DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 01 de outubro de 2010 Páx. 16.637

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2010 pola que se publica o Plan de formación continua dos empregados públicos da Administración de xustiza en Galicia para o ano 2010 e se aproban as bases para a participación nestas accións formativas.

A Administración pública en xeral e, en particular, a Administración de xustiza de Galicia debe contar cuns servizos áxiles, accesibles e próximos aos cidadáns, e que dean resposta ás súas demandas e problemas. Para cumprir este obxectivo, os empregados públicos son o principal activo e deben converterse no factor decisivo para lograr unha Administración máis doada, áxil e eficaz. Desde esta perspectiva, a Escola Galega de Administración Pública pretende potenciar a modernización, calidade e profesionalización da Administración a través da formación e o perfeccionamento dos empregados públicos.

O IV Acordo de formación continua nas administracións públicas subscrito entre as organizacións sindicais representadas na Comisión Xeral para a Formación Continua e as administracións públicas sinala que a formación continua de todos os empregados públicos constitúe unha necesidade imprescindible para conseguir os obxectivos permanentes de eficacia e de modernización.

O plan de actividades correspondente ao ano 2010 da EGAP recibiu o informe favorable da Comisión Autonómica de Formación Continua, foi aprobado polo Consello Reitor deste organismo autónomo en sesión que tivo lugar o día 28 de decembro de 2009 e recolle a previsión de que a EGAP asumirá a partir do ano 2009 a organización dos cursos de formación continua para o cadro de persoal da Administración de xustiza de Galicia, tanto os que viña xestionando en parte a propia EGAP como os que xestionaba directamente a Dirección Xeral de Xustiza. Este plan de formación continua está destinado ao persoal da Administración de xustiza en Galicia por proceder os fondos que o financian das cotizacións dos traballadores públicos que prestan servizos nesta Administración.

Esta resolución pola que se publica o dito plan de formación ten, polo tanto, carácter informativo e queda condicionada a execución das accións nela contidas á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e ao que se estipule en cada convocatoria.

As convocatorias das accións formativas e a apertura dos prazos de matrícula realizaranse a través da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es

O plan de formación estrutúrase en accións formativas de carácter xeral e específico. As accións formativas de carácter xeral teñen por obxecto ofrecer un currículo básico horizontal que capacite os empregados públicos para realizar funcións e tarefas en calquera posto de traballo ao longo da súa carreira profesional. Correspóndese con funcións, coñecementos e habilidades que son xenéricas e constitúen as bases da organización e o funcionamento da Administración.

As accións formativas específicas comprenden o conxunto de actividades formativas cuxo obxectivo está directamente relacionado coa adaptación permanente ao posto de traballo que se desempeña e que inclúen contidos basicamente sectoriais que afectan competencias específicas.

RESOLVO:

Publicar o Plan de formación continua dos empregados públicos da Administración de xustiza en Galicia composto polos cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases, características e contidos detallados no anexo I desta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases para a participación nas accións formativas

Primeira.-Requisitos dos participantes.

A) Poderán participar nas accións formativas anunciadas nesta resolución os funcionarios e as funcionarias dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia en situación de servizo activo na Administración de xustiza en Galicia ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos que se establezan para ser destinatarios en cada unha das accións do anexo II na respectiva convocatoria.

B) Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado e deberase comunicar de inmediato esta incidencia á EGAP.

Segunda.-Desenvolvemento das actividades de formación.

A) Os cursos realizaranse cos requirimentos, duración e condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP, http://egap.xunta.es

B) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais das actividades. Cando un alumno teña coñecemento de que foi seleccionado nun curso que teña coincidencia horaria con outro para o cal xa fose seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas e o alumno non poderá participar noutros cursos durante o prazo dun ano desde que se detecte este feito.

Terceira.-Solicitudes.

A) O persoal que desexe participar nos cursos publicados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática que está dispoñible na zona de matrícula na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es. Non son admisibles outras formas nin modelos de solicitude de matrícula.

B) Con carácter previo á matrícula é necesario formalizar o rexistro dunha conta na zona de matrícula da EGAP para solicitar cursos de formación, dándose de alta como novo usuario. Nesta alta previa faise recomendable facilitar conta de correo electrónico e teléfono móbil para recibir mensaxes de convocatorias, selección de candidatos e outra información relativa ás actividades de formación da EGAP.

C) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecida no punto anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

D) As solicitudes non poden realizarse ata que se convoquen as actividades e se abran os prazos de matrícula. Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 00.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

E) O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

F) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do enderezo de correo electrónico local.egap@xunta.es, o fax 981 54 63 39, ou ben a través do teléfono que se facilitará na páxina web da EGAP, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

G) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula, unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

H) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas para os efectos da selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo local.egap@xunta.es, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

I) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

Cuarta.-Criterios de selección.

A) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro) e, de ser o caso, os criterios específicos que se establezan para cada acción formativa nas respectivas convocatorias. Para os efectos do previsto no punto segundo, liña 4ª da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 80% estará vencellado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 20% restante á antigüidade na Administración de acordo coa fórmula que se vai empregar, a cal se publicará na páxina web da EGAP. Se hai empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

B) Aplicarase o criterio de non preferencia para aqueles solicitantes que nas convocatorias do ano 2008 incorresen nalgunha das incidencias que nelas se regulaban, como a renuncia fóra de prazo e abandono non xustificados e a falsidade ou ocultación de datos persoais. Estes solicitantes só accederán ás actividades de quedaren prazas vacantes.

C) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

D) Nos cursos que teñan varias edicións, terá preferencia na selección efectuada para cada unha das localidades programadas o persoal que teña o seu posto de traballo nelas.

E) A EGAP poderá solicitar en calquera momento aos centros directivos dos cales dependan os solicitantes ou á xefatura de persoal da entidade correspondente documentación acreditativa da veracidade dos datos contidos na solicitude e, en especial, un informe acreditativo da adecuación do perfil do solicitante ao contido do curso nas accións formativas específicas.

F) Así mesmo, poderá ser solicitado o asesoramento dos profesores na materia dos cursos cando sexa conveniente para unha mellor selección e a homoxeneización do grupo de alumnos, para o que poderán ser establecidas probas previas de nivel.

Quinta.-Publicación das relacións do persoal seleccionado e renuncias.

A) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es unha relación provisional das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxe telefónica os que faciliten eses datos na alta de matrícula. As persoas que non figuren nesta relación ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria.

B) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de admitidos no curso.

C) O persoal preseleccionado só poderá renunciar ao curso por causas xustificadas sempre que se acredite o feito alegado a través da documentación pertinente. A renuncia, xunto co documento acreditativo, debe ser comunicada por escrito á EGAP, por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico local.egap@xunta.es, cunha antelación de 3 días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia fóra de prazo ou non acreditar documentalmente a causa que a produce suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias durante o prazo dun ano contado desde a data de finalización do curso, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008, pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

D) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sexta.-Asistencia aos cursos.

A) Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto en que os alumnos e profesores deben facer constarr como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar como incidencia a hora de chegada ou saída, no caso de non coincidir coa duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

B) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas. A ausencia, aínda xustificada, superior ao 15% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.

C) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 15% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatorias das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.

Sétima.-Certificados.

A) A EGAP poderá expedir dúas clases de certificados, de asistencia e de aproveitamento. A convocatoria de cada acción formativa determinará que tipo de certificado corresponderá aos alumnos que participen nos cursos.

B) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

C) Outorgaráselle certificado de aproveitamento ao alumnado dos cursos que así estableza a convocatoria. A expedición deste certificado requirirá cumprir o mínimo de asistencia establecido para esa actividade, así como a superación do sistema de avaliación da aprendizaxe axeitado a cada actividade, mediante diferentes instrumentos, do cal se terá coñecemento antes do comezo ou durante o desenvolvemento da actividade formativa. En caso de non superar as probas establecidas tampouco se facilitará certificado de asistencia.

D) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes nos cursos terán que facilitarlles unha copia das certificacións recibidas aos servizos de persoal do centro directivo ao cal estean adscritos.

Oitava.-Especialidades dos cursos de teleformación. Requirimentos técnicos e certificados.

A) As persoas solicitantes de cursos de teleformación deberán dispor dun teléfono de contacto e dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

-Ordenador con conexión á internet.

-Navegador de internet.

-Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

Tamén se requirirán coñecementos de manexo de ordenadores a nivel de usuario, de internet, de navegadores e de correo electrónico.

B) Con carácter xeral os cursos na modalidade de teleformación realízanse na modalidade de cursos con certificado de aproveitamento. Para poder acadar este certificado nos cursos de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade. Se non se cumpren estes requisitos en ningún caso se expedirá o certificado de aproveitamento nin o de asistencia. Estes requisitos son:

-Lectura detallada dos contidos do curso. Cada curso ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma. Para verificar este requisito poderá establecerse para cada actividade un tempo mínimo de conexión de forma global ou por módulos.

-Adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar como aprobadas no momento en que se determine na plataforma. En cada curso determinarase o sistema de superación das actividades e a posibilidade ou non de repetilas.

-Realización e superación das probas de avaliación que se establezan. A superación da actividade será determinada polo correspondente titor do curso, que informará da superación do sistema de avaliación por parte dos alumnos á EGAP.

C) Ao inicio do curso, publicarase na propia plataforma de teleformación o programa do curso sinalando, as probas de avaliación que se establecen para esa actividade, así como as datas en que estas terán lugar. Salvo que se determine outra cousa, nestes cursos as probas de avaliación finais serán presenciais nos lugares e nas datas que se establezan. A EGAP informará a través da páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Novena.-Facultades da EGAP.

A) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e pode suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Así mesmo, correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

B) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

C) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

D) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento dos cursos serán anunciadas na páxina web da escola.

Ver referencia pdf "19000D003P013.PDF"