DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2010 Páx. 16.530

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 155/2010, do 9 de setembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Nogueira de Ramuín.

O Concello de Nogueira de Ramuín, Ourense, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A compentencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Nogueira de Ramuín, Ourense, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

«Pano de verde e azul dividido en vertical por un filete de branco; o pano de verde da hasta cunha roda de afiador e paraugueiro, e no de azul da batente con nove mitras de amarelo cargadas de cadansúa cruz enarborada de vermello.

A roda de afiador e paraugueiro representa a profesión itinerante de afiador, cuxa fama e valía se estendeu desde este municipio por toda Galicia; a cor verde indica a riqueza forestal, onde destaca o castiñeiro e o pintoresco contorno paisaxístico e ambiental; e as nove mitras son as armas heráldicas do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e aluden aos nove santos bispos que se refuxiaron nel.»

Santiago de Compostela, nove de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "18800D002P006.PDF"