das accións subvencionables e o Inega.

Na súa relación co Instituto Enerxético de Galicia, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

-Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.

-Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

-Desenvolvemento das accións vinculadas.

-Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Inega.

Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado, da Administración autónoma así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Inega poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, de acordo co establecido na alínea d) do artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do cofinanciamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento pola Xunta de Galicia a través do Inega e o cofinanciamento con fondos do IDAE no marco do Convenio do 3 de xullo de 2008.

d) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

As entidades colaboradoras adheridas ao Plan de vehículos eficientes asumirán os seguintes compromisos:

1. Mostrar nun lugar visible o logotipo da iniciativa e os soportes publicitarios facilitados e informar sobre ela, así como retirar os logos e a publicidade unha vez que peche o plan. Así mesmo, poderán incorporar na publicidade propia os logotipos do Plan de vehículos eficientes que se lle facilitarán para tal efecto.

2. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda e comprobar que a residencia do comprador está na Comunidade Autónoma de Galicia (no suposto de que o comprador manifeste residir na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu DNI non reflicta tal circunstancia, deberá acompañarse certificado de empadroamento expedido polo concello en que radique a localidade de residencia).

3. Vender no marco da iniciativa só os vehículos que cumpran coas condicións establecidas no artigo 3º destas bases.

4. Aplicar os descontos correspondentes á subvención conforme o establecido no artigo 3º destas bases.

5. Facilitar ao Inega canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

6. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do Plan de vehículos eficientes.

Artigo 7º.-Adhesión de entidades colaboradoras.

1. Poderán ser entidades colaboradoras (empresas colaboradoras Tipo A) as empresas autorizadas para a comercialización de vehículos turismos de propulsión eléctrica, híbrida ou alimentados con gas natural, gases licuados do petróleo, ou hidróxeno e motocicletas, que operen na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten estar dados de alta no imposto de actividades económicas.

Tamén poderán adherirse (empresas colaboradoras Tipo B) os talleres autorizados para a transformación a GLP de vehículos.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, e rematará o día 31 de agosto de 2011 ou na data de fin do plan por remate dos fondos.

3. No caso de renovación de adhesión (só válido para concesionarios e talleres adheridos na campaña Plan de vehículos eficientes 2009) poderá presentarse a solicitude de renovación (anexo I) con declaración xurada de que non cambian as súas circunstancias con respecto á convocatoria anterior. No caso contrario, deberán informar ao respecto e presentar a xustificación documental que avale a devandita circunstancia.

No caso de altas de novas empresas colaboradoras, deberase cubrir o modelo de documento de adhesión que figura como anexo I destas bases reguladoras. As empresas que desexen adherirse ao Plan de vehículos eficientes enviarán o protocolo de adhesión debidamente cuberto e asinado por duplicado ao seguinte enderezo:

Inega, rúa Avelino Pousa Antelo nº 5, CP 15703, Santiago de Compostela.

Xunto co documento de solicitude de adhesión deberán enviar a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI da persoa asinante.

-Certificado orixinal bancario da titularidade da conta en que desexa recibir o importe do desconto aplicado.

-Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, se for o caso, fotocopia de alta naquel, se a entidade non está obrigada ao pagamento do devandito imposto.

-Autorización ao Inega para que solicite de oficio os certificados de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia,

4. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reunir os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non o facer así, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei. De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, utilizaranse medios electrónicos para a notificación da emenda, de xeito que,cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación da emenda, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das

administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

6. É competente para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras o director do departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega; e para a súa resolución o director do Inega.

7. O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é de 10 días contados desde a data da presentación no Inega da solicitude xunto coa documentación anexa. Pasado o devandito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de xeito que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria non poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso de alzada ante o presidente do Consello de Administración do Inega, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Contra a resolución do recurso de alzada, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Unha vez asinados os convenios de colaboración entre as entidades seleccionadas como colaboradoras e o Inega, publicaranse na páxina web do Inega as entidades admitidas como entidades colaboradoras.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas e xurídicas con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nalgunha das circunstancias sinalas no artigo 3º. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que se publiquen na páxina web do Inega.

Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Os beneficiarios, ademais do cumprimento do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obríganse a facilitar canta información lle sexa requirida polo Inega no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 9º.-Procedemento para acceder ás axudas.

1. O comprador dirixirase a unha entidade colaboradora (concesionario ou taller adherido a esta iniciativa) e elixirá unha actuación que cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 3º deste documento.

2. O comerciante previamente a venda solicitará a provisión de fondos suficiente para a aplicación do desconto correspondente, aceptándose para esta comunicación o fax ao número 981 54 15 25.

3. A empresa colaboradora adherida cubrirá o formulario de solicitude de axuda (anexo II para as tipo A e anexo III para as tipo B) e asegurase de que se trata dun solicitante residente na Comunidade Autónoma de Galicia verificando o DNI, e, de ser o caso, o certificado de empadroamento na localidade de residencia.

4. Unha vez realizada a actuación subvencionable, o concesionario ou taller adherido, en función do tipo, fará o seguinte:

Tipo A: cobrará o prezo total do vehículo (IVE incluído) co desconto da axuda establecido no artigo 3º deste documento.

Tipo B: cobrase o prezo total da transformación (IVE incluído) cun desconto de 450 €. No caso de tratarse dunha transformación non superior a 3 meses desde a data da primeira matriculación (tratándose como un vehículo novo), o solicitante tamén deberá entregar ao taller un certificado da conta bancaria en que quere recibir a contía da subvención que exceda 450 €, segundo o artigo 3º.2.

5. O comprador asinará a conformidade no formulario de solicitude de axuda (3 exemplares, quedando cun deles) e entregará unha fotocopia do DNI e/ou certificado de empadroamento, se for necesario.

Se o comprador for unha empresa afectada por minimis, en virtude da aplicación do artigo 2.2º do Regulamento (CE) nº 1998/2006, e antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa un informe escrito ou en soporte electrónico sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

6. O concesionario ou taller adherido remitirá ao Inega no prazo máximo de dous meses a partir da realización da venda de cada vehículo a seguinte documentación:

-Formulario de reserva de fondos asinado (anexo II para as axudas tipo A e anexo III para a tipo B).

-Copia da factura de compravenda e xustificante bancario de pagamento.

-Fotocopia do DNI do comprador.

-No suposto de que o comprador manifeste residir na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu DNI non reflicta tal circunstancia, deberá xuntarse certificado de empadroamento na localidade de residencia, expedido polo concello correspondente.

-Fotocopia do permiso de circulación.

-Fotocopia do imposto de matriculación.

- Autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que o beneficiario está ao día nas obrigas coa Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, salvo que a contía da subvención que se vai outorgar non exceda de 3.000 €, caso en que será suficiente unha declaración responsable de acordo co modelo anexo (anexo II/anexo III), ou se estea exento de achegar os mencionados xustificantes do cumprimento, de conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 9/2009, do 26 de decembro, de orzamentos xerais de Galicia para o ano 2010.

-No caso dos vehículos de propulsión eléctrica deberase presentar fotocopia compulsada ou autentificada por fedatario público do COC do vehículo (certificado de conformidade segundo o anexo IV da Directiva 2002/24/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de marzo, relativa á homologación dos vehículos de motor, e que segundo o artigo 7 da citada directiva deben ser facilitados ao comprador polo fabricante/importador do vehículo).

-No caso das transformacións a GLP, deberase presentar copia compulsada do certificado da inspección técnica de vehículos obrigatoria (ITV) despois da transformación deste, copia da ficha técnica do vehículo onde se inclúa o equipamento de GLP e certificado de emisións do vehículo transformado.

7. Admitiranse facturas a partir da data de inicio da presentación de solicitudes das axudas ata a data límite de xustificación delas ou, como máximo, o 30 de setembro de 2011.

8. Cando estea completa a documentación referida no punto catro desta base, procederá o seguinte en función do tipo de axuda:

-Tipo A:

O Inega aboará ao concesionario adherido o importe íntegro do desconto aplicado na conta bancaria establecida para tal efecto.

-Tipo B:

O Inega aboará ao taller adherido os 450 € que este descontou na factura ao comprador na conta bancaria establecida para tal efecto. Do mesmo xeito, o Inega aboará directamente ao solicitante, na conta bancaria establecida para tal efecto, o importe restante da subvención, se se tratar de vehículos novos, segundo o artigo 3º.2.

9. O Inega informará, mediante un anuncio inserido na súa páxina web e no DOG, da data en que finalicen os fondos asignados para este programa de axudas.

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde de rexistro de vendas e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que as solicitudes se correspondan con operacións de venda efectivamente realizadas no momento da solicitude de reserva de fondos e sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

Deberán ser obxecto de comunicación ao Inega aquelas solicitudes aceptadas que non se poidan xustificar nas condicións especificadas nestas bases ou aquelas en que se renuncie á subvención concedida, para o efecto da anulación dos devanditos expedientes e a adopción, se for o caso, das medidas precisas para liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar a devandita circunstancia no DOG e na súa páxina web, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, tal e como partidas sobrantes da xestión do Convenio marco de colaboración entre o Inega e o IDAE, para a definición e posta en práctica das actuacións contempladas no Plan de acción 2008-2012, (PAE4r) da Estratexia de aforro e eficiencia enerxética en España.

Artigo 11º.-Competencia.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de axudas será o director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega; e a súa resolución corresponderá ao director do Inega.

Artigo 12º.-Prazo máximo de resolución.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de nove (9) meses contados desde a data de solicitude de reserva de fondos da venda na aplicación informática. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Notificación das resolucións.

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e segundo establecido no artigo 7º en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de xeito que, cando, existindo constancia da posta a disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificar aos beneficiarios das axudas.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria non poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos:

a) Recurso de alzada ante o presidente do Consello de Administración do Inega, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta tiver sido expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15º.-Incumprimento, reintegro e sancións.

1. O Inega reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Enerxético de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detectar que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas no Plan de vehículos eficientes, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, decretarase a obriga de reintegrar ao Inega as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

Cando se realizasen descontos por parte dos concesionarios e talleres adheridos en concepto da axuda obxecto deste plan a titulares dunha solicitude e se comprobase posteriormente por parte do Inega que non se cumpriron as condicións establecidas para recibir a devandita axuda por parte dos beneficiarios ou, no seu caso, se comprobase que houbo incumprimentos por algunha entidade colaboradora das bases da convocatoria, a entidade asumirá os devanditos descontos, non podendo reclamalos ao Inega.

Ademais, o incumprimento por parte dunha entidade colaboradora adherida consistente en aprazar o pagamento da axuda ao cliente final ata despois de que o Inega llo ingrese a el, en lugar de descontalo no momento do pagamento, suporá o incumprimento destas bases coas consecuencias legais correspondentes.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Ás entidades colaboradoras e os beneficiarios da subvención reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17º.-Compatibilidade.

Estas axudas serán compatibles con outras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados. O importe das subvencións reguladas nestas bases en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo da actividade subvencionable.

Artigo 18º.-Publicidade.

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia, (www.inega.es) nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, de 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os beneficiarios e as entidades colaboradoras deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 19º.-Protección de datos de carácter persoal.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa física solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais ao IDAE, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Instituto Enerxético de Galicia sito na rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, CP 15703, Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; así como no resto da normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2010.

Eliseo Diéguez García

Director do Instituto Enerxético de Galicia

Ver referencia pdf "19300D010P033.PDF"

ANEXO IV

Plan de vehículos eficientes definición

dos vehículos subvencionables

* Categorías de M1 e N1.

As categorías de vehículos M1 e N1 defínense no anexo II da Directiva 2001/116/CE da comisión, do 20 de decembro como se recolle a seguir:

-Categoría M1: vehículos de oito prazas como máximo (excluída a do condutor) deseñados e fabricados para o transporte de pasaxeiros.

-Categoría N1: vehículos cuxa masa máxima non supere as 3,5 toneladas deseñados e fabricados para o transporte de mercadorías.

-Categoría L7e: cuadriciclos con masa en baleiro inferior ou igual a 400 kg (550 para os vehículos destinados ao transporte de mercadorías) sen incluír a masa das baterías para os vehículos eléctricos ou cun motor de potencia máxima inferior ou igual a 15 kW. Non estarán incluídos nesta categoría os cuadriciclos lixeiros con masa en baleiro inferior ou igual a 350 kg (categoría L6e) sen incluír a masa das baterías para os vehículos eléctricos, con velocidade máxima de 45 km/h e con cilindrada máxima de 50 cm3, potencia neta máxima de 4 kW ou potencia continua nominal máxima de 4 kW segundo corresponda.

* Vehículos turismos híbridos.

A tecnoloxía híbrida é aquela que incorpora dous sistemas de almacenamento de enerxía (depósito de combustible e batería eléctrica) e dobre motorización térmica e eléctrica, de tal forma que ambas, de forma individual ou conxunta, traccionan ou participan nalgún momento na tracción do vehículo (non só no arranque). Existen dous tipos de vehículos híbridos:

-Full Hybrid: con capacidade de tracción única eléctrica de forma voluntaria polo condutor.

-Mild Hybrid: sen capacidade de tracción única eléctrica de forma voluntaria polo condutor.

* Vehículos turismos híbridos enchufables.

Estes vehículos, ademais de teren as mesmas características que os híbridos definidos anteriormente, permiten recargar as súas baterías externamente e teñen unha autonomía mínima en modo eléctrico de 32 km (PHEV >20: Plugged-in Hybrid Electric Vehicle 20 miles or more).

* Vehículos turismos eléctricos puros (BEV: Battery Electryc Vehicle).

Vehículos eléctricos sen autorrecarga interna, entendendo por esta a recarga das baterías a partir do motor eléctrico. Ante a ausencia actual no mercado de vehículos eléctricos puros da categoría M1 e N1, tamén estarán incluídos nesta axuda os cuadriciclos eléctricos pesados, categoría L7e segundo o especificado na Directiva 2002/24/CE.