DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 06 de outubro de 2010 Páx. 16.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2010 pola que se convoca un curso sobre o manexo do lume en queimas controladas, destinado a axentes forestais dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e co obxecto de fomentar a empregabilidade de persoal con experiencia en protección civil e emerxencias a través da formación, anúnciase a convocatoria dun curso sobre o manexo do lume en queimas controladas, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: manexo do lume en queimas controladas.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 40.

Modalidade: presencial.

Edicións: 2.

Obxectivos.

Dotar os participantes dos coñecementos necesarios para a realización de queimas controladas como ferramenta para a xestión dos combustibles forestais e como alternativa a operacións silvícolas tradicionais.

Contido.

-Comportamento do lume.

-Técnicas de ignición.

-Técnicas de dirección da queima.

-Aplicacións das queimas controladas.

-Realización práctica de queimas.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

O curso vai dirixido aos axentes forestais dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

Prazas ofertadas.

15 por edición.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución, e non serán admisibles outros modelos de solicitude en que non conste a mesma información.

b) Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 206 123, por correo postal, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es.

Dentro da páxina web da Agasp debe accederse á epígrafe Actividades formativas, Cursos con inscrición aberta e premer no enlace Formulario. Unha vez cubertos os datos debe seleccionar Enviar para poder imprimir a solicitude.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 206 112 e 886 206 137, do fax: 886 206 123 ou enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumno participante.

Na selección empregaranse os seguintes criterios por orde de importancia:

a) Terán preferencia os solicitantes que teñan participado nun menor número de cursos da Agasp durante os anos 2009 e 2010.

b) A igual número de cursos, terá preferencia a/o solicitante que leve máis tempo sen participar en actividades do centro.

c) A igualdade nos anteriores criterios, terán preferencia os axentes de ingreso máis recente.

Reservaranse un 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes. De non existiera suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes sumaranse as da quenda xeral.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

7. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), avenida da Cultura s/n, A Estrada (Pontevedra).

Horario: mañá e tarde.

Datas provisionais.

Data de comenzo Data de remate

1ª edición 8 de novembro 19 de novembro

2ª edición 29 de novembro 3 de decembro

Estas datas de realización poden sufrir modificacións debido ás condicións meteorolóxicas precisas para a realización das prácticas de queima.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

9. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

10. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 1 de outubro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública