DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 01 de outubro de 2010 Páx. 16.633

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de setembro de 2010 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2009-2010.

A Orde EDU/2058/2010, do 13 de xullo, pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e se regulan os requisitos e o procedemento para a súa concesión (BOE do 29 de xullo de 2010), determina no seu artigo 4.1º que as administracións educativas competentes poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus respectivos ámbitos de competencias.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse en Galicia os premios extraordinarios de bacharelato para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2009-2010 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Número e recoñecemento.

1. Poderase conceder un máximo de 19 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 09.04.423A.480.1 cunha dotación global de 19.000 €.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotaralle nel a distinción.

5. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

6. De acordo co previsto no número 2º do artigo 25 da Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos (BOE do 15 abril), o alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato non estará obrigado ao pagamento dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público. No caso de que o premio se lle concedese con posterioridade ao pagamento das taxas, a universidade poderá optar entre devolver ao alumnado o seu importe, ou descontalo no primeiro pagamento polo dito concepto que o alumnado realizase con posterioridade ao da concesión do premio.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter cursado primeiro e segundo de bacharelato en calquera das modalidades en centros docentes españois, ben en réxime presencial, ben en réxime a distancia.

b) Ter finalizado estes estudos na Comunidade Autónoma de Galicia no ano académico 2009-2010.

c) Ter obtido no conxunto dos dous cursos de bacharelato una nota media igual ou superior a 8,75 puntos.

2. Para obter a nota media computaranse exclusivamente as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas dos dous cursos de bacharelato. Non computará na obtención da nota media a cualificación da materia de relixión, tendo en conta o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 126/2008, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A cualificación será a media aritmética das cualificacións do conxunto de materias ás que se refire o punto anterior, expresada con dous decimais, redondeada a centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

4. O solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4º.-Prazo e documentación.

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios, deberá solicitalo na secretaría do centro público de educación en que se atope o seu expediente académico, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Para formalizar a inscrición deberá presentar a seguinte documentación:

a) Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Declaración xurada de ter ou non ter percibido ou solicitado outras axudas ou premios convocados co mesmo fin polas administracións públicas competentes segundo o modelo do anexo II desta orde, co que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao último pagamento, no caso de non producirse variación.

3. Os centros públicos de educación elaborarán e xuntarán á documentación anterior os documentos que a seguir se relacionan:

a) O alumnado que non teña o seu expediente de bacharelato recollido na base de datos da aplicación XADE, certificación académica dos estudos obxecto de baremo, onde se reflicta a cualificación final media á que se refire o artigo 3.2º, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público no que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado, na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premiosbac

4. Sen prexuízo do anterior, o alumnado poderá presentar a documentación indicada no número 2º deste artigo, na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Tramitación de solicitudes.

Ata o día seguinte ao de finalización do prazo de solicitude, os centros públicos de educación remitirán as solicitudes de inscrición, por envío urxente, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781, Santiago de Compostela.

Artigo 6º.-Emenda e mellora da solicitude.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude non reunise os requisitos precisos requirirase ao interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándoselle que, de non facelo, se considerará como desistido da súa petición, arquivándose esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42.1º da citada lei.

Artigo 7º.-Realización da proba para a obtención do premio.

1. O alumnado deberá realizar unha proba que se estruturará en dúas partes:

1.1. Primeira parte, desenvolverase en dúas horas:

1.1.1. Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

1.1.2. Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

1.2. Segunda parte, desenvolverase nunha hora:

1.2.1. Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade e cursada polo alumnado para elixir entre técnicas de expresión gráfico-plástica, debuxo artístico II, historia da música e danza, literatura universal, matemáticas II, bioloxía, física, química, xeografía, latín II, historia da arte e matemáticas aplicadas ás ciencias sociais II.

1.2.2. O alumnado que finalice as ensinanzas profesionais de música e danza e obtivese o título de bacharel despois de superar as materias comúns do bacharelato, de acordo co establecido no artigo 50.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, desenvolverán temas, respostas e cuestións e/ou exercicios prácticos da materia de historia da música e a danza.

2. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

3. A puntuación total será a suma total de cada unha das cualificacións obtidas. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter, como mínimo, cinco puntos en cada exercicio e 21 puntos ou máis na cualificación total.

4. Posto que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2º desta orde, en caso de empate darase preferencia: primeiro á mellor nota media referida no artigo 3º.2, despois á cualificación da primeira parte da proba e finalmente á cualificación da segunda parte da proba. De persistir o empate o tribunal procederá a realizar un sorteo.

5. As probas realizaranse en lugares e datas que se publicarán mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: http://www.edu.xunta. es/premiosbac

Artigo 8º.-Tribunal.

1. O tribunal encargado de elaborar, supervisar e avaliar as probas estará presidido polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en que delegue, e constituído por funcionarios dos corpos de inspectores de educación e/ou dos corpos do profesorado de ensino secundario especialistas nas distintas materias obxecto da proba, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A efectos de colaboración no disposto no parágrafo anterior poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros do tribunal e outros/as especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

3. O tribunal fará pública as cualificacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia, http://www.edu.xunta.es

4. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderán reclamar por escrito contra a cualificación obtida, mediante instancia dirixida ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo de dez días a partir do seguinte ao que sexan públicas as cualificacións.

a) As probas sobre as que se solicitase esta reclamación serán revisadas por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

b) A cualificación final da proba reclamada será a que resulte desta revisión.

5. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 9º.-Proposta de concesión dos premios e publicación da resolución de adxudicación.

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios.

2. A acta quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e serán remitidas copias da proposta definitiva á Secretaría Xeral de Universidades, aos reitorados das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, aos departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á Dirección Xeral de Avaliación de Cooperación Territorial do Ministerio de Educación.

3. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo tribunal ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Artigo 10º.-Recurso contra a resolución.

Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Artigo 11º.-Obriga dos/as gañadores/as.

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de someterse ás actuacións de comprobación que poidan efectuar os órganos de comprobación competentes, para o que achegará canta información lle sexa requirida, de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007.

2. O alumnado premiado presentará certificación de titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos en que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indica o artigo 14.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación ou resolución no premio concedido, conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo13º.-Transparencia das prácticas da Administración.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2010.

Xesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "19000D002P009.PDF"