DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2010 Páx. 16.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2010 pola que se convoca un curso sobre OpenOffice Writer básico para o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, que se desenvolverá a través da internet.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Escola Galega de Administración Pública, e co obxecto de fomentar a empregabilidade do persoal con experiencia en protección civil e emerxencias a través da formación, anúnciase a convocatoria dun curso sobre OpenOffice Writer básico, que se desenvolverá a través da internet, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: OpenOffice Writer básico.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 25.

Modalidade: en liña.

Edicións: 2.

Obxectivos.

O curso de OpenOffice Writer básico ten como obxectivo principal o coñecemento e manexo da ferramenta, identificando os elementos que conforman a ventá do programa, realizando as funcións básicas cos arquivos, aplicando distintos formatos de documento e páxina e realizando as funcións básicas de edición co texto.

Contido.

1. Introdución a OpenOffice.org.

2. Introdución a OpenOffice.org. Writer.

3. Introducir e editar o texto.

4. Formatos do texto no documento.

5. Manexo de imaxes no texto.

6. Configuración e formatos de páxina.

7. Táboas.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Os cursos van dirixidos ao persoal profesional e voluntario do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Prazas ofertadas.

50 por edición.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe Actividades formativas, Cursos con inscrición aberta, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución, e non serán admisibles outros modelos de solicitude en que non conste a mesma información.

b) Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través do web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación, de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Cada usuario deberá ter unha conta de correo electrónico persoal.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

f) O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

Dentro da páxina web da Agasp debe accederse á epígrafe Actividades formativas, Cursos con inscrición aberta e premer no enlace Formulario. Unha vez cubertos os datos debe seleccionar Enviar para poder imprimir a solicitude.

b) Para cubriren correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporán de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12 e 886 20 61 37, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumno participante.

Na selección empregaranse os criterios de selección establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da reserva do 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

No caso de que non haxa un número suficiente de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

O día 18 de outubro de 2010 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas comprendidas na listaxe disporán do prazo de dous días, a partir da data da publicación, para acceder á plataforma e inscribirse no curso. O prazo rematará o 20 de outubro, ás 24.00 horas.

Rematado este prazo, as persoas seleccionadas non inscritas perderán o dereito a participar no curso e a academia procederá a cubrir as vacantes coa listaxe das reservas, segundo a orde correspondente. Esta inscrición faraa a academia e comunicaráselle por correo electrónico á persoa interesada.

Os cursos darán comezo o día 25 de outubro de 2010.

As persoas que resulten seleccionadas e confirmen a súa inscrición no prazo previsto no punto anterior teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

7. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

Data de comezo: 25 de outubro de 2010.

Data de remate: 26 de novembro de 2010.

Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónico ou e-learning son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC.

-A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

-Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

-Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

-Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

-Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

-Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Cuestionarios e tarefas:

Durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá cubrir unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; non cubrir algún no prazo establecido será sancionado coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, faraselle unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a realización das tarefas farase a través da plataforma de formación en liña.

Certificados e/ou diplomas.

Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os diplomas ao alumnado participante que, segundo o previsto na convocatoria, poderá acadar o seguinte:

Certificado de participación.

Exixencias:

-Superación dos cuestionarios.

-Realización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

Certificado de aproveitamento.

Exixencias:

-As indicadas no punto anterior.

-Proba presencial final do conxunto do curso (anunciarase na plataforma coa antelación suficiente o día da realización).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

9. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Escola Galega de Administración Pública poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública