DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 05 de outubro de 2010 Páx. 16.734

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 163/2010, do 16 de setembro, polo que se crea o Observatorio de violencia no contorno laboral das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 40.2º da Constitución española encomenda aos poderes públicos, como un dos principios reitores da política social e económica, velar pola seguridade e hixiene no traballo. Como consecuencia do mandato constitucional, que implica a necesidade de desenvolver unha política de protección dos traballadores e traballadoras mediante a prevención dos riscos derivados do seu labor profesional, dítase a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Nela determínase o corpo básico das garantías e responsabilidades precisas para establecer un adecuado nivel de protección da saúde das persoas traballadoras fronte aos riscos derivados das condicións de traballo, no marco dunha política coherente, coordinada e eficaz.

De acordo co artigo 14.2º da devandita lei e en cumprimento do deber de protección, o/a empresario/a deberá garantir a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras ao seu servizo en todos os aspectos relacionados co traballo.

O Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención vincula, por primeira vez, en igual medida as empresas e as administracións públicas respecto aos obxectivos que se pretenden conseguir, permitindo non obstante para a Administración e en virtude dos seus preceptos básicos, un ámbito de liberdade nas formas ou canles para acadalos.

A regulación contida na Lei de prevención de riscos laborais e nas súas normas de desenvolvemento foi obxecto de modificación mediante a Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais; que incide na necesidade de integración da prevención de riscos laborais na empresa.

Por outra banda, procede citar, así mesmo, a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, que considera un dereito do persoal recibir unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo; así como a Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que inclúe, no seu título IV, a protección fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo entre os dereitos laborais dos traballadores e as traballadoras.

A normativa existente fai fincapé no dereito da persoa traballadora á protección da súa saúde e seguridade e na existencia dun correlativo deber, por parte do empresariado, de protección dos e das traballadoras fronte aos riscos laborais.

Na consciencia de que a calidade dun sistema sanitario e o bo ambiente laboral dependen, en gran medida, de conservar e xerar a debida confianza entre os seus traballadores e traballadoras para que poidan desenvolver a súa actividade profesional nun marco de entendemento, de respecto polos dereitos e de cumprimento dos deberes que afectan a todos, o 20 de novembro de 2006 aprobouse no seo da Comisión Central de Seguridade e Saúde o Plan para a prevención da violencia laboral no Servizo Galego de Saúde.

Obedecendo a eses fins créase o Observatorio de violencia no contorno laboral das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, coa misión non só de describir a situación e a evolución deste risco no seu contexto, senón de levar a cabo unha detallada análise das necesidades que contribúa a elaborar as estratexias e políticas preventivas adecuadas, coa finalidade de previr a exposición dos e das profesionais aos distintos tipos de violencia no desenvolvemento do seu traballo e de minimizar as súas consecuencias, o que contribuirá á mellora da calidade de vida no traballo do persoal ao servizo da Administración sanitaria.

O presente decreto dítase tras a preceptiva negociación na mesa sectorial.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Constitúe o obxecto deste decreto crear e regular o Observatorio de violencia no contorno laboral do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, como órgano colexiado de carácter consultivo e de seguimento, proposta, participación, análise e avaliación das situacións de risco de violencia no ámbito laboral do citado organismo.

2. O Observatorio de violencia no contorno laboral do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde adscríbese á Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. O Observatorio terá como finalidade coñecer, analizar e avaliar a situación do risco de agresións ou condutas violentas no ámbito laboral das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, así como propor actuacións de prevención e intervención para os citados supostos.

2. O Observatorio servirá de foro de diálogo permanente entre a Administración sanitaria e outros colectivos e institucións representativas da sociedade galega, co fin de asegurar unha participación activa no que concirne á violencia no contorno laboral.

Capítulo II

Normas básicas de organización e funcionamento

Artigo 3º.-Funcións.

1. Para o cumprimento dos seus fins corresponden ao Observatorio as seguintes funcións:

a) Coordinar a utilización de sistemas que permitan dispoñer de datos, homoxéneos e fiables, en materia de violencia sufrida polo persoal do Servizo Galego de Saúde, garantindo a súa actualización.

b) Constituír foros e mesas de diálogo coa participación de profesionais e persoas expertas, co fin de propiciar o intercambio de experiencias, o coñecemento de investigacións e novas iniciativas, a exposición de traballos ou a difusión dos plans de prevención neste ámbito.

c) Deseñar e analizar indicadores a partir dos datos dispoñibles, que permitan valorar a situación do Servizo Galego de Saúde no que atinxe á violencia no seu contorno laboral e detectar áreas de especial risco de violencia, avaliando os resultados e a eficacia das accións levadas a cabo.

d) Promover a realización de plans de prevención e procedementos en materia de violencia laboral, así como avaliar o nivel de aplicación, desenvolvemento e eficacia destes.

e) Realizar estudos e confeccionar documentación de interese, que permita un mellor coñecemento da situación da violencia laboral no seu ámbito e elaborar unha memoria anual das súas actividades, na cal se recollan os datos e informacións máis relevantes.

f) Formular propostas á Xerencia do Servizo Galego de Saúde sobre as melloras nos plans e procedementos.

g) Formular propostas de convenios ou protocolos de actuación con outras entidades ou organismos públicos con competencias na materia.

h) Propor liñas de formación do persoal do Servizo Galego de Saúde en materia de violencia laboral, impulsando plans formativos que inclúan a metodoloxía de actuación ante a violencia no sector sanitario, o trato correcto e a comunicación fluída entre profesionais e usuarios e usuarias.

i) Crear os grupos de traballo que se consideren pertinentes para o desenvolvemento dos seus fins, así como a determinación dos criterios de funcionamento.

j) Calquera outra función que lle sexa encomendada no seu ámbito de actuación.

2. No desenvolvemento das súas funcións, o observatorio integrará a perspectiva de xénero, para o que terá en conta as diferenzas que na análise, avaliación, prevención e intervención das situacións de risco de agresións ou condutas violentas, se poidan dar en función do sexo.

Artigo 4º.-Organización e funcionamento.

1. O Observatorio desenvolverá as súas funcións a través de dous órganos: o Pleno e a Comisión Técnica. O Pleno poderá acordar, ademais, a creación de cantos grupos de traballo considere axeitados para o mellor exercicio das súas funcións.

2. O Observatorio aprobará o seu regulamento de organización e funcionamento. No non previsto por este, o Observatorio axustarase ao disposto no presente regulamento e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Pleno.

1. Correspóndelle ao Pleno o exercicio e impulso, a través dos traballos que lle asigne á Comisión Técnica, das funcións atribuídas ao Observatorio.

2. O Pleno do Observatorio estará composto polos seguintes membros:

1) Presidente/a: a persoa titular da Consellería de Sanidade.

2) Vicepresidente/a: a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

3) Secretario/a: con voz pero sen voto, será designado/a pola persoa titular da Consellería de Sanidade, de entre persoal estatutario ou funcionario que preste servizos na citada consellería ou no Servizo Galego de Saúde.

4) Vogais:

a) A persoa que estea á fronte de cada un dos seguintes órganos directivos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou dos órganos que, de ser o caso, substitúan ou desenvolvan as competencias asignadas a estes, de conformidade coa normativa reguladora da estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, en cada momento vixente:

-O/a titular da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación.

-O/a titular da Dirección de Asistencia Sanitaria.

-O/a titular da Dirección de Recursos Humanos.

-O/a titular da Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial.

b) Dous/dúas representantes das organizacións colexiais máis representativas dos profesionais que presten servizos nas institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia, e que coinciden cos colectivos que máis incidentes de violencia sanitaria padecen, por proposta dos consellos autonómicos correspondentes. Esta representación terá unha duración dun ano.

c) Dous/dúas vogais en representación das organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Servizo Galego de Saúde. A designación terá unha duración dun ano e carácter rotatorio. Na ausencia de acordo, iniciarán a quenda de rotación as organizacións sindicais con maior representatividade no sector, en función dos resultados obtidos nas eleccións para órganos de representación do persoal do organismo previas á constitución da mesa sectorial.

d) O/a titular dunha das xerencias de Atención Especializada e dunha das xerencias de Atención Primaria ou, de ser o caso, das estruturas organizativas que poidan substituír a estas.

3. Cando os asuntos que se vaian tratar o requiran, poderase convocar ás sesións do Pleno persoas expertas nesta materia, que actuarán con voz pero sen voto.

4. O Pleno reunirase, con carácter ordinario, anualmente. Así mesmo, reunirase con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola presidencia ou logo da proposta de, cando menos, a terceira parte dos seus integrantes.

5. O Pleno do Observatorio poderá constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando, en todo caso, os trámites esenciais establecidos nos artigos 26 e 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Comisión Técnica.

1. A Comisión Técnica é o órgano, de carácter exclusivamente técnico, mediante o cal se impulsan os traballos do Observatorio. Para tal fin, analizará os datos relativos á violencia laboral que se lle remitan e elaborará informes e propostas, preparará os traballos que se vaian debater no Pleno e, en xeral, exercerá cantas funcións lle sexan encomendadas por este.

2. A Comisión Técnica estará composta polos seguintes membros:

1) Presidente/a: a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

2) Vicepresidente/a: o/a titular da Dirección de Recursos Humanos.

3) Secretario/a: con voz pero sen voto, será nomeado polo/a presidente/a, por proposta do/a vicepresidente/a, entre o persoal adscrito á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

4) Vogais:

a) As persoas que estean á fronte dos seguintes órganos e servizos, ou dos que, de ser o caso, substitúan ou desenvolvan as súas competencias, de conformidade coa normativa reguladora da estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde en cada momento vixente: o/a titular da Dirección de Asistencia Sanitaria, da Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, do Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais e Condicións de Traballo e do Servizo de Atención ao Paciente do Servizo Galego de Saúde; ou as persoas en quen aquelas deleguen.

b) Dous/dúas vogais nomeados/as pola persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, de entre os órganos unipersoais de dirección das institucións sanitarias do organismo autónomo, ou as persoas en quen aqueles deleguen.

c) Dous/dúas vogais nomeados/as así mesmo pola persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, de entre os profesionais das institucións sanitarias do organismo, que actuarán en representación deste colectivo.

d) Un letrado ou letrada da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde, designado polo/a presidente/a, por proposta do/a letrado/a xefe da dita Asesoría Xurídica.

e) Un/unha representante de cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Servizo Galego de Saúde. Preferentemente, estes vogais deberán ser persoas que formen parte da Comisión Central de Seguridade e Saúde Laboral do organismo.

3. Cando os asuntos que se vaian tratar o requiran, poderanse convocar persoas expertas ou representantes de determinados colectivos, que actuarán con voz pero sen voto.

4. A Comisión Técnica reunirase con carácter ordinario dúas veces no ano ou cando as circunstancias así o aconsellen, ou logo da proposta de, cando menos, a terceira parte dos seus integrantes.

Artigo 7º.-Participación sindical.

Sen prexuízo da súa participación no Pleno e na Comisión Técnica consonte os artigos 5 e 6, as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Negociación do Servizo Galego de Saúde, integrantes asemade da Comisión Central de Seguridade e Saúde Laboral, poderán, dentro das sesións deste órgano e logo da súa pertinente inclusión na orde do día, formular cantas suxestións, propostas ou medidas estimen convenientes no ámbito da violencia laboral, incluíndo o seu traslado, de ser o caso, á Comisión Técnica do Observatorio.

Disposición adicional

A Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde atenderá, con cargo aos seus medios persoais e materiais, a constitución e o funcionamento do Observatorio, sen que poida xerar en ningún caso aumento das dotacións orzamentarias.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor aos trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade