DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 28 de setembro de 2010 Páx. 16.505

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 22 de setembro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia convocadas pola Orde do 15 de marzo de 2010.

Pola Orde, do 29 de xaneiro de 2009, da Consellería do Medio Rural (Diario Oficial de Galicia nº 24, do 4 de febreiro), modificada pola Orde do 19 de febreiro de 2010 (Diario Oficial de Galicia nº 38, do 25 de febreiro), establecéronse as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia con vixencia indefinida.

Por Orde do 15 de marzo de 2010 (Diario Oficial de Galicia nº 58, do 26 de marzo) convocáronse para o ano 2010.

No artigo 8 da dita Orde do 15 de marzo de 2010, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas. Este artigo prevé expresamente a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria contida na referida orde, polo que tendo en conta que o número de solicitudes presentadas superou as previsións realizadas por esta consellería, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na orde desta consellería, do 15 de marzo de 2010 (Diario Oficial de Galicia nº 58, do 26 de marzo), pola que se convocan para o ano 2010 as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia.

2. O incremento de dotación para o exercicio 2010 é de 3.000.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713-C 772.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010. Para exercicios futuros, con cargo á mesma aplicación orzamentaria 13.02.713-C 772.1, auméntase a dotación en 500.000,00 euros no exercicio 2011.

3. Tamén se poderán utilizar outros remanentes adicionais que poidan existir na mesma aplicación. En todo caso, a concesión das axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 15 de marzo de 2010.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural