DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2010 Páx. 16.530

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 156/2010, do 9 de setembro, polo que se aproba o escudo do Concello de Carnota.

O Concello de Carnota, A Coruña, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de setembro de dous mil dez.

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello de Carnota, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

«En campo de prata, sobre ondas de prata e azur, un monte de sinople resaltado de dúas torres de prata mazonadas de sabre, superado dunha estrela de ouro de seis puntas; bordura de ouro cargada da lenda Moi Humanitario, de goles. Ao timbre, coroa real cerrada.

O monte lembra o monte Pindo, moi relevante no termo municipal; as dúas torres aluden ás fortificacións medievais «San Jurgium e Canetu», situadas nos lugares hoxe coñecidos como Penafiel (monte Pindo) e Castelo, que se edificaron para defender e protexer a comarca; as ondas representan o río Ézaro ou Xallas coa súa fervenza e mais o océano Atlántico para resaltar a importancia que o mar ten entre a poboación do municipio; a estrela alude a un antigo medallón de bronce encontrado no citado monte polo ano 1875, interpretado polo arqueólogo Lehmann Nitsche como a representación popular da constelación sideral Pléiades; a lenda Moi Humanitario recolle o título concedido polo goberno de España en atención á conduta exemplar dos veciños do municipio, que contribuíron ao salvamento da tripulación da fragata Ariete, que embarrancou en Lira o 25 de febreiro de 1966».

Santiago de Compostela, nove de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijoo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "18800D002P006.PDF"