DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 06 de outubro de 2010 Páx. 16.820

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

DECRETO 165/2010, do 23 de setembro, polo que se efectúa a declaración de utilidade pública e urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados pola execución das obras da nova vía no porto de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Con data do 12 de abril de 2010 o presidente de Portos de Galicia aprobou o proxecto das obras da nova vía no porto de Vilanova de Arousa.

A relación de bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación, que foron sometidos a información pública, aparecen recollidos e valorados no dito proxecto.

Portos de Galicia, de acordo coa súa normativa de creación, ten neste expediente a condición de beneficiaria, e para tal efecto elevou a correspondente proposta de expropiación á Consellería do Mar, que contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente, que inclúe a oportuna retención de crédito con cargo ao exercicio en que se prevé a conclusión do expediente expropiatorio e a realización efectiva do pagamento, tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto sinalado por afectar unha nave que, segundo resulta do estudo de taxación que consta no expediente, se atopa en estado de ruína e total abandono.

A competencia para a declaración de urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia por aplicación do disposto no artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Por outra parte, e a teor do disposto no artigo 22 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, modificada pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, de portos do Estado e da mariña mercante, a aprobación dos proxectos leva implícita a declaración de utilidade pública para os fins da expropiación forzosa.

En virtude do exposto, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 22 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, modificada pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, de portos do Estado e da mariña mercante, por proposta da Consellería do Mar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a urxente ocupación, para os efectos da expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto da nova vía no porto de Vilanova de Arousa.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar