DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 06 de outubro de 2010 Páx. 16.798

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2010 pola que se convoca o Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, curso 2010/2011.

Conforme o seu Estatuto de autonomía, artigo 27.22º, a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a axeitada utilización do lecer, competencia, en cuxo desenvolvemento se ten publicado a Lei 11/1997, do 22 do agosto, xeral do deporte de Galicia.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción da práctica da actividade deportiva na idade escolar (artigo 5.1º) e a autorización das actividades deportivas e a celebración de competicións galegas (artigo 11.1 letra a). Paralelamente, o artigo 46.4º establece a colaboración entre os distintos órganos da comunidade e a Administración local para facilitar a realización efectiva do deporte á poboación, en especial á de idade escolar, coordinando para tal efecto a actuación dos órganos con competencias en deporte, educación, sanidade e obras públicas.

De feito, o exercicio destas tarefas de coordinación e colaboración corresponde á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro.-Convocar o Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar para o curso 2010/2011 (anexo).

Segundo.-Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (www.deportegalego.org).

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2010.

Por desconcentración (Decreto 325/2009)

José Ramón Lete Lasa

Secretario xeral para o Deporte

ANEXO I

Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, Curso 2010/2011

1. Xeneralidades.

1.1 As actividades do programa son:

-Actividade deportiva.

-Actividade deportiva federada.

-Actividade lúdica.

-Coñece o meu club.

-Educación, deporte e valores.

-Xogos populares.

-Premios a centros educativos.

1.2. A canle de comunicación oficial é a aplicación informática www.deporteescolargalego.org, que se atopa na páxina web: www.deportegalego.es, a través do cal se efectuará a inscrición ou solicitude.

1.3. De ser o caso, as entidades destinatarias, a súa documentación, os premios, así como as datas límite para a inscrición, están especificados nas distintas actividades deste programa a través da páxina web oficial.

2. Actividades deportivas.

2.1. A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte, a través dos servizos provinciais e das agrupacións deportivas de zona.

2.2. Todos os participantes (deportistas, adestradores ou delegados) serán dados de alta nun seguro deportivo de accidentes, que cubrirá a asistencia nos centros concertados ao longo da competición, nos adestramentos e desprazamentos ás distintas competicións, que están dentro das categorías do Programa Xogade.

2.3. Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva: benxamín: 2002-2001; alevín: 2000-1999; infantil: 1998-1997 e cadete: 1996-1995. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesario a súa consulta na páxina web oficial.

2.4. As modalidades e actividades deportivas convocadas son: atletismo pista; campo a través; Xogando co atletismo; bádminton, baloncesto, balonmán, fútbol sala, tenis de mesa, voleibol, xadrez; biatlón e duatlón; béisbol e sofbol; Judo 2010; Xogajudo 2010; loita olímpica; natación; natación sincronizada; orientación; patinaxe artística e taekwondo.

2.5. O desenvolvemento das actividades deportivas será, en xeral, en catro fases: comarcal, intercomarcal, provincial e autonómica. A Secretaría Xeral para o Deporte adaptaraas segundo as categorías e o número de participantes.

2.6. Os regulamentos de xogo, sancións, recursos etc., serán os que figuran nas bases xerais e normas técnicas de cada deporte, salvando o expresado na seguinte epígrafe. Así mesmo, todos os aspectos non recollidos nestas normas regularanse pola normativa das respectivas federacións galegas e os comités provinciais organizadores.

2.7. O réxime disciplinario e o seu procedemento quedará adaptado baixo as seguintes premisas:

a) As infraccións das normas xerais de conduta deportiva, así como as cometidas con ocasión ou como consecuencia dos encontros e competicións deportivas, denunciaranse ante o comité da delegación da federación galega respectiva, dentro dos tres días seguintes ao do remate do encontro.

b) As resolucións ditadas en primeira instancia polo anterior comité de competición poderán ser recorridas, no prazo máximo de dez días, ante o comité de apelación da federación respectiva.

c) Contra as resolucións do comité de apelación, que esgotan a vía federativa, caberá interpoñer recurso, no prazo máximo de 15 días, ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

d) Para presentar denuncia e posteriores recursos non será necesario facer ningún depósito económico.

e) Aquelas entidades que acheguen documentación que se demostre falseada sancionaranse na medida que se determine desde a Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Actividade deportiva federada (en idade escolar).

Son as actividades levadas a cabo polas diferentes federacións deportivas galegas, onde a Secretaría Xeral para o Deporte lles facilitará un seguro deportivo a todos os deportistas federados de 6 a 16 anos independentemente da súa modalidade deportiva.

4. Actividades lúdicas.

4.1. Son actividades destinadas aos centros para levar a cabo o achegamento dos escolares a diferentes disciplinas deportivas empregando o xogo, dentro do propio centro escolar. As actividades realizaranse en horario lectivo durante unha ou dúas mañás e levaranas a cabo técnicos da federación correspondente, cos materiais necesarios.

4.2. As modalidades e actividades deportivas convocadas son: Bádminton na escola; baile deportivo; béisbol e sofbol; Judo na escola; Loita olímpica na escola; Orientación na escola; Remo na escola; Rugby na escola; Taekwondo na escola; Triatlón na escola; Voleibol na escola e Xadrez na escola.

4.3. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos baseándose nos seguintes criterios de validación:

-Orde de inscrición.

-Situación xeográfica.

-Repartición equitativa.

5. Coñece o meu club.

5.1. Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte,poderán solicitar esta actividade para facilitar aos diferentes centros educativos da súa localidade a posta en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade Coñece o meu club.

5.2. Actividade consistente na visita dos técnicos do club aos centros escolares para facer unha presentación do seu deporte, explicar o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións…), co obxectivo de facilitar aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa poboación

5.3. O centro escolar deberá emitirlle un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na páxina web oficial.

6. Xogos populares.

6.1. A Secretaría Xeral para o Deporte cederá ao centro educativo durante unha semana un lote de material en concepto de préstamo: expositores para colocar no centro escolar, baúl de xogos e unidades didácticas.

6.2. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos baseándose nos seguintes criterios de validación:

-Orde de inscrición.

-Situación xeográfica.

-Repartición equitativa.

7. Educación, deporte e valores.

7.1. Actividade consistente nunha exposición itinerante polos centros educativos con material didáctico resaltando os seguintes valores do deporte: respecto, igualdade, esforzo, non violencia, cooperación, diversión, xogo limpo, tolerancia e responsabilidade persoal.

7.2. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos baseándose nos seguintes criterios de validación:

-Orde de inscrición.

-Situación xeográfica.

-Repartición equitativa.

8. Premios aos centros educativos.

A Secretaría Xeral para o Deporte premiará os centros escolares con maior participación neste Programa Xogade. As bases publicaranse na páxina web oficial, así como os centros premiados, que recibirán diferentes materiais deportivos.