DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2010 Páx. 16.531

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 157/2010, do 9 de setembro, polo que se aproba o escudo do Concello de Ourol.

O Concello de Ourol, provincia de Lugo, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a aprobación definitiva deste.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único-.Aprobar o escudo do Concello de Ourol, Lugo, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

De sinople, banda de ouro, acompañada dun vichelocrego ou gaimarelo (Oriolus Oriolus) en cada oco; bordura de prata cargada con oito piñeiros ao natural. Ao timbre coroa real pechada.

As aves de ouro Oriolus oriolus, coñecidas en Galicia como vichelocrego e gaimarelo, simbolizan o topónimo Ourol, derivado do latín Oureolus (dourado). A banda lembra o cabaleiro don Fernán Pérez de Andrade «O Boo», que deixou a súa pegada heráldica no século XIV na igrexa parroquial de San Pantaleón de Cabanas e que el mesmo mandou edificar. Os oito piñeiros da bordura aluden ás oito parroquias do municipio e á actual riqueza forestal que, xunto coa cor sinople do campo, simbolizan ademais o ambiente e o seu carácter rural.

Santiago de Compostela, nove de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "18800D003P007.PDF"