DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 30 de setembro de 2010 Páx. 16.586

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 23 de setembro de 2010 pola que se regula e aproba o modelo de comunicación previa para a realización de combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais.

O proceso de incorporación ao dereito español da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, precisa dunha adecuación de toda a normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio aos principios inspiradores do mercado interior.

En cumprimento deste mandato promulgouse no ámbito autonómico a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á cita Directiva 2006/123/CE.

Entre as leis modificadas atópase a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia. Con base na libre prestación de servizos que rexe no mercado interior eliminouse a autorización administrativa previa que establecía o artigo 6.e) da citada lei de xogo para as combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais, aínda que se establece a obriga de comunicación con carácter previo á súa realización.

Esta orde establece o modelo para comunicar á dirección xeral con competencia en materia de xogo a realización destas combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais e determina os efectos da dita comunicación.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é a regulación da comunicación individualizada previa que os promotores de combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais están obrigados a realizar.

2. A comunicación previa realizarase de acordo co modelo que se achega como anexo á esta orde. Poderá realizarse por vía electrónica, no enderezo web: http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia.

Artigo 2º.-Efectos da comunicación.

1. A comunicación producirá efectos desde o día da súa presentación, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que teña atribuídas o organismo administrativo competente.

2. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato manifestado na comunicación previa, así como a non presentación desta, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "18900D001P006.PDF"