DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 06 de outubro de 2010 Páx. 16.821

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2010 pola que se convoca un curso sobre Estatuto básico do empregado público, que se desenvolverá a través da internet.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Escola Galega de Administración Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre Estatuto básico do empregado público, que se desenvolverá a través da internet, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Estatuto básico do empregado público.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 25.

Modalidade: en liña.

Obxectivos.

-Estudo da regulación constitucional da Función Pública e do marco normativo básico: o Estatuto básico do empregado público e outras normas básicas.

-Aproximación á lexislación galega en materia de función pública.

Contido.

Módulo 1. Marco normativo da Función Pública.

Módulo 2. Empregados públicos: funcionarios de carreira, interinos, laborais e eventuais.

Módulo 3. Organización dos recursos humanos, perfís de postos, selección, formación, promoción e carreira profesional.

Módulo 4. Sistema retributivo dos funcionarios.

Módulo 5. Dereitos e deberes dos empregados públicos. Negociación colectiva.

Módulo 6. Avaliación do desempeño

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, tendo preferencia o persoal dos corpos de policía local de Galicia e da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e no caso de quedaren prazas vacantes cubriríanse con persoal dos restantes corpos de seguridade que teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia; neste caso por rigorosa orde de entrada de solicitudes.

Prazas ofertadas.

40 prazas.

Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación.

O prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 16 de outubro de 2010, ás 14.00 horas.

As persoas que desexen inscribirse nesta actividade formalizarán a súa solicitude de participación a través da páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na alínea Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non serán admisibles outros modelos de solicitude. A solicitude cuberta adecuadamente entenderase presentada na Agasp, sen necesidade de remitila documentalmente unha vez que a teñan cuberta. A aplicación comunicaralle ao/á usuario/a a efectividade de ter cursada a solicitude.

Todas aquelas persoas que formalicen a solicitude de participación deberán inscribirse como alumna/o na plataforma de formación en liña da academia, á que se accede a través da web http://agasp.xunta.es na alínea de Formación en liña.

Calquera continxencia para formalizar a inscrición será atendida a través do teléfono 886 206 124, en horario das 9.00 ás 14.00 horas.

Criterios de selección.

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 19 de outubro de 2010 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas comprendidas na listaxe disporán do prazo de dous días, a partir da data da publicación, para acceder á plataforma e inscribirse no curso. O prazo rematará o 21 de outubro ás 24.00 horas.

Rematado este prazo, as persoas seleccionadas non inscritas perderán o dereito a participar no curso, e a academia procederá a cubrir as vacantes coa listaxe das reservas, segundo a orde correspondente. Esta inscrición faraa a academia e comunicaraa por correo electrónico á persoa interesada.

O curso estará operativo o día 25 de outubro ás 9.00 horas.

Incompatibilidade.

A participación neste curso resultará incompatible coa admisión do/a alumno/a noutra actividade da Agasp que se desenvolva por internet ou en edicións anteriores desta mesma temática.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas e confirmen a súa inscrición no prazo previsto no punto anterior teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 206 122.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

Data de comezo: 25 de outubro de 2010.

Data de remate: 24 de novembro de 2010.

Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónico ou e-learning son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC.

A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

-Preferentemente conexión a internet de banda larga e un antivirus actualizado.

-Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

-Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

-Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

-Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Cuestionarios e tarefas:

Durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá cubrir unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non formalización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a cumprimentación das tarefas farase a través da plataforma de formación en liña.

Certificados e/ou diplomas.

Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os diplomas ao alumnado participante, que, segundo previsto na convocatoria, poderán acadar os seguintes:

Certificado de participación:

Exixencias:

-Superación dos cuestionarios.

-Realización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

Certificado de aproveitamento:

Exixencias:

-As indicadas no punto anterior.

-Proba presencial final do conxunto do curso.

Proba final e certificado de aproveitamento.

O alumnado que opte ao certificado de aproveitamento deberá superar a proba presencial final indicada. Noutro caso outorgaráselles certificado de participación activa. A proba final desenvolverase na sede da Agasp, queda por concretar a súa data de desenvolvemento que se anunciará na plataforma coa antelación suficiente.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,250 puntos no caso de obter certificado de participación, e de 0,500 puntos no caso de obter certificado de aproveitamento.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Escola Galega de Administración Pública poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 28 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública