DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 28 de setembro de 2010 Páx. 16.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2010 pola que se convoca un curso sobre atestados e reconstrución de accidentes de tráfico.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a convocatoria dun curso sobre atestados e reconstrución de accidentes de tráfico, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: atestados e reconstrución de accidentes de tráfico.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 40.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

-Coñecer a metodoloxía completa para a reconstrución dun sinistro.

-Saber facer unha recompilación de datos para a reconstrución desenvolvendo prácticas en todos os pasos.

-Resolución de casos reais de forma pormenorizada.

Contido:

-Metodoloxía e toma de datos para a reconstrución de accidentes de tráfico.

-Fundamentos físicos para a reconstrución: aplicación.

-Estudo de atestados e prácticas con casos reais.

-Elaboración do informe técnico e actuación ante do xulgado.

-A lei de axuizamento criminal e os xuízos rápidos.

-A atención ás vítimas de accidentes de tráfico. A comunicación de malas noticias polos encargados da vixilancia do tráfico.

-O accidente de tráfico con alcoholemias positivas: O dereito ao contraste en sangue, dilixencias policiais ao efecto.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local da provincia de Pontevedra.

Prazas ofertadas: 25 prazas.

Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Publicación: esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 8 de outubro de 2010.

O persoal que desexe participar nesta actividade cubrirá a solicitude de participación que se encontra na páxina web da AGASP http://agasp.xunta.es, no punto Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala o/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello da que dependa, enviándoa á Deputación Provincial de Pontevedra-Área de Recursos Humanos e Formación (fax: 986 80 41 41): avenida Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 13 de outubro de 2010, tanto a Deputación Provincial de Pontevedra (Área de Recursos Humanos e Formación (teléfono: 986 80 41 00 ext. 306/307) como a Academia Galega de Seguridade Pública (no sitio web http://agasp.xunta.es), publicarán a lista das solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á AGASP, por correo electrónico á dirección formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da AGASP, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, de 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: o curso impartirase no Concello de Pontevedra, quedando por concretar o seu lugar de desenvolvemento, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 18 de outubro de 2010.

Data de remate: 28 de outubro de 2010.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,600 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da AGASP, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública