DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 06 de outubro de 2010 Páx. 16.800

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 164/2010, do 23 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polas obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares. Vigo (Pontevedra). (Expediente OH.336.889).

Con data do 30 de marzo de 2009, a Presidencia do organismo autónomo Augas de Galicia aprobou o expediente de información pública e definitivamente as obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares. Vigo (Pontevedra), expediente OH.336.889. Esta actuación hidráulica está cofinanciada polos fondos da Unión Europea.

As obras necesarias para a mellora do abastecemento e saneamento de augas, así como as destinadas á solución de problemas de riadas e inundacións e ao acondicionamento de leitos fluviais, foron expresamente declaradas de utilidade pública pola disposición adicional terceira da Lei galega 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo. Así mesmo, a aprobación dos documentos técnicos referidos a obras hidráulicas pola Administración hidráulica de Galicia, á que pertence Augas de Galicia, leva implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados para os efectos da súa expropiación forzosa, de ocupación temporal, de imposición ou modificación de servidumes, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e

de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

Na citada Lei 8/2001, do 2 de agosto, declárase, no seu artigo 6, de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o servizo de depuración de augas residuais urbanas e disponse que o ámbito material do dito servizo público comprende, entre outros aspectos, a construción e a xestión, explotación e mantemento das estacións depuradoras de augas residuais, redes de colectores xerais e emisarios submarinos que formen parte da programación de saneamento e depuración da Xunta de Galicia.

Neste contexto, cómpre salientar que no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, documento director que integra e define as directrices en materia de planificación nas bacías hidrográficas intracomunitarias de Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 103/2003, do 24 de xaneiro, considérase necesaria e básica en materia de infraestruturas de saneamento a ampliación da depuración que abrangue o saneamento de Vigo e, en xeral, o saneamento integral da ría de Vigo; neste sentido, na actualización do dito plan e na correspondente actualización do plan de saneamento de Galicia, prevese tamén esta actuación como prioritaria na súa execución no marco do saneamento e depuración de Vigo coa finalidade de obter un sistema de saneamento e depuración eficiente e óptimo, que implique o cumprimento co disposto nas directivas comunitarias de aplicación nesta materia.

No ámbito da Unión Europea foron aprobadas diferentes directivas en materia hídrica e de saneamento que os Estados membros dela teñen a obriga de cumprir e que resultan, en concreto, directamente aplicables ás augas da ría de Vigo. Así, na Directiva 2006/113/CE disponse que nas augas onde exista a cría de moluscos deberase reducir a contaminación para adecuar a súa calidade aos requisitos, valores e parámetros necesarios que permitan unha adecuada cría de moluscos comestibles; na Directiva 2006/7/CE regúlase a xestión da calidade das augas de baño; na Directiva 91/271/CEE, relativa ás augas residuais urbanas, exíxese que as aglomeracións de máis de 2000 habitantes equivalentes dispoñan dun sistema de depuración secundaria; e, en definitiva, na Directiva Marco da Auga establécese a obriga de acadar o bo estado ecolóxico das augas para o ano 2015.

As obras que motivan esta expropiación consisten basicamente na construción dunha nova estación depuradora de augas residuais cun novo emisario submarino, así como na necesaria ampliación da acometida eléctrica existente. A estación deséñase cunha liña de auga na que se someterá todo o caudal que chegue á estación a desbaste, pretratamento e tratamento primario e incorpórase nela o tratamento secundario para a integridade do caudal que se reciba, así como cun sistema de desinfección, do que as actuais instalacións non dispoñen nestes momentos.Contará, ademais, cunha liña de lodos con dixestión anaerobia e secado térmico.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas formulou con data do 16 de marzo de 2009 a preceptiva declaración de impacto ambiental nun sentido favorable á viabilidade e necesidade ambiental das obras.

Considérase debidamente xustificada a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos precisos para a execución das obras, como así resulta acreditado no expediente, esencialmente pola necesidade inaprazable de dar unha solución coa máxima premura e eficiencia aos graves problemas de contaminación continua e progresiva que se están producindo nas augas da ría de Vigo, que provocan un estado actual deficiente e deteriorado da súa calidade con posible afección a zonas de baño, por razón de que as actuais instalacións de depuración do Lagares non contan coa capacidade de dimensionamento hidráulico suficiente para tratar na súa totalidade as augas residuais que reciben, ademais de non dispoñer dun sistema de desinfección da auga tratada, o que deriva na existencia real dun gran volume de verteduras, ás veces directas, de augas residuais sen depurar ou cun tratamento insuficiente á ría de Vigo cos conseguintes danos e perdas ambientais que esta situación supón.

Así mesmo e por mor do problema sinalado de degradación ambiental que se está ocasionando pola incapacidade das instalacións de saneamento existentes, tamén é urxente a inmediata e efectiva dispoñibilidade dos bens e dereitos afectados polas obras de execución do novo sistema de depuración de Vigo co fin de evitar que a ría de Vigo non resulte gravemente afectada co tempo na súa consideración como unidade socioeconómica ao ser fonte de gran riqueza marisqueira e variedade do seu medio natural pola ampla gama de produtos do mar que nela se producen, circunstancias naturais que poñen de manifesto igualmente un significativo interese social da estación de saneamento proxectada na zona para reducir a contaminación das augas da ría de Vigo e asegurar que se adecuan aos valores e parámetros exixidos.

Faise, polo tanto, imprescindible axilizar ao máximo a execución das obras de ampliación e modernización da estación depuradora do Lagares coa pretendida finalidade pública de recuperar e protexer o ambiente hídrico e retornar ás condicións de calidade necesarias das augas da ría de Vigo mediante a construción e subsiguinte posta en funcionamento, no eido do saneamento de Vigo, dun sistema de depuración axeitado e suficiente dos caudais de augas residuais que permita alcanzar e manter con garantías os obxectivos exixidos de calidade en microbioloxía das augas de acordo co disposto na normativa e suprimir ou diminuír substancialmente os efectos negativos que se están producindo no medio, evitándose así os altos custos derivados deles.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación, tanto de pleno dominio como de ocupación temporal ou de calquera outra imposición sobre eles que sexa necesaria, figuran individualizados coa súa correspondente valoración no expediente, que se someteu no seu día ao preceptivo trámite de información pública na forma e datas que constan nel, e a sociedade estatal Aguas de la Cuenca del Norte, S.A. (Acuanorte) asumirá a condición de beneficiario neste expediente de expropiación forzosa, na súa condición de entidade que a debe ter á súa disposición os terreos e bens necesarios para executar as obras desta infraestrutura hidráulica.

A competencia para a declaración de urxente ocupación tena atribuída o Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 24/1987, do 29 de xaneiro, sobre asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Por canto antecede e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e concordantes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e tres de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar, en concreto, a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para os efectos de expropiación forzosa, para a execución das obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares. Vigo (Pontevedra).

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas