DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 04 de outubro de 2010 Páx. 16.682

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 6/2010, do 29 de setembro, pola que se inclúe unha disposición transitoria sexta na Lei 10/2009, do 30 de decembro, de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

Exposición de motivos

No Boletín Oficial del Estado do 13 de xullo de 2010 foi publicado o Real decreto lei 11/2010, do 9 de xullo, de órganos de goberno e outros aspectos do réxime xurídico das caixas de aforros. Posteriormente foi validado polo Congreso dos Deputados o 21 de xullo.

A nova norma modifica importantes aspectos na regulación das caixas de aforros, desde as posibilidades xurídicas de actuación ata a composición dos seus recursos propios ou o referido á composición e ao funcionamento dos órganos de goberno.

Nas súas disposicións transitorias establece a adaptación a estas novas normas, e inclúe, na súa disposición transitoria cuarta, a obriga da constitución nun prazo determinado dos novos órganos de goberno das caixas segundo as normas contidas neste real decreto lei. Pero a norma non regula o xeito de como se realizará esta adaptación nas entidades que poidan verse inmersas en procesos de fusión. Ante a lagoa legal da norma básica, correspóndelle á lexislación autonómica o desenvolvemento e o establecemento das condicións e características dos períodos transitorios que necesariamente se xeran.

Dado o inminente proceso de reordenación financeira que se está a dar, é urxente a determinación destas condicións do período transitorio. En tal contexto, resulta oportuno adiantalas á obrigada adaptación da norma autonómica ás novas disposicións básicas estatais, que debe darse nos próximos seis meses, e que pola súa maior folgura temporal necesitará dunha discusión competencial máis complexa e repousada.

Deste xeito, esta lei introduce unha disposición transitoria sexta na Lei 10/2009, do 30 de decembro, de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis de caixas de aforros de Galicia, e establece -para o caso de que o Consello da Xunta autorice antes do 1 de decembro de 2010 a fusión entre as caixas de aforros galegas- o réxime xurídico aplicable durante tres anos, coa posibilidade de que continúen os mesmos membros dos órganos de goberno, ao tempo que se regula a composición dos da nova entidade que poida crearse, o que permitirá dotar da máxima seguridade xurídica o proceso de integración que se autorice.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se inclúe unha disposición transitoria sexta na Lei 10/2009, do 30 de decembro, de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

Artigo único.-Modificación da Lei 10/2009, do 30 de decembro, de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia

Introdúcese unha disposición transitoria sexta na Lei 10/2009, do 30 de decembro, de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, que ten o seguinte contido:

«Disposición transitoria sexta.-Normas especiais aplicables durante o período transitorio no proceso de fusión entre as caixas de aforros con domicilio social en Galicia.

1. Normas aplicables durante o período transitorio.

Para o suposto de que antes do 1 de decembro de 2010 o Consello da Xunta autorizase a fusión entre as caixas de aforros galegas, durante o prazo de tres anos desde a inscrición da nova entidade no Rexistro Mercantil aplicarase o seguinte:

a) Poderán continuar nos seus cargos durante todo o período transitorio aqueles membros que formasen parte dos órganos de goberno das entidades fusionadas no momento do outorgamento da autorización da fusión e se incorporasen aos da nova entidade, considerando a limitación do período máximo de tres anos previsto na disposición transitoria sexta do Real decreto lei 11/2010, do 9 de xullo.

b) Os órganos de goberno da nova entidade deberán ter unha composición paritaria, formados a partes iguais por cargos provenientes de cada unha das entidades fusionadas. O número de membros de cada órgano de goberno durante este período será o seguinte:

-Asemblea xeral: un máximo de 320 conselleiros xerais.

-Consello de administración: 22 vogais.

-Comisión de control: 10 vogais.

c) Asistirá ás reunións da comisión de control, con voz e sen voto, un representante da consellaría competente en materia de política financeira, elixido entre persoas con capacidade e preparación técnica adecuada.

d) As comisións de obra social, as de investimentos e as de retribucións e nomeamentos poderán estar formadas por un máximo de seis membros.

2. Normas aplicables na finalización do período transitorio

Durante os últimos meses do período transitorio, a nova caixa de aforros deberá realizar todos os trámites necesarios para a constitución dos órganos de goberno definitivos á finalización do período transitorio de tres anos, e para tal efecto aplicaranse as normas legais e regulamentarias que estean vixentes nese momento».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan a esta lei.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2010.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente